Luns 29 Abril 2024

Mosquitos ata en xaneiro: así muda o cambio climático os seus hábitos en Galicia

Un mosquito zumba ao carón da túa orella e interrompe o teu sono. Son as dúas da madrugada, acendes a luz e decátaste de que tes unha picadura no pescozo e outra no nocello. Outra vez. Este escenario repítese con frecuencia durante os meses de verán pero os expertos advirten que o cambio climático, e o consecuente aumento das temperaturas, están mudando os hábitos destes insectos. “O mosquito común (Culex pipiens) só picaba no verán. E aínda que segue a ser o máis usual, agora xa podemos atopalo na casa en decembro e xaneiro”, explica Yasmina Martínez, investigadora da Universidade de Vigo (UVigo). En Galicia, de momento, non hai virus circulando —como o dengue, a malaria ou zika, que transmiten os mosquitos—, nin tampouco especies invasoras. Con todo, o aumento das temperaturas pode favorecer que cheguen, se adapten máis facilmente e se expandan por todo o territorio.

Dende o Servizo de Sanidade Ambiental da Xunta de Galicia, a técnica e veterinaria Rosa Noguera recoñece que o escenario está cambiando. “Co aumento das temperaturas, o metabolismo dos mosquitos acelérase e as especies reprodúcense máis rápido. O bo tempo dura máis, polo que hai zonas nas que deixan de hibernar e pican todo o ano”, matiza a experta. A súa compañeira, Elvira Íñiguez, asume a globalización como un risco evidente. Máis alá da chegada e adaptación de novas especies, poden aparecer casos importados. “Pode darse a mala sorte de que o mosquito se infecte co virus”, di a técnica da Xunta, barallando os posibles escenarios. Tamén é consciente de que as aves son reservorios de moitos patóxenos e que Galicia, ademais, é unha zona de rutas migratorias e moita humidade. Porén, pese aos riscos inherentes a este contexto, as expertas avogan por “alertar sen dar a voz de alarma”.

Publicidade

“O bo tempo dura máis, polo que hai zonas nas que os mosquitos deixan de hibernar e pican todo o ano”

ROSA NOGUERA, técnica do Servizo de Sanidade Ambiental da Xunta

De feito, malia que Íñiguez insta a manter unha vixilancia constante, confirma que en Galicia estamos en risco 0. “Non podemos xerar medo senón, máis ben, temos que saber que especies son máis ou menos perigosas e en como se transmiten as enfermidades. A importancia reside en todo o conxunto e para que haxa unha transmisión, ten que coincidir o axente infeccioso, o vector e o hóspede”, apunta a técnica da Xunta. De momento, en Galicia non se atoparon reservorios das enfermidades que poden transmitir os mosquitos, como o virus do Nilo Occidental, o dengue ou a febre amarela. Ademais, e segundo confirman Martínez e o seu compañeiro Alejandro Polina, tamén da UVigo, non se detectaron en Galicia especies invasoras como o famoso mosquito tigre (Aedes albopictus), asentado dende hai anos no Levante peninsular. Polo tanto, o maior risco que hai para os galegos, polo menos de momento, son as molestas picaduras destes insectos, especialmente do común.

Especies de especial vixilancia

Dende o Servizo de Sanidade Ambiental da Xunta confirman que os xéneros que máis vixían son Aedes, e tamén Culex, ao que pertence o mosquito común. “Os Aedes son os vectores das enfermidades tropicais e subtropicais máis mediáticas, como o dengue, a febre amarela, o chikungunya… Agora mesmo, non hai circulación endémica de ningún destes virus en España porque non hai reservorios desas enfermidades”, explica Polina. En Francia, por exemplo, si está presente o dengue e o ano pasado houbo un gromo con 65 persoas afectadas. O investigador da UVigo confirmou que isto non chegou a España e o único que se rexistraron foron casos esporádicos en 2018 e 2019, con cifras que non superaron as seis persoas infectadas.

Un exemplar de Aedes vittatus. Foto: Mosquito Alert

No caso de Galicia, Polina e Martínez confirman que do xénero Aedes só se rexistraron “poboacións bastante reducidas e con pouca diversidade”. Salienta o caso da especie Aedes vittatus, que se detectou por primeira vez en 2017 a través de Mosquito Alert, unha aplicación de ciencia cidadá que depende do Ministerio de Sanidade. Apareceu no concello de Arbo e tamén se identificou nas Neves pero os investigadores da UVigo aseguran que non se trata dunha especie invasora, senón nativa, dado que chegou aquí no século XIX e leva establecida no territorio dende aquela. “Chama a atención porque se parece ao tigre pero non supón un maior risco porque está moi localizado. Detectouse aí porque o Aedes vittatus pon os seus ovos nas zonas inundables e, precisamente, as súas poboacións están no río Miño”, explica Martínez.

Outras especies do xénero Aedes, consideradas invasoras, son o mosquito tigre, que só está presente no Levante peninsular, e o Aedes japonicus, que apareceu en 2018 en Asturias, Cantabria e, agora, xa está nas tres provincias do País Vasco. “Pode chegar? É presumible que si pero non temos constancia. É dicir, de momento non se detectou e, aparentemente, en Galicia estamos libres”, asegura Polina. Algo semellante acontece co mosquito tigre que, se ten relevancia, é porque as súas picaduras son moi molestas. O mesmo ocorre cos do xénero Culex, como o mosquito común, que adoitan ser máis agresivos nas súas picadas, dado que adoitan ser máis grandes e pénsase que pican con máis frecuencia. Segundo os investigadores da UVigo, a diferenza entre os Aedes e os Culex tamén hai que buscala nos seus hábitos: os primeiros son máis ben diúrnos e, os segundos, nocturnos. De aí que os que interrompan o sono sexan, case sempre, os que mellor coñecemos: os comúns.

Dende a Xunta, Íñiguez asegura que todas as especies están baixo vixilancia pero, especialmente, o Aedes japonicus, dado o preto que está de nós e xa presente no norte peninsular. Advirte, ademais, “que non o detectaramos non significa que non exista”. Pero ata que iso non aconteza, non se considerará que está presente no territorio galego. De momento, insiste Íñiguez, a mensaxe ten que ser de calma, dado que en Galicia estamos en risco 0 fronte a Cataluña, por exemplo, que escala ao nivel 3 pola presenza do mosquito tigre. “Temos unha vixilancia feita do vector e non se atopou ningún competente para transmitir este tipo de enfermidades”, insiste a técnica da Xunta que, sen deixar de vixiar, asegura que non hai motivo para a alarma. Polo menos en Galicia.

“Todo ten os seus riscos pero o realmente importante é telos asumidos, facer avaliacións e no momento no que ocorra algo actuar e saber que é o que hai que facer”, recalca Íñiguez. Ela pon a súa confianza na prevención, no control e na coordinación e, sobre todo, en non alertar. Sobre todo porque o risco existe e sempre o vai haber. A este respecto, os investigadores da UVigo apuntan que, por exemplo, o mosquito común pode transmitir o virus do Nilo Occidental e outro tipo de enfermidades, como as encefalites. “En Galicia hai moitos Culex pero non está presente o patóxeno. Si que é certo que o mosquito común pica máis as aves e isto pode servir de ponte cos humanos para transmitir o virus”, explican Martínez e Polino. Malia todo, insisten en que se están a facer análises serolóxicas en aves, no sur, en Cataluña e nas zonas susceptibles, e tamén en focos equinos. Esa é a maneira de saber se o virus está presente e previr o salto que, eventualmente, podería darse de animais a humanos.

Os sistemas de vixilancia

En Galicia non só hai risco 0, senón que existe dende 2017 unha Rede Galega de Vixilancia de Vectores centrada nos mosquitos. Segundo explica Ana Vázquez, tamén técnica do Servizo de Sanidade Ambiental da Xunta, a rede coordínase dende a Consellería de Sanidade e, durante as mostraxes, interveñen a Consellería de Medio Ambiente e as universidades de Vigo e Santiago. De feito, o persoal destas últimas é o que se encarga da identificación das especies. “Póñense trampas, faise un estudo en toda Galicia, identifícanse sitios de especial interese para a captura de mosquitos e faise unha planificación actual. Tamén temos a colaboración dalgúns concellos”, explica Vázquez.

Interfaz da aplicación Mosquito Alert, cun mapa onde se sinala que especies de mosquito apareceron en que territorios.

Esta rede, máis técnica, compleméntase coa aplicación Mosquito Alert, na que tamén colaboran Polino e Martínez. Esta ferramenta do Ministerio de Sanidade busca o apoio da cidadanía para a identificación de novas especies de mosquitos. O seu uso é moi sinxelo, dado que se pode subir unha foto dun exemplar, dun lugar de cría ou mesmo dunha picadura que dea pistas aos investigadores para determinar que tipo de especie aparece na imaxe ou foi a causante da picada. “É moi útil para coñecer o rango de distribución, sobre todo das especies invasoras”, di Polino. O investigador tamén admite que, en ocasións, non resulta doado identificar a especie, dado que as imaxes non se ven con nitidez ou aparecen moi lonxe. Por iso, a aplicación ofrece un grao de probabilidade e non unha resposta exacta.

Con estas ferramentas de vixilancia, e a constatación de que en Galicia non se detectaron especies invasoras nin patóxenos, xustifícase que o risco sexa 0. Existe a ameaza, como adminten os cinco investigadores, tanto da Xunta como da UVigo, pero tamén hai un sistema detrás que se encarga do control e da coordinación entre organismos e de xestionar as alertas, se as hai. “Dende a OMS hai un chamamento para preservar a saúde aplicando o enfoque One Health, atendendo á saúde humana, animal e ambiental”, apunta Íñiguez, dando conta de que as medidas de prevención e control teñen que ser transversais. De momento, están funcionando. Iso non evitará que o mosquito zumbe no noso oído, pero si conseguirá que conciliemos o sono cun chisco máis de tranquilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023
00:04:50

Teñen os mosquitos as súas cores de predilección?  

Ir vestidos de negro nun día de calor pode aumentar as probabilidades de que nos pique un mosquito, pero será o noso olor corporal o que determine a nosa condición de vítima

Alerta por dengue en Europa: pode ser endémico en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade, detectouse por primeira vez en Moaña durante o verán e xa se estendeu a outros catro concellos

Confirmada a presenza do mosquito tigre no concello de Vilaboa

Identificouse un exemplar nunha das trampas colocadas no municipio, despois de que a especie aparecese por primeira vez en Galicia este verán