O Sergas empregará IA para apoiar a análise de imaxes clínicas

O obxectivo é examinar anualmente 1,5 millóns de radiografías de tórax, 150.000 de cribados citolóxicos, 100.000 probas oftalmolóxicas e 40.000 para a detección de cancro de mama e próstata

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) incorporará este ano a intelixencia artificial para apoiar a análise de imaxes clínicas. En concreto, está previsto que se analicen 1,5 millóns de radiografías de tórax, 150.000 imaxes de cribados citolóxicos, 100.000 imaxes oftalmolóxicas e preto de 40.000 imaxes destinadas á detección dos cancros de mama e de próstata. Así o anunciou o xoves pola mañá a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, no Parlamento de Galicia.

A día de hoxe procesáronse xa un millón de imaxes médicas mediante intelixencia artificial nos ámbitos de urxencias e de atención primaria (tórax e musculoesqueléticas) no Sergas. No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, a secretaria xeral técnica explicou algunhas das iniciativas que o Executivo galego desenvolverá no presente ano dentro da Estratexia de dixitalización do Sergas.

Publicidade

Segundo apuntou Lobato, a Consellería de Sanidade traballa no obxectivo de acadar unha sanidade máis conectada e accesible para o paciente, mellorando a capacidade dos cidadáns para relacionarse dixitalmente coa Administración e tamén co ánimo de axilizar e optimizar os seus procesos asistenciais.

Da historia clínica electrónica á dixitalización dos quirófanos

Entre os proxectos nos que a sanidade galega avanzará en 2026, a secretaria xeral técnica salientou a consolidación e implantación total da historia clínica electrónica IANUS 5, un sistema que, a finais do presente ano, será accesible para o 100% dos profesionais do Sergas e dos centros sociosanitarios da comunidade.

Publicidade

Do mesmo xeito, e na procura de mellorar as capacidades na detección e prevención de enfermidades, o Executivo galego tamén desenvolverá en 2026 un algoritmo para a detección da diabetes nas súas diferentes fases, posibilitando o rexistro e a clasificación de máis de 15.000 pacientes que padezan esta patoloxía.

Xunto co anterior, o Sergas ten previsto completar no presente ano a dixitalización do 100% dos quirófanos dos hospitais públicos galegos, así como a dos seus servizos de Anatomía Patolóxica. Neste caso, o obxectivo é dixitalizar a totalidade das biopsias e das autopsias que se realicen nos centros sanitarios galegos, o que dará lugar a 1,4 millóns de cristais dixitalizados ao ano.

A Estratexia de dixitalización tamén porá o foco no paciente. Así, habilitará un asistente virtual con intelixencia artificial xenerativa capaz de responder dúbidas na aplicación Sergas Móbil e tamén desenvolverá un sistema de acompañamento en tempo real para que se poida seguir o fluxo asistencial en urxencias e hospitalización.

En cifras

Na actualidade, a dixitalización e a conectividade do sistema sanitario público galego destaca a nivel nacional e europeo ao contar con ferramentas dixitais como a historia clínica electrónica IANUS 5, a aplicación Sergas Móbil e a Plataforma de Teleasistencia Domiciliaria (TELEA).

Durante os últimos anos, o uso dos sistemas de información e das novas tecnoloxía estase a incrementar. Así, 26.000 profesionais do Sergas acceden de xeito diario á historia clínica electrónica. Esta cifra deriva en que anualmente se rexistren preto de 60 millóns de accesos, 58 millóns de anotacións clínicas e se rexistren preto de 80 millóns de receitas.

Pola súa banda, o emprego da aplicación Sergas Móbil tamén está a consolidarse desde a súa posta en marcha. Nesta liña, o número de usuarios que accederon á aplicación nalgún momento pasou de 1,6 millóns no ano 2021, aos 2,3 durante 2025. Así mesmo, o número de usuarios rexistrados en E-saúde pasou de 960.000 en 2021 a 1,4 millóns en 2025.

Cómpre destacar que o número de citas de atención primaria xestionadas a través de canles dixitais ascendeu de 2,3 millóns en 2021 a 9,3 en 2025, pasando do 13% ao 28%.

Por último, a evolución da Plataforma de Teleasistencia Dociciliaria TELEA tamén está a experimentar un incremento notable, ao pasar dos 3.405 procesos en teleseguemento en 2021 a 22.001 en 2025; e ao ampliar o número de biomedidas rexistradas de 221.633 en 2021 a 138 millóns en 2025.

1 comentario

  1. E quen vai custodiar toda esa información que procesará a IA dos casos dos pacientes?, soamene o Sergas?… Ha.ha,ha… O Sergas vendido (i-a nosa intimidade) ó oligopolio tecnolóxico e farmaceutico ianqui.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Resucitar moléculas da Prehistoria contra as superbacterias: a nova fronteira dos antibióticos por IA

Os modelos xenerativos xa poden recuperar péptidos do ADN de especies desaparecidas e agora enfrontan o reto de converter os achados computacionais en medicamentos

É a IA unha ameaza? “Os avances van máis rápido do que a sociedade pode asumilos”

Fernando Suárez e Senén Barro aseguran que a intelixencia artificial si presenta riscos, pero a destrución da humanidade non se atopa entre eles