O alcol é unha droga aceptada socialmente, igual que o tabaco. Pero a legalidade non evita que o seu consumo derive en graves enfermidades, sobre todo hepáticas, que en ocasións poden causar a morte. De feito, Galicia é a comunidade autónoma —só por detrás de Asturias— que rexistra a taxa máis elevada de mortalidade atribuída ao alcol. Un problema social e de saúde pública do que non sempre somos conscientes e do que trata de concienciar o hepatólogo Ramón Bataller, xefe do Servizo de Hepatoloxía do Hospital Clínic de Barcelona e todo un referente internacional na enfermidade hepática asociada ao alcol.
Bataller visita Pontevedra este xoves ao abeiro dunhas xornadas organizadas polo grupo de investigación IDARA do Hospital de Pontevedra. A cita vertebrarase en dúas actividades centrais: unha clase maxistral no centro hospitalario durante a mañá e un encontro pola tarde no Liceo Casino de Pontevedra que estará aberto ao público xeral e centrarase na relación entre alcol e saúde. Co gallo da súa visita a Galicia, falamos con Ramón Bataller sobre o trastorno por uso de alcol, as enfermidades hepáticas máis frecuentes e cal é a mellor receita para previr o consumo da droga máis perigosa do mundo.
—Segundo un estudo da Universidade de Santiago (USC), case o 20% dos galegos consome alcol a diario. Como de preocupante é este dato?
—É preocupante. Agora sabemos que o consumo de alcol diario, en calquera cantidade, aumenta a incidencia dalgúns cancros. E non sempre de fígado, tamén de mama e de colon. De feito, este é un dos resultados dun estudo que presentaremos no Congreso Nacional de Hepatoloxía. Así que non hai un nivel seguro de alcol e o consumo diario non é bo para a saúde. Hai un pouco de debate arredor do viño, se unha mínima cantidade diaria podería ser beneficiosa. Os datos son contraditorios, non queda de todo claro e os estudos feitos pola industria moitas veces non están ben deseñados. É moi difícil identificar unha persoa que só tome unha copa de viño ao día. Apenas existe na vida real.
—É dicir, o consumo diario e responsable de alcol é case unha falacia.
—É moi difícil. A persoa capaz de abrir unha botella e beber só unha copa de viño probablemente sexa alguén que coma ben, que cociñe ben e que teña un bo dominio de si mesmo. Polo tanto, isto demostra que máis que que o viño sexa bo, que é unha persoa organizada á que lle vai ben en termos de saúde. Polo tanto, hai que ser moi prudente cando se di que consumir alcol diariamente, aínda que sexa nunha mínima cantidade, é bo. Cada día hai máis datos que revelan que pode levar ao aumento da mortalidade e de cancro.
—Máis alá do consumo diario está o que en inglés se denomina binge drinking e que se podería traducir como unha enchente de alcol. Segundo a enquisa EDADES, do Ministerio de Sanidade, a súa prevalencia en Galicia é do 19,6, moi por enriba da media española (14,7). Cales son os riscos para a saúde?
—O binge drinking non é incompatible co consumo diario. O peor patrón sería unha persoa que toma alcol tanto diariamente como en episodios de binge driking, sobre todo a fin de semana. Isto pode derivar en problemas agudos e crónicos. Dentro dos agudos hai que destacar o abuso sexual, a violencia e os accidentes. Hai unha asociación entre abuso e trastorno por uso de alcol, sobre todo en mulleres con episodios de binge drinking, que son máis susceptibles de ser abusadas. E ao revés, cando son abusadas son máis susceptibles de caer nun trastorno por uso de alcol. Pero o binge drinking non só te predispón ao abuso, senón a cometer abusos sexuais.
A nivel crónico sabemos que, sobre todo en persoas que teñan problemas de saúde, como algunha síndrome metabólica, o binge drinking acelera os efectos malignos do alcol. Por exemplo, se tes fígado graxo ou estás obeso terás máis probabilidades de desenvolver cirrose.
—En canto ao consumo en mulleres, está a acontecer o mesmo que co tabaco? A incorporación tardía a estes hábitos está a aumentar os problemas de saúde en mulleres relacionados co alcol?
—Traballei en Estados Unidos durante case 15 anos e alí vin moita hepatite asociada ao alcol. É un episodio grave no que a o fígado falla en poucas semanas e un de cada tres pacientes morre. É dicir, é a doenza máis grave asociada ao alcol. O que vin foi que unha gran maioría eran mulleres novas e moitas delas vítimas de abusos. Publicamos un estudo na revista JAMA no que concluímos que a probabilidade de que unha muller fose transplantada por hepatite alcohólica grave aumentara un 1.500%. E na poboación na que máis incrementara este valor fora en mulleres novas.
Cando volvín a España decateime de que isto se produce sobre todo nos países anglosaxóns e que esta tendencia aínda non se detectou no sur de Europa. Non obstante, nunha enquisa que se realizou en Cataluña revelouse que as adolescentes xa beben máis que os adolescentes. Se non tomamos medidas, é cuestión de tempo que aconteza en España.
Os datos das autoridades sanitarias suxiren que talvez a Xeración Z estea a beber menos
—Detectaron un aumento do consumo de alcol en rapazas adolescentes, incluso máis que nos rapaces adolescentes, pero existe unha certa imaxe social de que a Xeración Z é máis sa que as anteriores. Hai algún estudo que apoie esta tese?
—Non hai estudos científicos pero os datos das autoridades sanitarias suxiren que talvez estean a beber menos, e iso é prometedor. O problema é que facer este tipo de estudos científicos en xente nova é moi difícil porque moitos non declaran o que beben realmente. Precisaríanse estudos mellores, incluso con biomarcadores, aínda que sería eticamente difícil aplicalo en adolescentes.
Recentemente implantamos no Clinic de Barcelona un método denominado PEth que detecta canto bebiches no último mes. Isto está a cambiar completamente a investigación en alcol. Sería moi interesante facelo en poboación adolescente porque creo que quedariamos sorprendidos cando saíran os resultados.
—Moita xente mente polo estigma. O PEth é o mellor método para medir o consumo de alcol?
—Si, o mellor. O PEth está a revolucionar a nivel mundial o coñecemento sobre a prevalencia de consumo de alcol porque está revelando que é moito maior do que di a xente, pero non é un método barato.
—Máis alá dos métodos de diagnóstico, de que medicamentos dispoñemos hoxe en día para tratar o trastorno por uso de alcol?
—Hai medicamentos que poden axudar pero úsanse moi pouco porque os estudos son escasos, sobre todo en persoas con enfermidades hepáticas. Ademais dos fármacos sábese que a terapia motivacional, ou a de grupo, pode ser moi útil. É dicir, hai varias ferramentas para abordar o trastorno por uso de alcol. O problema é, en primeiro lugar, unha falta de sensibilidade e de coñecemento dos médicos tanto de Primaria, como de Familia como especialistas, que non sempre saben como detectar a enfermidade. En segundo, un estigma na poboación á hora de afrontalo e dicilo. Polo tanto, hai un grande infradiagnóstico.
Entre os medicamentos, o máis famoso é o Antabús, que fai que non metabolices ben o acetaldehído, que é o primeiro metabolito do alcol. Como este metabolito non se desfai, provoca que, cada vez que bebes te sintas fatal, te poñas vermello, súes… O problema deste medicamento é que pode ser prexudicial para o fígado, polo que administralo a unha persoa con enfermidade hepática subxacente pode conducir a un fallo hepático.
O choque cultural que tiven ao volver a España foi a impunidade coa que se vende alcol a menores
Un aspecto importante é a saúde mental, porque a atención está mal coordinada e estigmatizada, sobre todo para certas xeracións. Adóitase ir á consecuencia e non á causa, cando a patoloxía alcólica é unha enfermidade que se pode previr, aínda que require ir moito antes á enfermidade. Despois hai que detectar o problema no fígado porque a enfermidade hepática do alcol é silente, asintomática. Hai escasos estudos sobre a utilidade do screening tanto en centros de Atención Primaria como nos de adicción. De maneira xeral, podemos dicir que o fígado semella ter menos atención a pesar de ser un órgano vital.
Polo tanto, ademais da detección precoz necesitamos coordinación e recursos en saúde mental. É fundamental para que o sistema non colapse. É como se tivésemos un millón de coches. Se non os revisamos e só os atendemos cando quedan parados nas estradas, os talleres mecánicos colapsan. Este modelo, que consiste en actuar só cando o coche rompe, é caro e pouco sostible. Algo parecido ocorre coa enfermidade hepática debida ao alcol e na que hai pouco interese na prevención.
—Non se pode esquecer que as cifras de defuncións anuais relacionadas co alcol son moi elevadas: unhas 14.000 en España. E Galicia é a segunda comunidade autónoma coa cifra máis elevada.
—O alcol favorece o cancro e a enfermidade cardiovascular, así que o seu impacto na saúde, en parte pola presión dos lobbies, non foi ben avaliado. En realidade, estas cifras son moito máis elevadas. Fan referencia ás mortes por cirrose, accidentes, violencia… Pero se morres dun cancro no que o alcohol xogou un papel fundamental, morriches por cancro, non se ten en conta o alcol como un axente causal.
—A pesar de toda a divulgación e investigación ao respecto, a presión dos lobbies continúa a ser fortísima.
—Si, exacto. En Europa intentouse poñer unha etiqueta nas botellas que funcionase como unha pequena advertencia, pero fixeron moita presión os lobbies do viño de Italia, Francia e España ao dicir que o viño era bo. Pasou o mesmo coa cervexa. Irlanda dixo claramente que non podía máis e instalou a etiqueta sobre a perigosidade do alcol, dado que teñen un problema de saúde pública importante. En Reino Unido tamén se bebe moitísimo. Os lobbies móvense no mundo da publicidade e da política con certa impunidade.
A maneira máis efectiva de diminuír o consumo de alcol é subindo os prezos
—Falamos da droga máis perigosa do mundo?
—Hai unha gráfica moi famosa que sitúa o alcol como a droga máis perigosa do mundo porque non o é só para ti, senón tamén para as persoas do teu arredor. Por exemplo, leva á violencia familiar. Pero o choque cultural que tiven ao volver a España foi a impunidade coa que se vende alcol a menores. Vin moitos nenos de 13, 14 e 15 anos mercar bebidas alcólicas sen que ninguén lle pedira un carné. Eu vivín moitos anos en Estados Unidos pero en España xamais mo pediron.
—De feito, a idade media de inicio do consumo de alcol en Galicia está arredor dos 14 anos.
—Si, e vale a pena recordar que cada vez que un menor bebe alcol, hai un adulto que o fixo posible.
—En marzo de 2025 aprobouse o proxecto de lei para a prevención do consumo de alcol en menores. Cre que é suficiente? Unha das principais críticas é que non contempla subir impostos, que sempre é a medida máis disuasoria.
—Cando baixou o número de accidentes en España? Cando instauraron o carné por puntos. Neste tema, como en moitos outros, as medidas educativas non adoitan ser suficientes non son suficientes e xa se demostrou en numerosas ocasións. Iso si, as medidas educativas fan que cando impoñas medidas restritivas e punitivas a xente as entenda e acepte mellor. A nivel de alcol, as as actividades educativas nas escolas son escasas. Eu creo que a lei ten boas intencións pero teño dúbidas coa súa implementación, porque hai unha permisividade tremenda co alcol na sociedade na que vivimos, incluída Galicia. En canto aos impostos, si, demostrouse que a maneira máis efectiva de diminuír o consumo de alcol é subindo os prezos.














