Vigo prepárase para acoller a primeira fábrica de chips fotónicos de España no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Zona Franca, que dará comezo á súa actividade a partir de 2027. Ardora III-V, antes coñecida como Sparc Foundry, é unha empresa de semicondutores especializada en fotónica integrada en dispositivos avanzados baseados en diferentes materiais, cun foco especial nas aplicacións fotónicas e a radiofrecuencia (RF). “Os semicondutores fotónicos son a última tecnoloxía de chips que se está a desenvolver no mundo. En Europa tan só está en tres países: Alemaña, Francia e España. E, no caso de España, atópase na Zona Franca de Vigo”, explica o delegado de Zona Franca David Regades. Deste xeito, Ardora III-V pon Galicia na vangarda dunha industria punteira cun impacto crecente no ecosistema tecnolóxico.
O Ministerio para a Transformación Dixital vén de anunciar que xa se preseleccionaron seis empresas españolas que participarán no Proxecto Importante de Interese Común Europeo en Tecnoloxías Avanzadas de Semicondutores (Ipcei-AST), e Ardora é unha das entidades escollidas. A iniciativa, coordinada dende a Unión Europea, busca fomentar a cooperación internacional en sectores de impacto económico e tecnolóxico.
Un traballo altamente especializado
A compañía atópase no proceso de captación de persoal especializado en diferentes países. “Actualmente somos 28 persoas e iniciaremos a produción cunha plantilla de 90 empregados”, apunta o CEO de Ardora III-V, Francisco Díaz-Otero. O delegado da Zona Franca de Vigo sinala que o obxectivo é chegar a 500 traballadores altamente capacitados na fábrica, e engade: “Xa contamos con persoas de moitas nacionalidades, o que proba que o proxecto atrae talento internacional“.
A empresa conta con achegas por parte de Indra como socio principal do proxecto, da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica e da Zona Franca de Vigo. David Regades resalta a importancia destas sinerxias: “É o reflexo dunha colaboración público-privada que garante o desenvolvemento de proxectos tan innovadores”. O delegado de Zona Franca recoñece o valor de traballar da man do xigante Indra: “O 90% dos aeroportos do mundo teñen algunha tecnoloxía elaborada por esa empresa”.
O obxectivo de Ardora
“O noso obxectivo é converter as innovacións dos nosos clientes en capacidade industrial“, afirma Díaz-Otero. O CEO sinala que, como fundición pure-play (é dicir, que fabrica chips exclusivamente para outras compañías, sen deseñar nin vender produtos propios), céntranse en apoiar tecnoloxías estratéxicas á par que manteñen a independencia e a propiedade intelectual dos desenvolvedores. “Queremos reducir a dependencia exterior, reforzar a resiliencia da cadea de subministración europea e responder á crecente demanda de semicondutores de alta eficiencia enerxética”, engade Francisco Díaz-Otero.
Deste xeito, a empresa busca satisfacer a necesidade en aumento dunha tecnoloxía cuxa vixencia se volve máis patente cos avances no tratamento de grandes cantidades de datos. “Especializámonos na fotónica integrada e dispositivos avanzados baseados en fosfuro de indio (InP), arseniuro de galio (GaAs) e nitruro de galio (GaN)“, aclara o CEO de Ardora.
A fabricación de chips
O novo nome da empresa fai alusión ao fenómeno bioluminiscente polo que as augas dalgunhas costas se salpican de puntos de luz debido á presenza de certas microalgas. O indicador III-V, pola súa parte, refírese aos elementos usados como base para a elaboración dos seus chips (InP, GaAs e GaN).
“Estes materiais empréganse en forma de obleas (que se denominan wafers) sobre as que se fabrican os dispositivos e circuitos. O proceso de fabricación require, ademais, materiais auxiliares como metais para contactos (ouro, titanio, platino, etc.), dieléctricos (SiO₂, SiN), fotorresinas, gases de epitaxia e produtos químicos de limpeza e gravado”, aclara Díaz-Otero.
Estes chips empregaranse nos campos da intelixencia artificial (IA), en centros de datos, 6G, telecomunicacións, automoción, sensores, defensa, radiofrecuencias (RF), etc. “Ofrecemos aos clientes capacidade de produción para os seus deseños. Poñemos á súa disposición unha plataforma tecnolóxica flexible para que cada empresa poida desenvolver os seus propios dispositivos e produtos”, explica o CEO de Ardora III-V.
O impacto da fabricación de chips fotónicos
A fabricación de chips fotónicos é especialmente relevante no contexto tecnolóxico actual. Francisco Díaz-Otero sinala que isto nace da resposta que ofrecen estes obxectos aos grandes retos da innovación e a xeopolítica, e numera: “O crecemento exponencial do tráfico de datos, a intelixencia artificial, a eficiencia enerxética e a autonomía tecnolóxica europea nun ámbito estratéxico para a competitividade e a seguridade futuras”.
A preselección de Ardora III-V no proxecto da Unión Europa Ipcei supón un paso máis na consecución dos obxectivos da empresa, que prevé abrir as súas portas no ano vindeiro.














