Matemático Rodríguez, o gran home de ciencias de Galicia

Hai agora 200 anos, falecía en Compostela o que sen dúbida foi o primeiro home de Ciencias de Galicia, e igual ca outro gran científico posterior, Ramón María Aller Ulloa, non tivo interese en deixar ningunha indicación da súa sepultura aínda que si ficou ben claro no seu testamento o seu desexo de descansar eternamente na igrexa de Santo Agostiño desta cidade.

Teño feito unha consulta na clase para saber o coñecemento do alumnado sobre figuras senlleiras da ciencia en Galicia. Fontán soáballes, Rodríguez nin iso. Cómpre, polo tanto, aproveitar esta efeméride de José Rodríguez para difundir na sociedade quen foi, que fixo e, sobre todo, o papel transmisor que este lalinense universal fixo da ciencia que se facía en Europa.

Publicidade

Estamos ante unha personalidade excepcional, dotada de altas capacidades que se diría hoxe en día, que naceu nunha aldea do interior da nosa xeografía na segunda metade do século XVIII, e que non só chegou a ser catedrático de matemáticas na Alma Máter compostelá, senón que estivo en contacto directo coas máis sobranceiras figuras das matemáticas, xeodesia, astronomía, e mineraloxía de Europa.

Imaxino o neno José observando o ceo nocturno do Deza sen contaminación luminosa, descubrindo moitas cousas e facéndose moitas máis preguntas, aprendendo cousas do campo, contemplando a natureza e interesándose pola meteoroloxía, a historia, a etnografía, e mesmo polas relacións sociais na súa contorna.

Publicidade

Logo de instruírse co seu tío en Monforte de Lemos, chegou á universidade claramente influenciado pola súa familia para facerse crego, pero aquela universidade literaria enseguida lle quedou pequena e o seu talante liberal e as súas amplas miras fixeron que, ben aconsellado polos amigos da rebotica á que adoitaba asistir, decidirá ir a aprender ciencias fóra coa idea de regresar cos coñecementos necesarios para axudar a construír outro tipo de universidade.

E alá marchou a Francia o noso José, non sei se sendo un dos nosos primeiros emigrantes ou un pioneiro Erasmus. Os que tamén marchamos fóra a ampliar estudos pero só hai 50 anos, podemos facilmente decatarmos do que significaba deixar a terra hai 200 anos. Unha aventura.

Dadas as pésimas comunicacións coa meseta e o risco que iso implicaba, o máis prudente era viaxar por mar, tal como el fixo marchando dende Muros á Baiona francesa.

En París, aprendeu máis matemáticas e moita astronomía da man de figuras como Lagrange, Laplace, Biot, Bouvard, etc. Logo participou con grande éxito, comisionado polo goberno español, na triangulación da costa mediterránea española xunto cos franceses Biot e Arago e o español Chaix, co obxecto de definir o metro coa máxima precisión. Máis tarde, confiouse nel para establecer os preparativos da elaboración científica do mapa de España e todo iso mentres continuaba sendo catedrático da universidade.

Rodríguez, tamén comisionado, pasou un tempo en Inglaterra que aproveitou para coñecer os principais centros científicos daquel país ao tempo de implicarse na corrección de traballos xeodésicos levados a cabo por especialistas británicos, o que lle proporcionou prestixio sobre todo en Francia. Estivo tamén en Alemaña aprendendo mineraloxía co referente Werner, e compartindo experiencias didácticas co gran Gauss en Gotinga. A súa grande ilusión era, con todos estes coñecementos, contribuír á súa volta ao progreso do país, pero a realidade sempre é moito máis complicada que os desexos.

Amor por Galicia

Non podemos imaxinar o mapa xeométrico do seu discípulo Domingo Fontán sen a existencia de José Rodríguez. El foi non só quen o motivou a facer tan insigne traballo, senón que a principal instrumentación utilizada para iso foi elixida e enviada por Rodríguez dende Francia.

A súa categoría científica era xa entón ben recoñecida non só en Europa, recibindo propostas para marchar a Arxentina e a Rusia, que non aceptaría, pero o goberno co obxecto de retelo ofreceulle a praza de profesor de Astronomía no Museo de Ciencias Naturais de Madrid, ao que se uniría a dirección do Observatorio Astronómico, en estado ruinoso logo da Guerra da Independencia.

O seu amor a Galicia ficou tamén reflectido na súa etapa de deputado liberal, e nunca se esqueceu dos seu queridos amigos de Santiago, particularmente de Julián Suárez Freire, con quen tiña un vínculo especial dende a súa etapa na universidade e quen logo foi o seu herdeiro.

Desta época foi tamén a súa participación na comisión encargada para o establecemento dun sistema de pesas e medidas.

Existen numerosas achegas á súa biografía pero entre elas eu destacaría a tese de doutoramento de Carmen Villanueva: José Rodríguez González (1770- 1824), matemático, geodesta, astrónomo, naturalista, y viajero científico por Europa, defendida na UVigo en decembro de 2023, e que tiven a oportunidade de dirixir.

Aproveitemos as actividades que se van organizar este ano en torno a súa figura e obra para poñer en valor a este home, guía da ciencia en Galicia, para coñecemento tanto da sociedade en xeral como das futuras xeracións en particular.

José Ángel Docobo
José Ángel Docobo
Catedrático emérito de Astronomía na Universidade de Santiago e académico correspondente da Real Academia de Ciencias de Zaragoza

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo