Publicidade

As videochamadas e o teletraballo limitan a túa creatividade, segundo un estudo

A comunicación virtual céntrase na pantalla e reduce o enfoque cognitivo, tal e como conclúen investigadores de Estados Unidos nun artigo de Nature

O teletraballo xa é, para moitos, unha rutina. Para eles xa non hai desprazamentos á oficina, nin cafés de media mañá cos compañeiros, nin reunións presenciais. Tan só unha interacción virtual, é dicir, a través dunha pantalla. E resulta innegable afirmar que isto é, en boa parte, resultado da pandemia. Debido aos intermitentes confinamentos, moitas empresas decidiron darlle flexibilidade aos seus traballadores. Agora, unha investigación publicada en Nature advirte: as videochamadas limitan a creatividade, posto que se adoitan producir menos ideas orixinais que de forma presencial.

O estudo estivo liderado por investigadores estadounidenses: Melanie Brucks da Escola de Negocios da Universidade de Columbia e Jonathan Levav da Escola de Negocios da Universidade de Stanford. Segundo a información recollida pola Agencia SINC, os autores reclutaron 1.490 persoas —traballadoras dunha empresa de infraestruturas de telecomunicacións— de cinco países. A continuación emparelláronas ao azar, a uns cara a cara e a outros por videochamada, co obxectivo de que crearan ideas de produto e escolleran unha como futura innovación da súa empresa. De aí concluíse que as persoas que realizaron o experimento en persoa produciron máis ideas e, ademais, as máis creativas, en comparación coas parellas virtuais.

Publicidade

As persoas que realizaron o experimento en persoa produciron máis ideas e máis creativas

“Hai unha diferenza de 2,5 ideas: os grupos presencias xeran unhas 16 ou 17, mentres que os virtuais producen entre 13 e 15”, sinala Brucks en declaracións recollidas pola Agencia SINC. A diferenza, por tanto, non parece moi significativa. A este respecto, o psicólogo da Área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da Universidad de Zaragoza, Juan Ramón Barrada, declara: “As parellas que interactúan cara a cara son lixeiramente máis capaces de xerar ideas creativas. É importante sinalar que o efecto, que parece robusto, non é moi grande, pero iso non lle quita relevancia. Non había razóns para esperar un efecto grande”.

“Os autores interpretan que esta maior capacidade para a xeración de ideas pódese explicar porque nunha interacción cara a cara un pode mirar menos á cara da outra persoa (na charla en liña a mirada está máis centrada en manter contacto coa outra persoa), polo que a atención pode fixarse en máis elementos”, continúa debullando Barrada en declaracións recollidas polo Science Media Centre España. Non obstante, o investigador cre que a xustificación da mirada é “algo máis especulativo” e apunta que o estudo non explica claramente, a nivel teórico, por que tería que ser así.

A proposta máis orixinal

Malia isto, o estudo recolle que á hora de seleccionar cal era a idea máis creativa de todas, os grupos virtuais non eran menos eficientes que os presenciais. Unha das posibles explicacións a este efecto é, segundo Barrada, que se un xera menos ideas, é probable que sexa capaz de detectar entre elas cal é a mellor. É dicir, terían máis facilidades para discernir entre unhas e outras polo seu número máis reducido.

Polo tanto, os resultados suxiren que o o traballo creativo se pode beneficiar das reunións en persoa, xa que as interaccións virtuais conlevarían un custo cognitivo. En cambio, outros tipos de colaboración poden non verse afectados. Ademais, Barrada explica que os autores do estudo deixan claro que a creatividade non é o único criterio para determinar como se organiza a dinámica laboral. É dicir, hai outros factores a ter en conta, como os custos e as preferencias persoais.

A creatividade non é o único criterio para determinar como se organiza a dinámica laboral

Desta maneira, os autores do estudo conclúen que as reunións en liña non son necesariamente peores que as presenciais, senón que hai diferenzas entre elas e é preciso axustarnos en función do que queiramos conseguir. Brucks, por exemplo, suxire que se apague a cámara do ordenador durante os procesos de xeración de ideas para, así, poder camiñar arredor do cuarto e ser máis creativos. Por outra banda, Barrada apunta a que é preciso que se fagan máis estudos. “Quizá a medida que o sistema de traballo por videollamadas se xeneralice e aprendamos novas pautas certos efectos adversos deste sistema desaparezan. Ou talvez non”, conclúe.


Referencia: Virtual communication curbs creative idea generation (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Nature’ recoñece un estudo galego sobre mala praxe científica

As retractacións de artigos biomédicos cuadriplicáronse nos últimos 20 anos, segundo a análise liderada polo investigador da USC Alberto Ruano

Unha científica galega advirte en ‘Nature’ do aumento de colapsos en pontes

A deterioración dos materiais, as sobrecargas de vehículos e trens, e os fenómenos extremos intensifican o dano que sofren as infraestruturas

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia