Un equipo científico liderado polo Clínic-IDIBAPS de Barcelona e o Instituto de Investigación do Cancro de Londres desenvolveu un método innovador baseado na metilación do ADN para descifrar a orixe e a evolución do cancro, que ademais permite predicir o seu curso clínico. O estudo, publicado na revista Nature, analiza a evolución de tumores en 2.000 pacientes con leucemias e linfomas.
O cancro non empeza no momento do diagnóstico, senón que a miúdo se desenvolve de maneira silenciosa durante anos. De forma parecida á “caixa negra” dun avión, que rexistra datos do voo como a orixe, a dirección e a velocidade, os investigadores descubriron que a traxectoria evolutiva do cancro está codificada no epixenoma. En concreto, atópase nun tipo especial de marca epixenética coñecida como metilación flutuante.
Ata o de agora, a metilación entendíase principalmente como un interruptor que activa ou desactiva xenes. Con todo, o novo traballo demostra que cumpre unha función adicional: a célula orixinal que deu lugar ao tumor deixa unha firma única de metilación. Esta pegada non só revela a identidade das células tumorais, senón que tamén cambia a medida que o tumor medra e se diversifica.
Modelos matemáticos
Grazas a modelos matemáticos avanzados, o equipo logrou descifrar estes patróns de metilación e reconstruír tanto a orixe como a evolución do tumor cunha precisión inédita, o que tamén permite predicir o seu desenvolvemento futuro.
O algoritmo, denominado EVOFLUx, aplicouse a 2.000 mostras de pacientes con distintos tipos de leucemias e linfomas. “Reanalizamos datos epixenéticos antigos desde unha perspectiva completamente nova”, comenta Calum Gabbutt, do Instituto de Investigación do Cancro de Londres. “O que antes considerabamos ruído de fondo, agora revelaba a historia evolutiva do cancro”, engade Martí Durán-Ferrer, do IDIBAPS.
“Esta nova ferramenta permítenos ler a historia pasada do cancro e coñecer cando se orixinou o tumor, a que velocidade foi crecendo e se creou diversidade celular. Isto non só é importante para entender mellor a bioloxía do cancro, senón que tamén ten aplicacións clínicas”, subliña Iñaki Martín-Subero, investigador ICREA no IDIBAPS e coordinador do estudo.
Anticipar a progresión clínica
O estudo partiu da hipótese de que coñecer o pasado dun cancro permite anticipar o seu futuro clínico. Para iso, analizáronse mostras de pacientes con cancros linfoides, incluídas leucemias pediátricas como a leucemia linfoblástica aguda e enfermidades de adultos como a leucemia linfática crónica.
Con acceso ás historias clínicas anonimizadas, os investigadores correlacionaron a evolución pasada do tumor coa súa agresividade. “Os cancros cambian co tempo, o que complica o seu tratamento”, explica Trevor Graham, director do Centro de Evolución e Cancro de Londres. “Descubrimos que o crecemento inicial do cancro determina como evolucionará no futuro, o que nos permite predicir a progresión en cada paciente. É un gran paso no manexo personalizado da enfermidade”.
Martín-Subero engade: “No caso da leucemia linfática crónica, un tipo de cancro que non sempre require tratamento inmediato, con este novo test logramos predicir cando a enfermidade necesitará ser tratada con anos de antelación”. E apunta: “Aínda que neste estudo analizamos leucemias e linfomas, cremos que esta metodoloxía podería aplicarse a todos os tipos de cancro”.
Referencia: Fluctuating DNA methylation tracks cancer evolution at clinical scale (Publicado en Nature)














