O Consello da Xunta deu a coñecer este luns un informe que avala a detección precoz ao longo dos anos como ferramenta para aplicar tratamentos menos invasivos: trátase dos resultados 2013-2024 do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama da Consellería de Sanidade. Este documento indica que, en 2024, a participación no cribado de cancro de mama acadou o 84,8%.
Así, mentres no ano 2000 a mastectomía foi un dos tratamentos no 51,1% dos casos de cancro detectados na primeira rolda do cribado, no ano 2023 requiriuse a extirpación cirúrxica dun ou de ambos seos nun 25% dos casos. É dicir: en 23 anos reduciuse á metade a necesidade de mastectomías.
Esta cifra diminuíu igualmente no caso de cancros detectados en roldas sucesivas do cribado. En 2000 precisaron de mastectomía un 41,8% e en 2023, o 14,38%. Isto reflicte, por unha banda, que os casos se están a diagnosticar nunha alta porcentaxe en estadios temperáns e, pola outra, que se está a avanzar nas técnicas de cirurxías conservadoras e que se están a realizar, sempre que sexa posible.
Detección temperá
A detección en fase preclínica constitúe a estratexia sanitaria máis determinante para mellorar o prognóstico de cancro de mama, incrementar a supervivencia e garantir a efectividade de tratamentos menos agresivos.
A poboación diana do cribado son mulleres de 50 a 74 anos, ás que cada dous anos se lles realiza unha mamografía. Galicia foi pioneira en 2023 ao subir a idade do cribado ata os 74 anos, tendo como base a evidencia científica, dado que os datos indicaban que un número importante de mulleres poderían beneficiarse dun diagnóstico precoz sen incrementar determinados efectos non desexados, como falsos positivos.
Procedemento
O sistema de invitación a participar no cribado de cancro de mama da Xunta realízase de forma personalizada mediante carta e SMS, especificando xa lugar, data e hora para realizar a mamografía. No caso de non asistencia, emítese unha segunda citación de recordatorio.
Unha vez realizada a mamografía, se o resultado é negativo, as mulleres reciben unha SMS ou unha carta informándoas e recomendándolles repetir o estudo cando sexan convidadas de novo ao cabo de dous anos. No caso de que sexa necesario realizar unha valoración clínica adicional para chegar a un diagnóstico, infórmase por carta, na cal se facilita unha cita para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento. Esta carta remítese días antes da cita e, ademais, chámase á muller por teléfono dous días antes da cita para confirmala.
Dende a posta en marcha do Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama en 1992, detectáronse 1.851 carcinomas e 11.051 tumores invasivos, tras máis de 3,5 millóns de exploracións. O cribado demostrou un beneficio en termos de mortalidade. Logrou unha redución superior ao 20% das mortes esperadas no grupo de 50-69 anos, evitando 910 falecementos entre 1980 e 2012. En canto á supervivencia relativa (indicador que illa a morte relacionada co cancro de mama da mortalidade xeral), as mulleres participantes presentan unha taxa de supervivencia aos 5 anos do 94,5%, fronte ao 83,1% das mulleres diagnosticadas á marxe do programa.
A Consellería de Sanidade destina anualmente arredor de 300.000 euros ao desenvolvemento do cribado no que ten que ver co envío postal, edición de folletos e material sanitario para as 24 unidades de exploración situadas en hospitais públicos e centros de saúde.
Introdución da intelixencia artificial
A Xunta puxo en marcha en 2024 un estudo prospectivo piloto para o uso da intelixencia artificial TRANSPARA como asistente á dobre lectura independente dos radiólogos do cribado. Neste momento este software está en fase de avaliación como soporte á decisión radiolóxica, xa que a intelixencia artificial pode diminuír o traballo manual dos profesionais de radioloxía e manter ou mellorar indicadores de calidade de cribado.
Búscase avaliar se a intelixencia artificial pode acelerar o informe diagnóstico de mamografías, aumentar a eficiencia do programa de cribado e asegurar que os casos de alto risco reciban maior atención do radiólogo. Este programa asigna puntuacións de risco a cada estudo, axuda a priorizar os casos con maior probabilidade de cancro e reduce carga de lectura.
Cara a un tratamento personalizado
A Xunta tamén ten en marcha o proxecto Xenoma Galicia, que nas súas primeiras fases xa permitiu identificar 14 mulleres con variantes xenéticas de risco para cancro de mama e ovario hereditario. Estas usuarias son derivadas ás Unidades de Consello Xenético do seu hospital de referencia e, en xeral, as portadoras das mutacións BRCA1 ou BRCA2 teñen un seguimento intensivo con recomendacións que inclúen resonancias magnéticas e mamografías anuais, revisións xinecolóxicas frecuentes e a opción de cirurxías preventivas.
Ademais, Galicia lidera unha investigación a nivel nacional, o proxecto Mamorisk, que pretende validar un sistema de clasificación en función do risco que podería permitir un cribado personalizado. O proxecto ten como investigadores principais a Manuela Gago, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, e Esteban Castelao e Carmen Redondo, do Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur, e conta co apoio e participación da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
Este modelo inspírase nunha calculadora na que incluír factores de risco, máis aló da idade como único criterio, con factores de protección fronte ao cancro de mama. Así, o cribado adáptase ao risco personalizado de cada muller.















