Que é o virus Nipah e por que non vai ser a próxima gran pandemia

Trátase dunha zoonose identificada por primeira vez en Malaisia en 1999, orixinada por morcegos e da que só se rexistran casos no sueste asiático

Seguramente moitos escoitastes falar do recente gromo do virus Nipah na India, concretamente no estado de Bengala Occidental, onde dúas enfermeiras presentaron un cadro grave da enfermidade: unha mellorou favorablemente, pero a outra segue en coma. Polo de agora non se confirmou ningún falecemento no sueste asiático, a única rexión do mundo onde se rexistraron contaxios dende que se coñece a enfermidade. Pero, que é exactamente o virus Nipah?

Este virus foi identificado por primeira vez en Malaisia en 1999. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), trátase dunha zoonose que pode manifestarse nas persoas de diferentes maneiras: dende o asintomático ata unha infección respiratoria aguda ou mesmo unha encefalite letal. De feito, presenta unha elevada taxa de letalidade, que varía entre o 40% e o 75% dos casos, dependendo do brote, da vixilancia das autoridades sanitarias e da xestión clínica.

Publicidade

A principal orixe do virus son os morcegos fruxívoros da familia Pteropodidae, en particular as especies do xénero Pteropus, que actúan como hóspedes naturais. Poden contaminar as froitas a través da súa saliva ou ouriños, o que foi a principal causa do gromo de Bangladesh en 2001. Ademais, o virus tamén pode transmitirse a humanos polo contacto directo con porcos enfermos ou coas súas secrecións contaminadas. Aínda que se trata dunha enfermidade zoonótica, en ocasións tamén se documentou a transmisión entre persoas. A OMS notificou un caso illado entre familiares de pacientes infectados en Bangladesh e, nos sete anos seguintes, arredor da metade dos casos debéronse á transmisión pola atención sanitaria de infectados.

Por todo isto, o virus Nipah fugura na listaxe de enfermidades prioritarias da OMS para o desenvolvemento de plans de investigación, especialmente pola ausencia de tratamentos ou vacinas eficaces. En calquera caso, cómpre manter a calma: como apunta o Ministerio de Sanidade, “o risco actual para a poboación de España, a reavaliar a medida que se dispoña de máis información, estímase moi baixo“.

Publicidade

Dunha simple gripe a un cadro grave

A maior dificultade do virus Nipah é o engano da fase inicial. Empeza como unha gripe ou arrefriado forte: febre, dor de cabeza, muscular e de gorxa. Neste punto, é imposible distinguilo doutras enfermidades comúns. Con todo, hai que esperar: os síntomas aparecen entre 4 e 14 días despois de entrar en contacto co virus, aínda que pode tardar ata 45 días. Este tempo supón un reto para as autoridades sanitarias, pos alguén podería viaxar ou facer vida normal durante un mes sen saber que está a propagar a enfermidade.

Ademais, a OMS destaca a dificultade de diagnosticar a enfermidade. Como comeza con síntomas gripais, os médicos non adoitan sospeitar do Nipah ata que o paciente está moi grave. As probas de diagnóstico deben coincidir coa fase aguda da enfermidade e levalo a cabo con PCR ou ELISA.

Baixo índice de supervivencia: pulmóns e cerebro

O virus ataca principalmente aos pulmóns, xerando unha pneumonía atípica con dispnea —dificultade severa para respirar—, e ao cerebro, sendo a encefalite a complicación máis temida. O Nipah inflama o cerebro, o que provoca mareos, moita somnolencia e confusión. Se a situación empeora, o paciente pode comezar a ter convulsións e entrar en coma en só un ou dous días.

A iso débese a súa baixa taxa de supervivencia, que ademais non sempre significa a recuperación total. Arredor do 20% dos que conseguen saír sofren danos neurolóxicos duradeiros, como convulsións ou cambios de personalidade. Mentres, un pequeno número de persoas recaen ou presentan posteriormente encefalite de aparición tardía.

Como previr o contaxio?

O Nipah é un virus que afecta por tres frontes: nos animais domésticos, no día a día dos humanos e nos centros sanitarios. O plan debería iniciarse no control veterinario, dada a categoría de zoonose. Débese realizar unha desinfección profunda e constante nas granxas de porcos e, no caso de sospeitar dalgún brote, illar a granxa. Para frear a expansión podería ser necesario o sacrificio controlado, segundo informa a OMS, cunha estreita supervisión de inhumación e incineración.

Para reducir o risco de contaxio directo dende a natureza ou entre persoas, dada a súa presenza en Asía, aconséllase crear barreiras para os morcegos, co fin de que non contaminan a salvia das palmeiras, ferver sempre o zume de palma, e pelar e lavar moi ben as froitas. Súmase a protección con luvas e roupa durante o contacto con animais enfermos, e evitar o contacto social con persoas infectadas. E dado que o Nipah pode contaxiarse por fluídos e gotículas respiratorias, o persoal sanitario debe extremar as precaucións e xestionar laboratorios seguros onde manipular as mostras, a fin de evitar fugas biolóxicas.

Resposta sanitaria

Dende o Ministerio de Sanidade sinalan que o risco global considérase moi baixo a falta de reservorios naturais na maior parte dos países. Tras 27 anos dende a súa identificación, soamente apareceron casos en Bangladesh, India, Malaisia e Singapur.

Xa en 2023, cando se detectou un gromo no estado indio de Kerala, o catedrático da Sociedade Española de Microbioloxía Raúl Rivas falaba en The Conversation de tratamentos en desenvolvemento para combater as infeccións producidas polo virus Nipah, como o anticorpo monoclonal humano M 102.4 ou o fármaco antiviral Remdesivir, xunto con proxectos de vacinas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A OMS alerta de que España xa non é un país libre de sarampelo

En 2024 confirmáronse 227 casos e en 2025 a cifra aumentou a 397, cunha alta porxentaxe de persoas non vacinadas e casos importados

O Ministerio declara alerta vermella no sur da provincia de Pontevedra ante a chegada de temperaturas extremas

As autoridades sanitarias activan o nivel máximo de risco para a saúde pública tras superar os umbrais establecidos, mentres a zona do interior continúa nunha situación leve

A OMS advirte dun risco global polo avance do virus chikungunya

A organización pide accións urxentes tras detectar sinais iniciais que poderían desencadear unha nova epidemia, como a de 2004

Galicia prevé acabar coa hepatite C en 2026, catro anos antes da meta establecida pola OMS

O cribado galego implantado en xullo de 2023 permitiu a detección de 372 casos de infección activa e a realización de máis de 280.000 probas