José Rodríguez González (Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) pasou á historia como o Matemático Rodríguez, o primeiro gran home de ciencias de Galicia e un científico tan extraordinario como internacional. Este martes 8 de outubro, o Día da Ciencia en Galicia celebráse na súa honra despois de ser declarado Científico Galego do Ano 2024 pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Rodríguez naceu na aldea lalinense de Bermés, dende onde se trasladou a Santiago. Alí comezou a súa ampla carreira formativa, decantándose pola ciencia e aparcando a relixión. Catedrático da Universidade de Santiago (USC) con apenas 30 anos, a súa ambición traspasou as fronteiras da cidade compostelá e a comezos do século XIX marchou a Francia.
Formouse en matemáticas, astronomía e mineraloxía, e tamén estudou en Inglaterra e Alemaña. Foi moi recoñecido polos científicos máis brillantes da súa época e, sen dúbida, xa forma parte das páxinas da historia da ciencia galega e internacional. Neste 2024, cando se fan 200 anos dende o seu falecemento, o obxectivo é que Rodríguez trascenda e se faga accesible ao gran público. É de vital importancia achegar a figura deste home ilustre, brillante e excelso ás xeracións máis novas, pero tamén ás persoas de maior idade. É a mellor maneira de que Rodríguez se converta en universal. Para iso, conversamos coa doutora Carmen Villanueva, que realizou a primeira tese sobre a figura deste sobranceiro matemático.
—Como descubriu a figura do Matemático Rodríguez?
—Atopei no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega a súa biografía, na que Margarita Barral describe unha persoa cunha traxectoria vital sorprendente e fecunda, para alguén que veu ao mundo no último terzo do século XVIII nunha aldea do interior de Galicia e que non tiña orixe noble nin fidalga. Destinado pola súa familia á vida relixiosa, tomou un camiño moi diferente que o levou a Francia, Inglaterra e Alemaña. Neses países e nas institucións máis importantes tivo lugar a súa formación, estudando e traballando con moitos dos máis destacados científicos daquel tempo.
—É certo que un dos seus grandes achados foi a demostración empírica de que a Terra estaba achatada polos polos, corroborando así a teoría de Newton?
—Na súa época, era de aceptación xeral que a Terra era achatada polos polos e abombada polo ecuador. As expedicións a Laponia e ao Virreinato do Perú nas que participaran Jorge Juan e Antonio Ulloa, a mediados do século XVIII, demostrárano empiricamente. Hai algúns mitos en relación a José Rodríguez coma este e que convén desterrar, aínda que a transcendencia do seu traballo e da súa traxectoria científica non se ten que ver minguada por iso.
—A comezos do século XIX marchou a Francia. Por que?

Cedida por Francisco Díaz Fierros.
—Rodríguez chegou a Santiago de Compostela en 1787, nomeado colexial de San Xerome, e alí estudou filosofía. En 1795 obtería tamén o grao de Bachaler en Teoloxía en 1795. En paralelo a eses estudos cultivou as matemáticas, tanto de forma autodidacta como co profesor da Universidade Luis Marcelino Pereira. Ao ser urbe universitaria, na cidade existía un importante número de intelectuais ilustrados, na súa maior parte integrados ou próximos á Sociedade Económica de Amigos do País. Un dos seus membros fundadores, Pedro Sánchez Vaamonde, converteuse en protector de José Rodríguez, ao igual que Julián Suárez, boticario en cuxa rebotica tiña a sede a tertulia liberal da cidade á que o noso protagonista asistía decotío.
No ano 1801 gañou por oposición a cátedra de Matemáticas Elementais da Universidade, estudos que cursaban os futuros médicos. Era tal o seu desexo de afondar nesta ciencia, que aconsellado polos seus protectores e amigos solicitou permiso para ampliar estudos en París durante catro anos, cidade na que estaban algúns dos centros científicos máis prestixiosos de Europa. En xuño de 1803 partiu cara a Francia e contou co financiamento dos seus protectores. Unha vez na capital, estudou matemáticas no Colexio de Francia e astronomía no Observatorio de París. Alí estivo ata 1806, sendo moi estimado polos seus compañeiros membros da Oficina de Lonxitudes francesa, de quen dependía o observatorio.
—Rodríguez era recoñecido internacionalmente, pero non así en España nin en Galicia.
—A figura de José Rodríguez non era nada coñecida en Galicia ata que en 1929, Ramón María Aller Ulloa publicou unha biografía na que utilizou información procedente dalgúns arquivos. Moitos anos máis tarde, en 1988, Xosé Filgueira Valverde sacou unha obra de entidade moito menor, pero con documentación da que non dispoñía Aller. Foi a partir de 2011 cando Iván Fernández Pérez comezou a dalo a coñecer, facendo achegas interesantes e inéditas sobre a súa traxectoria científica, entre elas o papel fundamental que tivo como inspirador da Carta Xeométrica de Galicia que levaría a cabo Domingo Fontán (alumno seu) entre os anos 1817 e 1833. Este 2024, que se fan os 200 anos do falecemento de Rodríguez e se van a organizar un bo número de actividades na súa honra, estou convencida de que vai chegar ao gran público e terá o recoñecemento que ata agora non recibiu.
“Rodríguez non foi moi coñecido en Galicia ata 1929”
—Por que se fixo tan coñecido?
—No ano 1812 adquiriu notoriedade sobre todo en Inglaterra a consecuencia dun traballo seu publicado en Philosophical Transactions, revista da Royal Society de Londres, no que intentou dar unha explicación aos resultados anómalos dunhas medidas de arco que en 1803 obtivera William Mudge, director do Servizo Cartográfico Británico. Eses valores levaban á conclusión de que a Terra era achatada polo ecuador, o que non era aceptable por parte da comunidade científica, nin polo propio Mudge. Rodríguez escribiu o artigo durante a súa estadía en Inglaterra e elaborou a hipótese de que eran consecuencia dun erro nunha medida realizada. Houbo unha gran polémica, criticándose duramente que a Royal Society publicase un artigo que deixaba en tan mal lugar a ciencia británica.
—Ramón María Aller dicía de Rodríguez que era un perpetuo estudante. Coincide esta visión coa que vostede ten do Matemático?
—Si, exactamente. Foi un perpetuo estudante. De feito, eu creo que lle gustaba máis aprender que ensinar. Con todo, non creo que descoidase o seu papel como profesor, e a pesar do pouco tempo que exerceu a docencia, particularmente en Santiago, deixou un insigne discípulo, Domingo Fontán, e indirectamente tamén recibiron a súa influencia Ramón de la Sagra e Casiano de Prado, sobre todo o primeiro. Ámbolos dous desenvolveron a súa actividade científica fóra de Galicia, o primeiro como naturalista e economista, e o segundo como enxeñeiro de minas.
—Pódese falar de Rodríguez como un científico universal?
—Realmente era un científico da súa época, cando non existía a especialización que hai hoxe en día. Empezou estudando matemáticas en Santiago, onde tamén se formou en botánica. E despois marchou a París, porque quería continuar estudando matemáticas, pero tamén astronomía. Durante a súa estadía en Alemaña, na Escola de Minas de Freiberg, entrou en contacto coa mineraloxía e a xeoloxía da man de Abraham Gottlob Werner, a elas dedicaría nos últimos anos de vida o tempo de lecer que lle deixaban as ocupacións como profesor de Astronomía e deputado en Cortes por Galicia. Resaltar así mesmo que pasou un semestre con Gauss na Universidade de Gotinga, alí completaría os seus coñecementos matemáticos pero tamén xeodésicos. O coñecemento da forma e tamaño da Terra era prioritario naquel momento para a comunidade científica.
“Non tiña vocación política pero consideraba que debía traballar polo progreso do seu país”
—Que papel desempeñou na implantación do metro como unidade de lonxitude?
—En realidade, non tivo un papel como tal na implantación do metro porque xa se medira e comezara a utilizar na época da Revolución francesa. O que fixo Rodríguez foi participar comisariado polo Goberno español nunha expedición para medir un arco de meridiano entre Barcelona e Formentera, co obxectivo de que o seu valor fora o máis exacto posible e ao mesmo tempo determinar a forma da Terra. Tivo lugar entre 1806 e 1808 por iniciativa francesa e foi dirixida por Jean-Baptiste Biot. Tamén participaron François Arago e outro comisario español José Chaix. Hai que dicir que presentados os resultados, o novo valor do metro difería só en dúas dez milésimas de milímetro do establecido en 1799.
—Pouco despois de volver a España nomeárono director do Observatorio de Madrid.
—Si, en 1821, aínda que dende xuño de 1819 en que asumiu o cargo de profesor de Astronomía, actuou de facto como director dun observatorio que estaba inoperante nese momento. O edificio estaba en ruínas, destruído case por completo durante a Guerra da Independencia, e non fora reconstruído. Hai moita documentación no arquivo do Museo de Ciencias Naturais de Madrid que demostra as xestións que fixo para conseguir o financiamento necesario para as obras de recuperación do edificio deseñado polo arquitecto Juan de Villanueva, e poñelo de novo en uso. Cando deixou Madrid en 1823, cando menos debía estar rematado o tellado e ao ano seguinte, nun informe que remitiu aos seus superiores, indicaba que eran poucas as obras que faltaban para que se puideran facer as observacións astronómicas e meteorolóxicas.
—Que hai de certo en que o tsar lle ofreceu dirixir o Observatorio de San Petersburgo e el rexeitou o cargo?
—José Rodríguez recibiu por parte de Rusia o ofrecemento para dirixir os traballos xeodésicos do país cun salario anual de 40.000 rublos. Isto tivo lugar probablemente en xaneiro de 1819 cando acababa de chegar a París despois dunha comisión de seis meses en Italia. Moitos autores, ao existir tan poucos datos sobre Rodríguez, copiaron uns doutros, polo que a suposta oferta de dirixir o Observatorio de San Petersburgo aparece a miúdo na bibliografía, pero, por aquel entón, non existía dito observatorio. Dicir que en 1817 recibiu a proposta de trasladarse a Arxentina, seguramente tamén para a dirección dos traballos xeodésicos do país, non a aceptou. Como dixo ao seu gran amigo Julián Suárez: “Yo estoy absolutamente decidido a seguir la suerte desgraciada o próspera de mi patria, que nunca abandonaré”. Sen dúbida, ese foi así mesmo o motivo de non trasladarse a Rusia.
“Pasou un semestre con Gauss na Universidade de Gotinga”
—Despois da súa estadía en Madrid pasou un tempo en Portugal. Por que?
—A súa saída de Madrid tivo lugar en abril de 1823 e fíxoo cara a Galicia. Sábese que a principios de verán estaba en Santiago e non sabemos máis nada ata que en maio de 1824 envía un informe sobre o Observatorio a Madrid. Foi despois cando deixou Compostela cara a Portugal, onde estivo uns tres meses, pero non se sabe ben o porqué. Hai unha teoría de Gonzalo Navaza, quen defende que foi buscar información dun amigo seu chamado Pedro Boado que morrera o ano anterior ao incendiarse un barco. Pode haber algo disto? Pode. Nas cartas que envía ao seu amigo Julián Suárez Freire recóllese que estivo en Porto, Coímbra e Lisboa, cidade que non foi do seu gusto a pesar de que nela estaban exiliados José Mª Calatrava e Juan Antonio Yandiola, altos cargos do Goberno da última etapa do Trienio Liberal, e outros compañeiros deputados seus, que eran moi ben tratados polas autoridades portuguesas.
Con todo, o 12 de setembro de 1824 xa está en Santiago, chegou enfermo, consérvase unha receita do seu médico dese día. O día 30 de setembro as 7.30 horas foi redactado o testamento, o que indica que a súa saúde se agravou de forma repentina, dado que ese mesmo día faleceu na casa de Julián Suárez. Nomeou a este o seu testamenteiro e herdeiro, agás a lexítima dos seus pais, que deixou ao seu irmán maior Manuel.
—Como foi a faceta política de Rodríguez?
—Foi deputado entre xuño de 1820 e febreiro de 1822, non tiña vocación política pero consideraba que a súa obriga como patriota era traballar polo progreso do seu país seguindo as ideas ilustradas da época. Se non saía elixido, non o desexaba, tiña pensado facer unha nova viaxe científica e visitar Alemaña, Holanda e Francia. Si é certo que unha vez electo, asumiu con dilixencia as obrigas do seu cargo e formou parte de varias comisións. Non foi prolixo nas súas intervencións no hemiciclo, pero hai dúas que debemos destacar pois cando pensaba que algo era necesario ou xusto, defendía con argumentos e paixón a súa postura.

En primeiro lugar, a defensa do establecemento dunha Universidade Central que na súa opinión “difundiría as luces a toda a península”. Por outro lado, a proposición que fixo para que as máquinas e instrumentos necesarios para o fomento das ciencias puidesen ser importadas con baixos aranceis. En novembro de 1822 tivo lugar a creación da Universidade Central, xerme da actual Complutense de Madrid e a súa proposta de baixos aranceis foi aprobada.
—Faleceu en Santiago en 1824. Onde está enterrado?
—O día 1 de outubro de 1824, José Rodríguez foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño de Santiago de Compostela como era o seu desexo. No Arquivo agustiniano de Madrid consérvase o Libro de Enterramentos da igrexa no que figura que se fixo na “9ª sepultura, 4ª fila, partindo do Evanxeo”. Isto permite facer unha localización aproximada da mesma, tamén se coñecen algúns posibles epitafios que puideron estar gravados na lápida. Non obstante, despois de 200 anos, con case total seguridade non existe ningún resto seu no templo.
—El dicía que aquilo que non tiña valor debía ir para o lume. Que nos queda hoxe en día de Rodríguez?
—É certo que nunha carta que escribiu a Julián Suárez utilizou esa expresión en relación á correspondencia destinada a el que recollía Julián. Tamén o feito de non ter descendentes directos tivo influencia en que se conserve moi pouco do seu legado. É unha mágoa que se perderan documentos, cartas ou escritos seus, que nos axudarían a coñecer períodos nos que apenas sabemos nada da súa vida e que nos darían moitas sorpresas. Cando abandonou Madrid en abril de 1823, a meirande parte das súas posesións quedaron en dependencias do Gabinete de Historia Natural que estaba no Palacio de Goyeneche na céntrica rúa de Alcalá.
En 1831 fíxose un inventario moi superficial das mesmas, pero non foi ata decembro de 1834 que voltaron a Galicia, xa falecido Julián Suárez, ignorándose as razóns deste retraso. Meses despois apareceron 10 caixóns máis con minerais que tamén se trasladaron a Santiago. Ata os nosos días chegaron algúns manuscritos de obras de Werner, libros, exemplares da colección mineralóxica da Universidade de Santiago e o legado máis coñecido e apreciado de todos: a Colección de Modelos Cristalográficos en madeira que ao parecer lle regalou o seu artífice René-Just Haüy, o que se considera iniciador da Cristalografía e que están expostos no Museo de Historia Natural de Santiago.
De todas formas, podemos falar dun legado inmaterial que nos deixou Rodríguez, a súa curiosidade e paixón polo coñecemento, a súa lealdade aos seus amigos e compromiso co seu país, a súa falta de apego ás posesións materiais e a xenerosidade coa súa familia, a coherencia entre a súa ideoloxía e forma de vida. Non podemos dicir por tanto que sexa pouco significativo o que nos deixou.














