Mércores 22 Maio 2024

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Galicia era un territorio libre de mosquito tigre (Aedes albopictus) ata o verán de 2023, cando se detectaron os primeiros exemplares en Moaña. A especie invasora continuou espallándose polos concellos veciños de Vigo, Redondela, Vilaboa e Cangas sen supoñer unha ameaza para a saúde humana. Malia que o mosquito tigre é vector de enfermidades como o dengue, non se atopou evidencia de que os exemplares atopados o ano pasado en Galicia estiveran infectados polo virus. Agora, esta doenza infecciosa volve estar de actualidade pola detección de 27 casos en Portugal no que vai de ano. Segundo informa o xornal Publico, facéndose eco dos datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde do país luso, todos son importados, 22 deles de Brasil, abrindo de novo o debate sobre a posibilidade dunha transmisión autóctona do dengue e o risco de que cruce a Galicia.

“Todos os casos detectados ata agora foron importados. En 2024 levamos dous, e o total de casos do ano 2023 foi de 7. Ningún deles procedentes de Brasil”, indican dende a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), o organismo que se encarga do control do mosquito tigre en Galicia. Por tanto, non semella que, de momento, haxa unha conexión entre o gromo de Portugal e os casos de dengue rexistrados en Galicia. De feito, dende a rede enfatizan que aínda que o vector estea presente no territorio galego, ata o de agora non existe evidencia do virus do dengue: “O risco de transmisión autóctona segue sendo baixo”. A este respecto, a investigadora da Universidade de Vigo e membro de ReGaViVec, Yasmina Martínez Barciela, explicaba a Gciencia en novembro que o dengue en Galicia “non é endémico, nin está en circulación entre a poboación”.

Publicidade

Malia que o risco de transmisión é baixo, non é cero. Segundo explican fontes da Consellería de Sanidade da Xunta, pode producirse un contaxio de humano a mosquito, e non ao revés. Para que isto aconteza, a persoa infectada ten que estar nun determinado período da enfermidade. Máis concretamente, dende dous días antes da aparición dos síntomas ata dous días despois da resolución da febre, segundo a información facilitada pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Xusto neste momento, que pode durar entre catro ou cinco días, se un mosquito pica á persoa infectada, esta pode transmitirlle o dengue. De ser así, o Aedes albopictus, pero tamén outros mosquitos do xénero Aedes, poden transmitir o patóxeno durante toda a súa vida.

Máis en concreto, cando un mosquito é infectado polo virus do dengue, este tense que replicar no seu intestino medio. A partir de aí vaise espallando por distintas partes do corpo do insecto ata chegar ás glándulas da saliva. Con todo, o tempo que transcorre entre que o mosquito é infectado ata que se converte en transmisor depende dun gran amalgama de factores. Dende a OMS enumeran a temperatura ambiente, que debe oscilar entre os 25 e os 28 graos, o xenotipo do virus, a concentración vírica inicial e incluso as flutuacións da temperatura diaria. Polo tanto, o proceso é complexo pero bidireccional: o mosquito infecta pero tamén pode ser infectado.

Menos risco durante o inverno

No que respecta á situación de Portugal, todos os casos detectados dende comezos de ano son importados, 22 deles de Brasil, un país que está a sufrir unha explosión de casos de dengue. De feito, as autoridades de Río de Janeiro decretaron o estado de emerxencia polo aumento exponencial dos contaxios. Porén, a situación en Portugal é ben distinta, dado que non se detectou transmisión autóctona do virus na zona continental. Segundo declaracións de Carla Sousa, investigadora do Instituto de Hixiene e Medicina Tropical (IHMT), nunha entrevista realizada en febreiro para Antena 1: “O risco de diseminación do dengue en Portugal continental redúcese durante o inverno”.

En declaracións recollidas por outras medios portugueses, como Diário de Noticias, o tamén investigador do IHMT Marcelo Urbano Ferreira subscribiu as palabras de Sousa pero admitiu que hai un “risco potencial” da introdución do dengue na zona continental do país luso. “O que axuda a Portugal e a outros lugares do hemisferio norte é que, nun momento en que hai grandes gromos no hemisferio sur, a abundancia de mosquitos aquí, ao ser a época máis fría do ano, é menor. Isto axuda moito, pero a transmisión do dengue non se limita ao hemisferio sur, senón todo o contrario: temos varios países en Asia, no hemisferio norte, con gran número de casos de dengue”, indicaba Urbano Ferreira.

Como reaccionar dende Galicia

Para controlar a situación, e descartar unha posible transmisión autóctona do dengue, ReGaViVec vixía a situación do mosquito tigre dende a súa aparición en Galicia o verán pasado. A rede autonómica informa que se poñen trampas durante todo o ano para monitorizar a actividade deste insecto, pero que os labores de control intensifícanse a partir da primavera, así como durante o verán e o outono. Amais da colocación de trampas, e da colaboración coa aplicación Mosquito Alert —a través da que se identificou o primeiro exemplar en Galicia—, ReGaViVec desenvolveu o Programa de xestión integrada do mosquito tigre, onde se recollen as pautas a seguir en función dos escenarios de risco. O obxectivo non é só o de evitar a súa expansión, senón tamén responder a tempo no caso de que se detecte unha transmisión autóctona de enfermidades como o dengue.

Segundo recolle o documento, entre un 40% e un 80% das infeccións por virus do dengue son asintomáticas. De feito, o máis habitual é que a persoa contaxiada curse cun cadro clínico leve despois dun período de incubación que vai dende os 4 aos 10 días. Con todo, hai quen desenvolve síntomas, sendo os máis habituais a febre, as náuseas, os vómitos, o malestar xeral e incluso erupcións cutáneas. Malia que o dengue grave só se desenvolve nun 5% dos casos, hai países que sofren un forte azoute da enfermidade. Nalgunhas zonas xa se aprobou e autorizou unha vacina contra o dengue, segundo a OMS. Con todo, só está recomendada para persoas de entre 6 e 45 anos que se infectaran previamente polo virus.

Un gromo; 2.000 casos

O maior gromo de dengue que se viviu en Portugal produciuse na illa de Madeira en outubro de 2012. O número de casos superou os 2.000 e fixo saltar as alarmas: era a primeira vez que se detectaba unha transmisión autóctona da enfermidade. Segundo a información recompilada polo Ministerio de Sanidade español, os primeiros casos diagnosticados foron o dun home de 44 anos e o dunha muller de 16, residentes en Caniço e Funchal, que non viaxaran ao estranxeiro. Nas dúas semanas seguintes, os servizos sanitarios de Madeira comezaron a recibir casos con síntomas compatibles co dengue. O gromo rematou con máis de dous millares de casos diagnosticados.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A enerxía eléctrica foi a maior fonte de gases de efecto invernadoiro en Galicia en 2022

A actividade deste sector produciu 2,2 megatoneladas de emisións no territorio galego, cun forte impacto da empresa Repsol

O tempo cambiará de maneira radical en Galicia: volve a chuvia e caen as temperaturas 10 graos

A partir do luns, unha fronte fría asociada a unha borrasca atravesará a comunidade

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Unha dorsal anticiclónica disparará os termómetros por riba dos 30 graos

O mércores e o xoves serán os días máis calorosos da semana, con valores térmicos que superan a media de maio