Programador de videoxogos. Esta era a profesión soñada do investigador Diego Robledo durante a etapa escolar. Con todo, ao chegar a bacharelato, recoñeceu para si que realmente o que lle gustaba era xogar, non programar. Así, decantouse pola súa outra paixón: os animais. Despois de estudar bioloxía e especializarse en xenética, acabou viaxando a Edimburgo para comezar a súa etapa como investigador independente. Con todo, agora mira con esperanza o seu regreso a Galicia co programa Oportunius, impulsado pola Axencia Galega de Innovación coa fin de ofrecer condicións favorables para atraer e reter talento investigador.
“Se hoxe volvera atrás e tivese que escoller outra carreira, sería algo no que estivese en contacto cos animais todo o día. Por exemplo, nun refuxio ou estudando o comportamento dos orangutáns. Ademais, sempre me interesou moito a evolución e estaba acostumado a ver cousas de xenética na televisión, polo que tamén foron as materias que máis me interesaron na carreira”, lembra sobre a súa etapa como estudante.
Sobre o seu percorrido, salienta o feito de deixarse levar polas sensacións que vai tendo: “Non é que eu buscara traballar en peixes nin nada relacionado coa acuicultura. Gustábame a xenética e Ana Viñas, a profesora coa que mellor conectei e da que quería aprender, traballaba nesta área. Unha cousa levou á outra e acabei entrando no laboratorio e facendo a tese, mais tampouco tomara a decisión consciente de ser investigador”.
O Instituto Roslin
Mentres realizaba a súa tese, Robledo pasou seis meses no Instituto Roslin (Universidade de Edimburgo) xunto co investigador Ross Houston. “Tiña pouco máis de 30 anos e estaba comezando o seu grupo de investigación. Conectamos moi ben, polo que cando rematei a tese, volvín cun contrato no seu grupo”, apunta.
Para o investigador esta é a clave no que respecta á investigación e á ensinanza, algo que salienta tanto na vocación de Ana Viñas como na de Ross Houston: “É algo que non se valora moito na universidade, cando menos nas ciencias. Chegas a ser profesor pola túa carreira, mais non tes por que ter unha vocación por transmitir os coñecementos ou unha capacidade para espertar a paixón noutras persoas. Con todo, é fundamental. Sería ideal se tivésemos profesores que desfrutaran de ensinar“. Por este motivo, considera que tivo moita sorte ao dar con “xente normal” ao longo da súa carreira laboral, podendo traballar ademais con persoas coas que conectaba.
A primeira oportunidade
Menos de tres anos despois da súa chegada ao Instituto Roslin, ofrecéronlle unha praza como investigador independente, posto que valoraban o seu currículo e os traballos que tiña realizados e tamén buscaban facer medrar esta área de investigación. “Creo que estiven no sitio e no momento correctos. Non quere dicir que non estivera preparado. Hai moita xente que o está e, por diversas circunstancias, non lle chegan as oportunidades. Hai que estar preparado e pendente das oportunidades. E estar disposto a collelas cando chegan. Mais a sorte tamén está aí”, afirma.
A pesar de contar xa co seu propio grupo de investigación, Robledo non deixou de colaborar con Houston, co que escribía proxectos conxuntos. Mais despois de dous anos realizando este traballo, o seu mentor deixou de traballar no Instituto Roslin, de maneira que Robledo pasou a xestionar toda a área: “Pasei de ter tres ou catro persoas ao meu cargo a ter dez. Foron uns momentos un pouco difíciles, porque implicaba moito máis traballo. De novo, tiven a sorte de que me levei ben con todas elas e iso facilitou moito todo”.
Reflexionando sobre a súa traxectoria no instituto, tamén recoñece que o ambiente que este proporciona aos investigadores é un factor fundamental para o desenvolvemento das súas carreiras: “Estamos expostos a novas tecnoloxías e avances científicos, o cal axuda á hora de deseñar novos proxectos. Ademais, hai seminarios todas as semanas nos que os distintos grupos presentan o que están a facer. Asegúranse de que saibas que está facendo o do lado“.
Os xenes TRIM
As boas relacións que chegou a facer durante os sete anos que durou a súa estancia en Edimburgo non eran ningún impedimento para continuar o contacto co seu grupo de investigación galego, ACUIGEN, da Universidade de Santiago de Compostela (USC): “É a miña familia investigadora. É un verdadeiro privilexio atoparte con xente coa que estás a gusto, tanto traballando como a nivel persoal”.
Por isto, cando viu a oportunidade de solicitar a bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) e entrar no programa Oportunius, non o dubidou: “A liña principal de investigación no meu grupo do Instituto Roslin é a resistencia ante enfermidades dos peixes, mediante selección xenómica. É un proceso bastante intuitivo: se tes unha vaca que dá máis leite e a reproduces, a seguinte creación dará máis leite que a media. Era o mesmo concepto aplicado ás enfermidades. No caso do ERC saínme un pouco deste eido, movido pola curiosidade. Observara que en moitas especies de peixes había máis xenes dunha mesma familia, os xenes TRIM, dos que debería haber. A pregunta é por que estes xenes e por que se dá este fenómeno en especies tan diferentes”.
Un programa punteiro
Así, no momento no que lle concederon a bolsa, o investigador entrou en contacto co programa Oportunius, do que valora especialmente a liberdade para desenvolver a investigación, os fondos e as oportunidades que este lle outorga: “É un programa punteiro a nivel nacional. Como galego, é un orgullo e un pracer poder dicir que non ten nada que envexar doutros programas internacionais”.
Tendo en conta que esta investigación comezou en setembro de 2023, o grupo aínda se atopa dando os primeiros pasos. “Unha das nosas hipóteses é que estes xenes están relacionados cun intento de degradar as proteínas virais. Os virus evolucionan moi rapidamente, polo que a familia TRIM estaría expandíndose e mudando continuamente para combater os novos virus. De ser certa, poderíamos dar cunha ferramenta máis para combatelos en acuicultura e quizais outros patóxenos”, explica.
Técnicas de edición xenética
Ademais de investigar a evolución destes xenes e investigar como foron mudando entre unhas especies de peixes e outras, o grupo tamén busca utilizar a técnica de edición xenómica CRISPR para entender a función dos xenes TRIM: “Xa tiñamos ferramentas que puideran mudar o xenoma, mais con esta técnica é moitísimo máis doado. Estamos desactivando xenes e vendo que lle pasa ao organismo. Nos próximos 12 meses agardamos ter a información de que é o que están facendo exactamente”.
Actualmente, Robledo continúa en Edimburgo por dous motivos: a súa responsabilidade cos estudantes e investigadores e a adopción da súa crianza. “Para min é importante non deixar tirada a xente coa que traballo, polo que non marcharei ata que acaben a tese ou consigan un traballo. Por outra banda, a miña parella e eu levamos catro anos nun proceso de adopción, que está a piques de rematar, e ao levarse a cabo en Edimburgo non podía deixar o meu traballo aquí. Cando se completen ambos procesos volverei a Galicia“.
Frontes abertas
Tendo en conta a situación global actual —cambio climático, aumento de poboación, escaseza de recursos—, o investigador sinala a necesidade de que a acuicultura sexa quen de conseguir máis con menos. “Para iso é necesario que os peixes non morran por enfermidades, que sexan máis resistentes a choques térmicos ou cambios de clima ou o que toque. E ademais é urxente, non para dentro de 50 anos“, manifesta.
Outro dos aspectos que incide especialmente na eficiencia e sustentabilidade da industria da acuicultura é a alimentación dos peixes: “Moitos aliméntanse doutros peixes que hai que pescar. Hai que intentar respectar máis o medio ambiente, polo que tamén hai moita investigación arredor dos pensos vexetais, así como para xerar menos desperdicios ou usar menos antibióticos“.
Mirando ao futuro
Mirando cara ao futuro da súa área de investigación, Robledo intúe que as técnicas non variarán moito, utilizando esencialmente a selección xenómica e o CRISPR: “A edición xenética aínda non se pode utilizar en Europa, mais hai outros países no mundo nos que si. Xapón xa comercializa estes peixes e Estados Unidos e Arxentina están en vías de revisión para pasar ao mercado. En Europa, espero que máis pronto que tarde, tamén terá que aprobarse esta ferramenta que pode revolucionar o mundo da produción animal e que seguramente terá aplicacións noutros eidos, como a sanidade”.
Neste sentido, un aspecto fundamental a ter en conta é a ética, algo que para o investigador debe ser estudado individualmente en cada caso e discutido en sociedade: “Os investigadores facemos cousas e a sociedade é a que guía á hora de decidir que é ético aplicar e que non. Co CRISPR estás facendo cambios, eliminando a función dun xene, e aínda que poidan ocorrer cambios similares na natureza, nestes primeiros momentos nos que comezamos a utilizar a técnica pode darse unha aplicación algo basta. Isto pode ter consecuencias de moitos tipos nun animal e require que se valore de maneira concreta”.
Riscos e beneficios da edición xenética
Así, algúns dos exemplos que utiliza para cuestionarse sobre a ética de utilizar a edición xenética teñen en conta os riscos e beneficios implicados. “Os polos e as galiñas, despois de tantos anos de selección, medran tan rápido que comezan a mostrar problemas nas patas, entre outros. Seguramente non sexa ético utilizar o CRISPR para que medren aínda máis rápido nin para que teñan máis apetito. Con todo, pode selo se o utilizamos para mellorar o uso dos recursos, para que precisen menos penso, afectando menos ao planeta. Tamén para facelos resistentes ás enfermidades, evitando o sufrimento e as perdas, de maneira que o sistema teña un maior rendemento”, defende.