Alcol na adolescencia: cal é o seu impacto nun cerebro aínda en desenvolvemento?

*Artigo de Logo The Conversation

O alcol é unha substancia profundamente arraigada nos nosos hábitos culturais e cun importante peso na economía da maioría de países occidentais, o que lle proporciona un status legal e unha percepción social moito máis favorables que os que reciben outras drogas.

Malia que constitúe o principal factor de risco de morte prematura e discapacidade en persoas de 15 a 49 anos, e que mitos como que “unha copa de viño ao día é boa para a saúde” foron desmentidos, os adolescentes seguen considerándoo como a droga máis segura. Unha percepción claramente reforzada polo lugar central que ocupa en múltiples tradicións e celebracións ligadas ao éxito social.

Quizais por iso, o alcol é a droga máis consumida polos estudantes españois de 14 a 18 anos. Tres de cada 4 persoas deste grupo de idade beberon durante o último ano, cifra que acada o 86,5% entre os estudantes de 18 anos. Máis alarmante, se cadra, resulta a temperá idade da primeira borracheira (14,5 anos) e as elevadas taxas de consumo intensivo de alcol ou por enchedela, algo que o 28,2% dos adolescentes afirmou facer nos últimos 30 días.

Ao falar de consumo intensivo referímonos á inxesta de grandes cantidades (5 bebidas ou máis) nun breve lapso de tempo (2-3 horas), un clásico dos botellóns e as verbenas de verán.

Cando o fígado satura

A maioría de nós estamos familiarizados con algunhas das consecuencias negativas do alcol, como as pelexas, as relacións sexuais de risco ou os accidentes de tráfico. Con todo, é menos habitual pensar en como poden afectar unas cantas borracheiras ao cerebro, especialmente cando aínda está en desenvolvemento.

Para iso, debemos valorar brevemente dous aspectos clave: como se metaboliza o alcol e que sucede no cerebro durante a adolescencia.

Que o noso corpo metabolice depende, principalmente, da acción do fígado, que procesa a bebida despois de ser absorbida polo tracto dixestivo. Deste xeito, o alcol descomponse a través de diversas enzimas, transformándose en substancias menos tóxicas que o corpo pode eliminar. Cando non se metaboliza por completo, pasa ao cerebro, alterando o delicado equilibrio de neurotransmisores que regulan o seu funcionamento.

Podemos imaxinar o fígado como unha esponxa que absorbe o alcol. Con todo, ao saturarse, perde esa capacidade de absorción –e eliminación–, o que provoca no cerebro os efectos clásicos da bebedeira: desinhibición, euforia, falta de coordinación, etc.

Cerebros especialmente vulnerables

Lamentablemente, as bebidas alcohólicas non só alteran provisionalmente o funcionamento do noso cerebro: tamén teñen efectos prolongados sobre diferentes aspectos do sistema nervioso e poden afectar o sistema inmunolóxico, desencadeando procesos inflamatorios que contribúen ao dano cerebral.

Neste sentido, é importante sinalar que, durante o seu desenvolvemento –ata os 25-30 anos–, o cerebro é máis vulnerable aos efectos das drogas. Durante este período, o alcol resulta particularmente daniño, xa que pode interferir en dous fenómenos clave do desenvolvemento neurolóxico: a mielinización, proceso mediante o que as neuronas recobren os seus axones de mielina para mellorar a transmisión de sinais, e a poda sináptica, que elimina conexións neuronais innecesarias para optimizar o funcionamento do cerebro.

Ademais, estes cambios non ocorren dun xeito linear, senón que dan lugar a unha maduración máis temperá das áreas cerebrais responsables do procesamento de recompensas (por exemplo, o estriado ventral) en comparación coas áreas encargadas da toma de decisións e a planificación ao longo prazo, como a cortiza prefrontal. Este desfasamento entre os ritmos madurativos do sistema de recompensa e os sistemas de control de impulsos e toma de decisións podería explicar por que os adolescentes son máis propensos a involucrarse en condutas de risco.

Reconto de danos

Estudos de imaxe neurolóxica demostraron que o cerebro dos mozos cun consumo intensivo de alcol é estrutural e funcionalmente diferente.

Entre os achados estruturais máis destacados atópase unha menor integridade da substancia branca, elemento do sistema nervioso crucial para a transmisión eficiente da información.

Tamén se identificaron alteracións da substancia gris, con aumentos ou diminucións en áreas como o estriado ventral, a cortiza cingulada anterior e o xiro frontal medio, fundamentais para o procesamento de recompensas, a monitorización de estímulos relevantes e a memoria de traballo.

No capítulo da conectividade funcional, o consumo intensivo de alcol asóciase con anomalías na configuración de redes como a de saliencia ou a frontoparietal, que dirixen a atención de forma adecuada e regulan o noso comportamento para lograr obxectivos, tanto a curto como a longo prazo.

Non hai dose saudable

Ademais, os estudos de imaxe amosan unha activación excesiva en estruturas cerebrais implicadas no control de impulsos, a toma de decisións ou o procesamento de estímulos relacionados co alcol. Finalmente, debemos subliñar a relación entre a idade de inicio de consumo de alcol e problemas posteriores, como trastornos por abuso de substancias, demencias temperás ou enfermidades cardíacas. Os datos son claros: canto antes comezan a beber, maior é o risco de desenvolver estas patoloxías.

Todo isto pon de relevo que non existe unha dose saudable de alcol nin borracheiras inofensivas, o que obriga a prestar especial atención ao consumo de alcol na adolescencia.


*Sobre os Autores: Samuel Suárez Suárez é Investigador Margarita Salas na área de Psicobioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Investigador no Instituto de Psicoloxía (IPsiUS) da mesma universidade. Jose Manuel Pérez García é docente na área de Psicobioloxía na Universidade Internacional de La Rioja (UNIR)

*Cláusula de divulgación: Samuel Suárez Suárez recibe financiamento en calidade de Investigador Margarita Salas (Axudas co-financiadas polo Ministerio de Universidades e os fondos europeos NextGenerationEU). Máis alá disto, as persoas que asinan o artigo (Samuel Suáre Suárez e Jose Manuel Pérez García) non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado con anterioridade.

The Conversation
The Conversation
https://theconversation.com/es

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo estudo da USC, clave para comprender o comportamento das proteínas

Os achados do científico Julián Bergueiro poderían axudar ao deseño de novas terapias aplicadas ao ámbito da saúde

De la Fuente atopa nunha ave extinta de Nova Zelandia potenciais moléculas antibióticas

Un novo estudo do científico galego revela axentes antimicrobianos antigos no xenoma da Moa, dun papagaio e do rinoceronte negro occidental

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Investigadores galegos estudan cal é a dose efectiva e segura dos medicamentos

O obxectivo é mellorar a absorción de antifúnxicos orais para poder reducir a cantidade administrada