Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Gumersindo Feijoo imaxina un futuro máis sostible que conxugue a investigación ambiental coa económica e a social. Esa é a filosofía do catedrático de Química da Universidade de Santiago (USC), que acaba de ser investido académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Durante o acto celebrado este martes en Compostela, Feijoo fixo fincapé na importancia de integrar o coñecemento científico na toma de decisións, tanto públicas como privadas, para camiñar cara a un futuro máis sostible. Este recoñecemento da RAGC súmase á súa chegada á dirección do Centro de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, dende onde quere impulsar a excelencia dunha institución cun porvir prometedor.

Acaba de ser investido académico da RAGC. Que supón para vostede?

Publicidade

—É unha honra e un dos máximos recoñecementos para un galego que fixo e está a facer a súa traxectoria no ámbito científico-tecnolóxico, pero tamén é unha responsabilidade. Agora hai que traballar máis aínda para que a ciencia e a tecnoloxía en Galicia vaian cara á arriba, e axudar as novas xeracións a desenvolver aquí o seu traballo.

Iso é fundamental para lograr unha ciencia de calidade en Galicia.

Publicidade

—Sen dúbida. É importante estar uns anos fóra, pero o retorno é fundamental, senón o que facemos é descapitalizarnos. No meu caso, estiven de estadía en varios lugares, como Estados Unidos, Israel e Holanda. Iso permitiume ver o positivo e o negativo de cada país, pero tamén do meu. Grazas a iso, adquirín unha bagaxe cultural e científica ampla. Eu aconsello saír, pero retornar sempre. Que sexa un camiño de ida e volta.

Considera que, durante esa etapa, adquiriu aprendizaxes clave para afrontar esta nova etapa que comeza como director científico do CRETUS?

—Sen lugar a dúbidas, pero tamén é moi importante o ecosistema galego, os compañeiros e os demais centros singulares. A anterior directora conseguiu un fito fundamental, que foi introducir CRETUS na rede CiGUS. A min vaime tocar, xunto ao equipo que conforma o centro, lograr a reacreditación a finais de 2027. Dentro da rede, nós somos o de máis nova creación e queremos empezar a sentar as bases, ladrillo a ladrillo, para optar á María de Maeztu a partir de 2027 ou 2028.

A dieta atlántica non só é comer san, é comer sostible

De feito, xa hai tres centros da USC que o lograron: o CiMUS, o IGFAE e o máis recente, o CiQUS.

—Si, o CiQUS tardou case 16 anos en conseguilo. Lograr este fito non é doado. O noso centro creouse en 2020 e para a María de Maeztu precisas uns seis ou sete anos de madurez. De todos modos, o primeiro obxectivo é a reacreditación da rede CiGUS. Xa tivemos as primeiras reunións para falar dos indicadores que piden en cada unha. Unha meta é máis inmediata e a outra témola no horizonte.

En canto ás súas liñas de investigación, vostede traballa con conceptos como economía circular, pegada ecolóxica, ciclo de vida do produto… Dende o punto de vista social, estamos o suficientemente familiarizados con estes conceptos?

—O meu grupo de investigación leva traballando na perspectiva do ciclo de vida das cousas dende o 1998. De feito, fomos pioneiros en España en traballar neste eido. En Europa coñécennos como a escola de Santiago na análise do ciclo de vida. Levamos estudando este aspecto moitos anos, pero despois chegou o concepto de economía circular. Porén, cando falamos de sostibilidade tanto no mundo académico como entre a cidadanía, só estamos pensando no eixo ambiental. Esquecémonos de que as partes económica e social tamén son imprescindibles.

Por poñer un exemplo, durante as xornadas Expomar, en Burela, falamos da pesca. Por suposto, hai que cumprir certos criterios ambientais, pero tamén hai que facela rendible para a xente que vive dela e, socialmente, forma parte da nosa cultura e da soberanía alimentaria. Hai que chegar a un equilibrio entre os tres eixos porque se non, non é sostible. O obxectivo e a definición deste concepto, que nace en 1987, é que debemos atender os eixos económico e social para non poñer en perigo o futuro das novas xeracións.

Hai que volver a retomar a conciencia multidisciplinar que tiña a sostibilidade na súa orixe, o que implica tamén accións normativas. CRETUS, de feito, naceu con ese obxectivo. Temos investigadores de Psicoloxía Social, de Dereito, de Enxeñaría Química… En principio parecen disciplinas pouco afíns, pero son todo o contrario.

O químico Gumersindo Feijoo, no CRETUS.
O químico Gumersindo Feijoo, no CRETUS.

É imprescindible formar a poboación en conceptos como a reciclaxe dende as etapas máis temperás. Porén, a taxa en Galicia é de entre o 25% e o 30%, cando o obxectivo sería o 55%. Debemos reorientar as aprendizaxes?

—Totalmente. Hai que formar os cidadáns dende a escola infantil e primaria. Hai que explicarlles que os bens son limitados e que hai que intentar tirar menos para reciclar menos. Esa é a clave. Os nosos avós e avoas dicíannos que non se tiraba o pan reseso e que había que apagar a luz. Estas mensaxes son o corazón da filosofía da economía circular e do ciclo de vida. Cada actuación, por pequena que sexa, vai ser moi importante. E canto máis formada estea a cidadanía, máis lle van esixir ás administracións que actúan acordes a este pensamento.

A USC acaba de firmar coa editoral McGraw Hill un acordo de licencia de explotación do xogo Come san, come sostible. Nós trasferimos a patente, recibimos uns royalties e eles van facer un xogo para primaria e secundaria co mesmo concepto. Foi un traballo que fixo o CRETUS en colaboración co grupo Esculca da Facultade de Ciencias da Educación. En Galicia cómese ben, pero estamos perdendo un pouco o comer ben. A dieta atlántica non só é comer san, é comer sostible. E con este xogo introducimos os conceptos de pegada de carbono e pegada hídrica.

Saudable e sostible. Pódese resumir así a dieta atlántica?

—España é o único país do mundo que ten dúas dietas que, ademais de ser moi sas, son sostibles: a dieta atlántica, a nosa; e a dieta mediterránea. Ademais, a dieta é un parámetro clave na esperanza de vida. Evidentemente hai moitos outros indicadores, como a calidade de vida, os servizos sanitarios… Pero en moitos países do mundo, a esperanza de vida non supera os 45 anos porque non se consome a proteína mínima necesaria.

Un dos elementos que máis identifican a dieta atlántica é consumir peixe entre tres e catro veces á semana. Nun estudo publicado en JAMA detectamos unha relación entre o abandono do noso patrón de alimentación e o aumento da obesidade infantil en Galicia. Isto débese á introdución de produtos ultraprocesados como a bolería industrial. De feito, os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica.

Hai dous anos, Galicia estaba entre as tres rexións do mundo con máis esperanza de vida. A primeira é Osaka, en Xapón, e ambas teñen en común o elevado consumo de peixe. Pero se continuamos co abandono do noso patrón de alimentación, poderemos baixar ata o posto 15.

Porén, cada vez cae máis o consumo de peixe.

—Si, débese a múltiples factores. Entre eles, o ritmo de vida, que nos leva a vivir un pouco máis ás présas e a querer comer rápido. Tamén está a cuestión económica e o custo, pero en Galicia temos unha vantaxe: sempre hai peixe de tempada, que adoita ser máis barato, e isto non acontece noutras zonas de España. Hai outro aspecto relacionado coa comodidade, porque para comer peixe hai que quitarlle as espiñas, saber cociñalo… Todo iso require dunha formación.

No que máis fincapé fai non só é no sá que é a dieta atlántica, senón na súa sostibilidade.

—Esa é a idea do xogo Come san, come sostible. Se falas cunha nena de sete ou oito anos, non lle podes dicir que coma determinados alimentos porque, así, terá menos colesterol. Non é un concepto que manexe. Pola contra, a rapazada é moi receptiva a outros aspectos. Por exemplo, explicándolle que se consome determinados alimentos, conseguirá que o oso polar que ve na televisión viva mellor.

Un aspecto moi relacionado coa cociña son os PFAS ou químicos eternos, moi presentes nas tixolas antiadherentes ou, tamén, en cosméticos. Hai suficiente concienciación ao respecto?

—Cando un produto entra no mercado é porque cumpre cuns estándares mínimos establecidos pola Unión Europea, pero o consumidor sempre pode ir máis alá. Por exemplo, se unha estrada ten unha velocidade máxima de 120 km/h e non se sobrepasa ese límite, cúmprese a lei, pero talvez sexa boa idea non superar os 100 km/h nun día de chuvia. Esta debería ser a filosofía a aplicar. Se os consumidores o comezamos a facer, as empresas xa teñen a forza impulsora para levalo a cabo. De feito, moitas empresas de I+D+i xa teñen en conta o ecodeseño e o risco ambiental. Todo se basea nun R más alá de reciclar, reutilizar e reducir: é repensar como facemos as cousas.

A lexislación é suficiente?

—Os procesos lexislativos sempre son lentos, pero en 2025 saíron leis moi importantes contra o ecobranqueo ou greenwashing. O R de reparar tamén se comezou a lexislar para móbiles, ordenadores e lavalouzas, que deben ter centros de loxística que dean opcións e non obriguen a pedir unha peza a China. Ás veces hai que lexislar para que as empresas teñan esa forza impulsora.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia

O investigador Cristóbal Pérez súmase ao CiQUS para impulsar a espectroscopía molecular

O científico ten unha traxectoria recoñecida a nivel internacional no deseño e aplicación de instrumentación avanzada para estudar a estrutura e dinámica de sistemas moleculares complexos

Da pandemia á economía circular: así nace o proxecto REHEAL para reducir os residuos sanitarios

O SERGAS participa xunto a outros sistemas europeos nun consorcio que impulsa cadeas de subministración máis sostibles