A artrose é un dos principais problemas crónicos de saúde. En Galicia afecta a un 8,7% da poboación de 15 e máis anos rexistrada na atención primaria. Algo menos que a media española, que está no 11,3%. Para todas estas persoas unicamente existen medicamentos que palían os síntomas (que non é pouco), pero non hai un tratamento que retarde o desenvolvemento da enfermidade.
Esta é a proposta de TARGET-OA: desenvolver unha terapia farmacolóxica innovadora para pacientes con artrose de xeonllo. O proxecto está sendo apoiado polo Programa Ignicia Proba de Concepto da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que recoñeceu á Fundación Profesor Novoa Santos como beneficiaria na súa convocatoria de 2023 para o desenvolvemento desta investigación.
Como explica Beatriz Caramés, investigadora no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), o proxecto obtivo unha serie de resultados prometedores en laboratorio. Coa axuda de GAIN finánciase a parte necesaria para chegar á práctica clínica e así poder tratar a pacientes con artrose de xeonllo. Caramés, quen tamén coordina a Unidade de Bioloxía da Cartilaxe, explica que nestes momentos se están realizando os estudos regulatorios para poder ter unha formulación ou fármaco que empregar en pacientes, de tal modo que a Axencia Española do Medicamento dea o visto e prace e, así, poder probalo directamente nas persoas afectadas pola doenza.
Unha enfermidade multifactorial
A artrose é unha enfermidade cunha gran prevalencia a nivel mundial: segundo a OMS, arredor de 528 millóns de persoas en todo o mundo tiñan esta patoloxía en 2019, o que supón un incremento do 113% desde 1990. “Esta prevalencia vai ir aumentando cada vez máis, debido a que a poboación envellece”, explica Caramés. “É unha enfermidade complexa, porque hai moitos factores involucrados”. Entre estes cita, ademais da idade, as alteracións metabólicas como a obesidade ou as alteracións xenéticas.
“Considérase unha necesidade médica non cuberta porque non existe un fármaco. Non existe unha terapia eficaz para o tratamento da enfermidade”, incide. “Utilízanse medicamentos para aliviar os síntomas, é dicir, para a dor e a inflamación, pero en ningún caso curan a enfermidade”, engade. Esta condición pode chegar a ser altamente discapacitante e leva parella unha importante carga socioeconómica.
A abordaxe de TARGET-OA para a artrose
O proxecto quere desenvolver un fármaco que cambie isto e que modifique o curso da enfermidade. Para isto, nunha primeira fase, o laboratorio no que traballa Caramés identificou un fármaco de reposicionamento, isto é, que xa se empregaba en clínica con outras indicacións. Con este realizaron os estudos preclínicos, que daban uns resultados moi prometedores. Pero tiña unha serie de limitacións, o que levou a facer un desenvolvemento tecnolóxico posterior. “Reformulouse o fármaco e encapsulámolo, o que vai permitir unha liberación controlada”, apunta.
Isto faise mediante unha inxección directa na articulación que estea danada. “O que nos vai permitir esta nova formulación e tecnoloxía é que o fármaco se libere de forma gradual durante tres meses na articulación. Por tanto, cunha única inxección, estará tres meses traballando exactamente”, sostén.
Para parte das persoas afectadas, estes tres meses serán suficientes para demorar a enfermidade, pero a variabilidade da patoloxía en pacientes é moi distinta. “Haberá quen necesite outra inxección, quen non a necesite ou o faga aos seis meses. Teremos que ir vendo”, indica. Polo momento teñen a tecnoloxía xa patentada e probada en modelos animais, o paso anterior a ir a clínica. Para isto último será necesaria a aprobación da Axencia Española do Medicamento. “Unha vez aproben, estaremos en condicións de probar, primeiro, se é seguro en pacientes e, logo, se é eficaz. É un proceso largo e custoso”, asevera. De aí a importancia da achega de Ignicia.
Obxectivos a futuro
En TARGET-OA está implicado un equipo multidisciplinar, con experiencia en distintos ámbitos e áreas do proceso. Caramés leva a parte de laboratorio, na que naceu o proxecto, que parte de dous mecanismos concretos nos que ela traballa, a autofaxia e a senescencia celular, que están implicados no proceso da enfermidade. Ademais, hai persoal especificamente centrado na parte de screening, no desenvolvemento tecnolóxico da capsulación do fármaco para a súa liberación controlada e na visión clínica da iniciativa.
Os obxectivos deste equipo son tres, explica a investigadora. Por unha banda estaría o desenvolvemento do produto e a súa manufactura en condicións especiais para seres humanos. Outra pata sería a relacionada coa regulación, que esixe dunhas condicións concretas e moi controladas. A terceira parte, que sería transversal a toda a iniciativa, sería a de negocio, coa meta final de crear unha spin-off a través da que levar ao mercado esta tecnoloxía.
“Ignicia dános o primeiro financiamento, pero evidentemente imos necesitar máis”, afonda Caramés. “O punto final é poder constituír unha empresa, para poder comercializar ou licenciar este fármaco”. Isto implica que, posiblemente, sexa necesario acceder a investimentos privados, posto que canto máis se avance no proceso, o custo increméntase. “Entón todo vai enlazado con esa visión de desenvolvemento de negocio, para poder facer o fármaco e probalo en pacientes”, afirma.
Fármaco diferenciador
“A día de hoxe non existe ningún tratamento igual que o noso”, resalta Caramés. “Estamos traballando moita xente en diferentes mecanismos, pero non hai un competidor que xa estea establecido”. Neste sentido, destaca que “para que un fármaco sexa considerado un modificador da enfermidade ten que cumprir dous requisitos: que mellore os síntomas, como pode ser a dor, e que mellore os cambios estruturais, o dano, que se producen na articulación”. Neste momento, “os fármacos que están comercializados só están dirixidos á dor”. A proposta de TARGET-OA, en cambio, si ten efecto nestes dous puntos, canda menos no laboratorio. Trátase agora de comprobalo en seres humanos. Neste sentido, aplicouse primeiro na artrose de xeonllo porque é a articulación máis prevalente, pero Caramés non descarta nada. “Por suposto gustaríanos, se funciona no xeonllo, avaliar a eficacia noutras articulacións”, engade.
“O que está no mercado non é suficiente. Evidentemente, axuda a pacientes e mellora o seu día a día, quítalles a dor, pero o dano segue estando aí. O ideal é atopar un fármaco que, ademais de alviar as molestias, mellore a articulación ou, polo menos, demore o dano, para que poidan vivir cunha mellor calidade de vida real”, conclúe.














