O catedrático da Enxeñaría Química da Universidade de Santiago (USC) Gumersindo Feijoo será o novo director científico do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), logo de ser elixido este luns 20 de abril no marco da xuntanza da Comisión Reitora deste centro singular da USC e de ter o apoio da Comisión Científica Externa. O profesor substitúe no cargo a María Teresa Moreira.
Traxectoria
O profesor Gumersindo Feijoo é catedrático de Enxeñaría Química da USC dende o ano 2008 logo dun proceso de habilitación nacional celebrado na Universidade Complutense de Madrid. Ao longo da súa carreira investigadora ten supervisado 32 teses de doutoramento, coa participación en 21 proxectos europeos, 12 proxectos nacionais e 38 contratos de I+D relevantes con empresas. Esta actividade derivou na publicación de máis de 350 artigos científicos indexados no JCR e 9 patentes ou marcas rexistradas (dúas en explotación).
O impacto da súa investigación amósase entre outros indicadores polo número de citas que lle permite ser incluído no denominado ránking de Standord entre o 2% de científicos máis citados do mundo, e na presenza en 156 documentos de planificación estratéxica da Comisión Europea e outros 20 países como, por exemplo, Alemaña, Australia, Canadá, Estados Unidos e Singapur. Tamén destaca as súa actividade de divulgación científica en plataformas en aberto como GCiencia ou The Conversation. Na xestión universitaria ocupou diversos cargos de responsabilidade como vicerreitor e director de departamento.
Desafíos ambientais ambiciosos
O CRETUS busca o diagnóstico, o desenvolvemento tecnolóxico e a avaliación de solucións, para abordar de xeito holístico desafíos ambientais ambiciosos a través da cooperación interdisciplinaria. Esta singularidade permítelle aplicar unha axenda científica firmemente comprometida coas políticas ambientais actuais.
A investigación do CRETUS combina as capacidades de diferentes áreas de Ciencias Experimentais (ecoloxía, ecotoxicoloxía, modelización, química analítica e ambiental), Ciencias Sociais (dereito ambiental, economía e psicoloxía social), Humanidades (arqueoloxía) e Enxeñaría (biotecnoloxía ambiental, enxeñaría ambiental e de procesos).
Conta con 32 investigadores adscritos, 7 vinculados, 25 investigadores posdoutorais, 65 investigadores predoutorais e 12 técnicos de xestión e persoal de laboratorio. CRETUS é un dos 10 Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego que contra co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.















