A chegada do mosquito tigre (Aedes albopictus) a Galicia xa non é unha hipótese nin un prognóstico: é unha confirmación. Os primeiros exemplares desta especie procedente do sudeste asiático, pero asentada no levante peninsular dende hai dúas décadas, apareceron en Moaña. O primeiro aviso deuno un veciño a través da aplicación Mosquito Alert, que controla a distribución destes insectos por todo o territorio español. A Xunta, a través da súa Rede de Vixilancia de Vectores (Regavivec), confirmou a información o 9 de agosto: era a primeira vez que se detectaba mosquito tigre en Galicia. Tan só uns días despois, constátase a presenza de dous exemplares en Vigo.
A súa chegada non sorprende á comunidade científica. De feito, varios expertos de Regavivec declaraban o seguinte nunha reportaxe publicada en GCiencia: “Que non o detectaramos non significa que non exista”. E, sobre todo, lanzaban unha mensaxe de calma. O principal risco en Galicia son as molestas picaduras que provoca este mosquito de hábitos diúrnos dado que, polo momento, non circula no país ningún dos patóxenos que pode transmitir.
A continuación, resolvemos as túas dúbidas sobre esta especie invasora que chegou para quedar:
Como podes identificalo?
O Aedes albopictus recibe o nome de mosquito tigre polas raias brancas que riscan o seu corpo pequeno e negro. Máis en concreto, é fácil identificalo se ollamos unha liña clara na porte posterior da cabeza e do tórax e as patas riscadas, cun aspecto semellante ao dunha cebra. Ademais, o mosquito tigre é de pequeno tamaño e non supera os 9 milímetros de lonxitude, segundo informan dende Mosquito Alert.
Ademais das súas características físicas, e da súa cor recoñecible, a principal diferenza con outras especies de mosquitos, como pode ser o común (Culex pipiens), son os seus hábitos. Mentres que o Aedes albopictus é madrugador, cun pico de actividade a primeira hora de tarde e antes do anoitecer, os comúns son de hábitos nocturnos. Por iso, é máis probable que un mosquito tigre pique durante o día e na cidade, dado que tamén é unha especie principalmente urbana, segundo engaden dende a Xunta.
Que enfermidades transmite?
Segundo explican dende Mosquito Alert, o Aedes albopictus é capaz de infectarse ata con 22 virus diferentes. As principais enfermidades que pode transmitir son o dengue, o zika, o chikungunya e a febre amarela, pero demostrouse que tamén pode contaxiar a febre do val do Rift, o virus da encefalite xaponesa e o virus do Nilo Occidental. De todos modos, os expertos instan á calma e recordan que non se constatou a presenza destes patóxenos en Galicia. En España, a transmisión destas enfermidades foi mínima e de maneira xeral relacionáronse con persoas que contraeron o virus no estranxeiro.
Amais das enfermidades que poida transmitir directamente aos humanos, dende Mosquito Alert salientan que pica a unha ampla variedade de animais, sobre todo mamíferos. E isto incrementa o risco de que se transmitan patóxenos de animais a humanos e viceversa. Por exemplo, o mosquito tigre contaxia a dirofilariase canina, tamén coñecida como “verme do corazón”. É un parasito que afecta sobre todo a cans e, aínda que se pode transmitir a humanos, as probabilidades son moi baixas.
Como son as picaduras e como evitalas?
As picaduras do mosquito tigre, segundo apuntan os expertos de Regavivec, poden ser moi molestas. O que o diferenza doutras especies é que pode picar varias veces nunha única comida, polo que un só exemplar pode provocar varias ronchas. Ademais, como o mosquito tigre voa baixo é habitual que pique nas pernas e non nos brazos. De feito, pode chegar a picar nos nocellos, dado que é capaz de perforar os calcetíns, non así con vaqueiros nin roupa grosa. Ademais, senten atracción pola escuridade e a cor negra, polo que non se recomenda vestir con estas cores nas zonas afectadas.
Así mesmo, dende a Xunta aconsellan aplicar repelentes e insecticidas, empregar mosquiteiros nas ventás e usar roupa que cubra a pel, dado que non adoitan picar no exterior das vivendas. Finalmente, aos mosquitos atráenos a suor e os olores fortes, polo que é conveniente manter unha boa hixiene persoal.
Que facer se che pica?
As picaduras do mosquito tigre provocan pel avermellada, picor e lixeiros cambios dermatolóxicos na zona afectada, sefundo informan dende o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) de Madrid. Dende a Xunta engaden que son “moi molestas, poden ser dolorosas e ocasionar unha reacción alérxica”. De feito, a picadura pode causar prurito e ronchas. O mellor é evitar rascar a picadura, lavala con auga e xabón e usar xeo para reducir a inflamación. E no caso de atoparse mal, acudir aos servizos de saúde.
Como se distribúe?
Segundo o Catálogo español de especies invasoras, o mosquito tigre introduciuse en España a través do mercado de produtos co sudeste asiático, de onde é autóctono. A provincia de Barcelona foi o primeiro lugar no que se detectaron exemplares, en 2004. Tan só un ano despois xa se expandira ata Tarragona e Alicante e en Baleares identificouse por primeira vez en 2012. Malia que o seu hábitat natural son as selvas do sudeste asiático, a súa expansión é continua dende os anos 70, acelerándose en Europa occidental e meridional dende o 2000.
Como se pode combater?
O primeiro paso é evitar a auga estancada, dado que a súa presenza se relaciona coas acumulacións de auga. Dende o ISCIII, de feito, recomentan baleirar ou cubrir recipientes que acumulen ou conteñan auga, como poden ser os bebedoiros das mascotas ou as macetas. Así mesmo, debería evitarse acumulacións en zonas de drenaxe, tapar pozos e cisternas e valorar o uso de mosquiteiros. O principal obxectivo é evitar a reprodución do insecto.
Segundo matizan dende Mosquito Alert, todo obxecto susceptible de acumular auga pode ser empregado polo mosquito tigre para reproducirse. Aí será onde as femias, as únicas que pican, despositarán os ovos nas paredes. “Estes ovos son tolerantes aos períodos de seca e eclosionarán cando estean cubertos de auga”, apuntan dende a aplicación. Ademais, como non son grandes voadores, non adoitan afastarse do lugar onde naceron. O máximo, uns 200 ou 500 metros do seu lugar de cría.