A revolucionaria tecnoloxía en Vigo que será un centro industrial de Europa

“É un proxecto estrela para Galicia”, destaca o delegado da Zona Franca de Vigo sobre a creación dunha nova fábrica de microchips fotónicos

A tecnoloxía avanza a pasos axigantados. En ocasións, hai pequenas revolucións das que a cidadanía apenas é consciente pero que teñen un grande impacto no día a día. Os microchips fotónicos son unha desas revolucións progresivas, silenciosas, que foron evolucionando co paso dos anos e que cada vez teñen maior importancia. A aparición de grandes centros de datos, a intelixencia artificial ou a creación de case calquera mecanismo que precise do fluxo rápido de información fannos imprescindibles. E Vigo vai camiño da creación dunha das tres grandes fábricas de Europa da man da Zona Franca de Vigo.

A luz é máis rápida, ten máis capacidade e ofrece maior seguridade que os semicondutores tradicionais. Algo esencial para os sectores estratéxicos nunha época de fortes investimentos en Europa en tecnoloxías e industrias clave. O proxecto planeado para Vigo é o único que fabricará obleas fotónicas en todo o país nun momento no que o continente busca maior soberanía no eido tecnolóxico.

Publicidade

“Case todo leva microchips: un ordenador, un coche, unha televisión… existe unha dependencia aos semiconductores”, explica o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades. Porén, isto está a potenciar a chegada dun novo sector industrial, que deixa atrás os electrónicos para que aparezan os fotónicos. Estes últimos son tamén clave na computación e comunicación cuántica, un dos ámbitos de especial investimento e importancia por parte da investigación española.

Colaboración entre empresas públicas e privadas

A planta contará con 4.000 metros cadrados no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares e terá capacidade para fabricar ata 20.000 obleas de chips ao ano. O edificio contará con instalacións de última xeración e estímase a creación de 200 empregos directos e máis de 500 indirectos.

Publicidade

“É un proxecto estrela para Galicia, para España e para Europa”, destaca Regades. A orixe deste acordo parte da colaboración entre a Universidade de Vigo e a Zona Franca de Vigo. O primeiro trasladou as ideas e o segundo o coñecemento industrial e o acompañamento para conseguir que saíse adiante. Algo esencial era a presenza dun socio comercial. A chegada ao proxecto de Indra, unha empresa con financiamento público privado e de gran relevancia a nivel internacional, foi o reforzo esencial para poder producir unha das fábricas máis grandes para o mundo tecnolóxico nos próximos anos.

Interese de varios clientes internacionais

Foto da firma do acordo de inversión en Sparc

Para conseguilo, houbo varias necesidades clave. A primeira, era ter os técnicos coa formación adecuada, algo que se facilitou desde a universidade, e logo o apoio das institucións públicas, como o Concello de Vigo. Aí foi clave a capacidade dos socios para convencer ao Goberno e, concretamente, á Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica. En total, achegaron máis de 17 millóns de euros ao proxecto, unha cantidade importante para que se levase a cabo.

A fábrica é atractiva para moitas empresas de toda Europa e noutros lugares do mundo. “Hai clientes internacionais que están interesados nesta planta e que garanten o uso desa produción”, explica o delegado. Entre eles, de Alemaña, Francia, Italia, Corea e Estados Unidos, destacan, pero tamén a nivel nacional, como é o caso destacado de Indra. “Temos ao redor de 800 e 900 clientes que son obxecto de atención e ata 30 cartas de interese de empresas que desexan ser subministradas por esta nova planta”, asegura. O proxecto tamén xera un interese das máis altas institucións. De feito, o ministro de Transformación Dixital, Oscar López, visitou a cidade o pasado xoves para coñecer máis sobre a futura planta.

Unha nova industria central para Vigo

A construción comezará a finais de 2025 e prevé poder producir a partir de 2027. Porén, as predicións son tan optimistas que xa se planea unha posible ampliación. Un dos grandes clientes tamén é Indra, que ademais está a acadar novos contratos e que precisará de máis semiconductores. A empresa fixo un grande investimento para converterse en socio maioritario de SPARC. Parte importante da produción irá destinada a radares, sensores, comunicación e outros elementos destinados á defensa, aínda que tamén servirán para outros ámbitos, como pode ser telecomunicación ou no sector automobilístico.

A chegada a Vigo deste novo foco de produción industrial pode transformar a cidade. As fábricas de conservas, a construción naval e a produción automobilística foron algunhas das bases industriais do século XX e XXI, recorda Regades e, agora, destaca que esta nova industria será unha das que transforme e axude a evolucionar a cidade. Liderar este proceso de cambios cara a un momento de soberanía industrial, é esencial. Por iso, este proxecto é unha das grandes oportunidades para fortalecer o tecido económico galego e, especialmente, o vigués. Unha cidade que, segundo afirma Regades, “Xa destaca entre os lugares máis tecnolóxicos de España e de Europa”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia