Ter un soño reparador no verán non é cousa doada. Á calor e á humidade sumáselle o feito de ter un acompañante que cada noite zoa na orella ata arrancarnos do mundo onírico para traernos de volta á vida: o mosquito común (Culex pipiens) leva con nós dende que o tempo é tempo. Agora, xa non só é molesto, senón que pode transmitir o virus do Nilo Occidental (VNO) aos humanos. Que o nome, certamente exótico, non leve a enganos: dende o 2003 considérase ao VNO endémico en España.
Ata o de agora, Galicia non rexistrou ningún caso positivo para o Nilo Occidental, nin en humanos nin en equinos. Aínda así, tendo en conta que o mosquito común está amplamente distribuído polo territorio, a comunidade deixa de ser unha rexión fóra do radar de vixilancia epidemiolóxica. Cales son, entón, os riscos para Galicia, e que sabemos da febre do Nilo Occidental que transmite Culex pipiens?
A súa presenza foi cambiando de ano en ano, pero iso si: cando chega o verán, os contaxios dispáranse. No que vai de 2024 xa se confirmaron máis de 50 casos de persoas infectadas co virus en Andalucía, todas elas na provincia de Sevilla, e 12 en Estremadura. Non é estraño: no 2020 acadouse o pico de contaxios, con 77 positivos para virus do Nilo Occidental, que causa a enfermidade da Febre homónima ao virus. O que preocupa, e moito, é a cifra de falecidos: cinco dende que comezou a tempada alta de mosquitos, tres deles no mesmo concello de Coria del Río (Sevilla). A maioría dos falecidos tiñan unha avanzada idade ou patoloxías previas.
Unha enfermidade estendida por todo o globo
O virus do Nilo Occidental (VNO) ten unha presenza global: polo común, atópase en África, Europa, Oriente Medio, América do Norte e Asia occidental. É un virus pertencente ao xénero Flavivirus e da familia Flaviridae, o cal produce inflamación no cerebro (coñecida como encefalite) en equinos e humanos e, nalgunha ocasión, nas aves, as cales actúan moitas veces como un reservorio natural do virus.
O VNO illouse por primeira vez no ano 1937, nunha muller pertencente á rexión do Nilo de Uganda. A partir dese momento, o virus comezou a aparecer noutras rexións do mundo afastadas do continente africano, seguramente empregando como medio de transporte ás aves migratorias. Ao principio, o virus era máis benévolo no caso dos humanos, mais unha variante producida nos Estados Unidos no 1999, máis agresiva e cunha maior capacidade para esparexerse entre a poboación, desprazou á orixinal. A día de hoxe contabilízanse moitas cepas distintas do virus, as cales causan unha encefalite máis grave.
En España, o primeiro caso de Febre do Nilo data do ano 2004 e, dende o ano 2007, as autoridades sanitarias comezaron a vixiar a evolución da enfermidade nos seres humanos dentro do país. Na actualidade, o foco principal do contaxio do virus dentro de España atópase na ribeira do río Guadalquivir, en Andalucía.
E como se contaxia? Existen dúas vías principais: ou ben, a través do contacto coa sangue dun animal infectado co virus, principalmente equinos, ou pola picada dun mosquito que porte o virus. Normalmente, o mosquito inféctase ao alimentarse do sangue das aves, principalmente os córvidos e as pombas.
Ademais, hai algún rexistro de contaxios entre humanos, pero moi poucos, e en casos extraordinarios, como transplantes ou transmisións de sangue.
A presenza do mosquito común en Galicia
A preocupación polo virus do Nilo en España xurdiu polo recente gromo acontecido no sur, pero tamén ten que ver coa presenza do mosquito común, espallado pola meirande parte do territorio peninsular.
Segundo o último informe da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), “En Galicia están rexistradas nove especies de culícidos con capacidade de transmisión do virus que provoca a afección. Hai que prestar especial atención ó mosquito común (Culex pipiens), xa que foi o principal responsable dos casos que tiveron lugar no noso país nos últimos anos”.
Aínda así, dende a Rede subliñan que as posibilidades de que se produza algún gromo na nosa comunidade actualmente considéranse baixas, xa que non existen casos humanos ou equinos rexistrados da Febre do Nilo. Aínda así, convén ter moi presente esta presenza de Culex pipiens e coñecer o seu modus operandi.
Radiografía do ‘Culex pipiens’
É aquí cando chega o complicado, xa que o mosquito común é iso, común. O de toda a vida, vaia. Non ten trazos moi identificativos ou algo que o caracterice e diferencie do resto. Tampouco ten un hábitat específico, máis aló do feito de que as femias crían os ovos nas grandes superficies de auga estancada. É nocturno, como a maioría dos mosquitos, e prefire os espazos pechados como os edificios e as habitacións.
Coas temperaturas máis tépedas dos últimos anos ampliou o seu período de actividade, que no territorio peninsular pode estenderse dende o mes de abril ata novembro. Coa chegada do frío, refúxianse en espazos escuros e húmidos, así que é moi común atopalos nas estruturas humanas como almacéns ou nas redes de sumidoiros. O Culex pipiens ten unha cor marrón ou amarela que lembra aos tons da palla. Cada segmento do seu abdome posúe unha liña máis clara, dunha cor beige, e é pequeno, duns 4 a 10 milímetros. As patas son escuras e moi longas.
A mellor maneira de protexerse da picada é evitala cubrindo o noso corpo con roupa para protexernos, empregando produtos aplicables na nosa pel que repelan aos mosquitos e, á hora de durmir, nalgunhas rexións do sur recoméndase o uso de mosquiteiros que cubran as camas durante a noite.
8 de cada 10 casos asintomáticos e un cadro clínico similar ao da gripe
Na meirande parte da poboación, o virus do Nilo non causa un impacto importante na saúde da persoa. De feito, estímase que o 80% dos infectados polo virus cursan a enfermidade sen síntomas aparentes. Isto tamén complica o seu seguimento e, de feito, é moi posible que a prevalencia do virus na sociedade estea infradiagnosticada.
O feito de que a Febre do Nilo Occidental, na súa fase máis leve, teña un cadro clínico moi similar á gripe común tampouco axuda: cando un paciente acude ao médico referindo febre, mareos e dor na musculatura, o último que se pensa é no VNO. Polo xeral, o prognóstico dos pacientes é bo, e os síntomas soen desaparecer á semana. Ademais, como non hai risco de contaxio entre humanos, non é necesario gardar ningún tipo de distancia ou corentena para evitar a propagación do virus.
Sen vacina nin tratamento específico para os casos máis graves
Aínda así, e como con todo, hai colectivos vulnerables: as persoas de avanzada idade, con enfermidades previas ou cun sistema inmune debilitado son máis propensas a experimentar os síntomas máis graves da Febre do Nilo, os cales inclúen a confusión, a perda do coñecemento ou o coma, rixidez no pescozo e debilidade nas extremidades. No caso da infección grave, o prognóstico é máis incerto: as complicacións inclúen o dano cerebral, unha debilidade muscular permanente, moi similar á causada pola poliomielite e ata a morte. Con todo, segundo a OMS, calcúlase que só unha de cada 150 persoas infectadas desenvolven o cadro clínico máis grave. Co crecente aumento de casos graves en España, o máis seguro é que o número de casos asintomáticas sexa máis grande do que se pensa.
Polo de agora, as Plataformas de veciños das vilas afectadas en Sevilla piden ao Goberno Central que Europa e a OMS interveñan. Actualmente non existe vacina fronte o virus do Nilo Occidental, e os tratamentos baséanse en aliviar a sintomatoloxía da enfermidade.