Sabías que a metástase é a responsable do 90% das mortes por cancro? Non é a presenza dun tumor nun órgano concreto o que provoca o falecemento, senón a capacidade dalgunhas células de moverse, invadir e diseminarse a outras partes do corpo. Co obxectivo de atopar novas solucións terapéuticas, o grupo de investigación Plasticidade Epitelial e Metástase do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) puxo en marcha o proxecto Canther (Cancer Therapy). A súa finalidade é comprender como se produce a metástase e identificar as dianas máis relevantes para deseñar novas estratexias terapéuticas para o seu tratamento.
Na actualidade, a loita contra o cancro baséase en catro piares fundamentais: cirurxía, quimioterapia, radioterapia e inmunoterapia. Con todo, segundo explica Angélica Figueroa, unha das líderes de Canther: “Nós queremos dirixirnos especificamente a evitar que as células se movan, invadan e metasticen”. E é que as terapias actuais céntranse, sobre todo, en destruír o tumor primario ou frear o seu crecemento, pero non abordan directamente o proceso metastásico.
O proxecto, beneficiario do programa Ignicia da Xunta de Galicia en 2021 e que se atopa xa nunha fase preclínica avanzada, naceu durante a estadía posdoutoral de Figueroa en Londres. Alí comezou a investigar unha proteína chamada Hakai. “Destrución” é o seu significado en xaponés, e non é casual: esta proteína está implicada na metástase, xa que degrada unha proteína de contactos celulares presente en células normais e que se perde cando as células se transforman, provocando un cambio na súa morfoloxía e converténdoas en migratorias. Debido ao seu mecanismo de acción, o fármaco desenvolvido podería aplicarse ao tratamento de tumores sólidos como o de colon, gástrico ou de pulmón.
Co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP a través da Axencia Galega de Innovación, a axuda foi considerada, en palabras de Figueroa, “un enorme catalizador”. Supuxo non só un impulso económico esencial para un desenvolvemento tan custoso e complexo como dun fármaco, senón tamén recoñecemento institucional, visibilidade e posición estratéxica en innovación. Ademais, contou con outras fontes de financiamento, como os programas Caixaimpulse Validate e Consolidate da Fundación La Caixa, así como o AECC Innova da Asociación Española contra o Cancro.
Hakai, unha diana terapéutica
A proteína Hakai, un dos piares do proxecto Canther, foi identificada hai máis de 20 anos e, dende entón, consolidouse o seu papel como posible diana terapéutica. A día de hoxe, existe unha sólida evidencia científica que avala a súa relevancia no proceso metastático de diferentes tipos de cancro. “A sobreexpresión de Hakai provoca unha maior capacidade invasiva e progresión tumoral”, explica a investigadora do INIBIC. Os estudos realizados en biopsias de pacientes confirman que a proteína aparece incrementada en distintos tumores, reforzando así o seu potencial como diana para novos tratamentos.
O ano 2012 marcou un punto de inflexión: describiuse a estrutura molecular de Hakai, un avance que abriu a porta ao deseño de moléculas capaces de unirse a ela e bloquear a súa actividade. A partir dese descubrimento, o laboratorio de Angélica Figueroa na Coruña asumiu o reto de explorar esta vía innovadora.
Nun primeiro momento, o equipo realizou un screening virtual mediante docking, unha técnica de modelado computacional que simula como interactúan diferentes moléculas coa proteína. A través deste proceso identificaron o composto central de Canther: o composto inicial (candidato Hit). “Este candidato demostrou ser capaz de bloquear Hakai e, en consecuencia, frear os procesos de migración, invasión e metástase”, sinala Figueroa.
Así comezou unha viaxe científica cara ao desenvolvemento dun fármaco antimetastásico, centrado en neutralizar a acción de Hakai. “Este proxecto xa non é só de investigación, senón innovación”, destaca a investigadora, quen concibe o labor de Canther como un proceso de mellora dun composto xa coñecido.
Fase preclínica avanzada
A pesar do longo, complexo e custoso proceso que supón desenvolver o primeiro inhibidor de Hakai, o proxecto Canther atópase xa nunha fase preclínica avanzada. A folla de ruta seguida polo equipo pode resumirse en tres fitos principais: a validación da diana terapéutica, a identificación e optimización dos compostos candidatos e a demostración da súa eficacia antimetastásica en modelos animais.
“Actualmente traballamos en optimizar estes compostos para o seu uso en humanos, co propósito de dispoñer dun composto mellorado para avanzar á fase regulatoria”, explica Angélica Figueroa, sinalando o paso previo ao inicio dos ensaios clínicos.
O grupo Plasticidade Epitelial e Metástase é consciente da complexidade do camiño e non dubida en cualificalo de “enormemente arriscado”. Con todo, a falta de terapias específicas contra a metástase converte a Canther nunha resposta clara a unha “necesidade médica non cuberta”, subliña Figueroa. Segundo a investigadora do INIBIC, o composto xa presenta propiedades de fármaco viables para a administración oral.
Entre os resultados máis salientables da fase preclínica destaca que o 50% dos ratos non desenvolveron metástases pulmonares e observouse unha redución do 70% da carga metastásica no pulmón. Non se rexistraron perdas de peso nin danos en órganos clave como fígado, ril e corazón. “Non existe toxicidade aparente”, asegura Figueroa, avanzando que os seguintes pasos incluirán ensaios de seguridade adicionais en estudos preclínicos regulados.
Retos cara á proba en pacientes
As probas preclínicas son só o primeiro paso dun longo camiño que debe culminar coa avaliación do fármaco en pacientes reais para confirmar a súa eficacia. Os desafíos son evidentes, especialmente nun ámbito tan complexo como o tratamento de metástase. “Resulta clave obter unha formulación estable e adecuada para a súa administración en pacientes”, subliña Angélica Figueroa.
O principal reto científico consiste en situar un fármaco antimetastásico de maneira diferencial fronte ás alternativas existentes, un obxectivo que o proxecto Canther persegue cunha clara vocación global.
Pero ao reto científico súmase tamén o reto económico. O desenvolvemento dun novo fármaco require recursos moi elevados, sobre todo na transición entre a fase preclínica e os primeiros ensaios clínicos. Así, é fundamental dotar os grupos de investigación de financiamento suficiente para afrontar “os elevados custos asociados a este paso”, engade a investigadora.
Unha nova spin-off do INIBIC
O innovador fármaco no marco de Canther xa se atopa baixo unha estratexia para dar lugar a unha nova spin-off vinculada ao INIBIC, co obxectivo de transformar resultados científicos en produtos con potencial no mercado. “Consideramos que é a estratexia máis adecuada para optimizar o valor da innovación e manter o liderado científico”, explica Angélica Figueroa.
No caso de Canther, non se trata de comercializar un produto tanxible inmediato, senón dun fármaco candidato en fases clínicas temperás, “un proxecto con alto potencial de converterse nun gran produto”, engade a investigadora.
A estratexia do equipo pasa por xerar a suficiente evidencia científica e clínica para que unha farmacéutica poida asumir as fases máis avanzadas dos ensaios clínicos e a posterior comercialización. “Son proxectos que requiren investimentos de 20 e 40 millóns de euros”, lembra Figueroa, cifras que só poden afrontar as compañías farmacéuticas.
A curto prazo, o obxectivo é atraer investidores especializados en proxectos biomédicos en fases preclínicas avanzadas. “O ideal sería contar cun investidor líder que comprenda a complexidade e o risco deste tipo de iniciativas”, explica a investigadora, e que ademais poida guiar na estratexia de capital, no peche da rolda de investimento e no avance do proxecto.
Con resultados “moi prometedores e innovadores”, Canther está listo para dar o seguinte paso. “É unha oportunidade de cambiar o panorama do cancro co desenvolvemento de terapias antimetastásicas, xerando un impacto científico, clínico e de valor”, conclúe Angélica Figueroa.














