Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Galicia experimentará temperaturas superiores aos 40 graos durante os vindeiros días. Este novo episodio cálido, o cuarto no que levamos de ano, comezou este domingo e durará ata o xoves 24 de agosto, segundo confirma a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). O organismo explica que “a forte insolación dunha masa de aire cálido e estable” será a responsable de que se volvan bater récords na península, con noites nas que incluso se rexistrarán mínimas de 25 graos nalgúns puntos do territorio. O luns e o martes serán os días nos que se acadará o pico da onda de calor, con máximas superiores aos 40 graos no interior de Galicia e os 35 graos no litoral.

Dende Meteogalicia confirman que as temperaturas dos vindeiros días “serán altas para a época do ano”. De feito, o organismo autonómico activa este luns a alerta amarela por temperaturas superiores aos 36 graos no sur e na zona do Miño de Ourense, así como en Valdeorras. No Miño de Pontevedra os valores serán lixeiramente inferiores, pero superarán os 34 graos. Un escenario que se complica mañá, martes 22 de agosto. Valdeorras e a zona do Miño de Ourense rexistrarán temperaturas superiores aos 39 graos, seguidas do Miño de Pontevedra, con valores que ascenderán ata os 37 graos. A alerta amarela estenderase por boa parte do territorio galego, con temperaturas de 34 graos no litoral de Pontevedra, na montaña de Lugo e no interior da Coruña e con máximas que superarán os 36 graos no sur, noroeste e montaña de Ourense, e no no sur e centro de Lugo.

Publicidade

https://twitter.com/MeteoGalicia/status/1693529736520094154

Porén, esta intensa calor que abaterá Galicia na primeira metade da semana non se prolongará máis alá do xoves. A partir do 24 de agosto espérase un cambio no escenario atmosférico. Malia que o prognóstico aínda é incerto, dende Meteogalicia predín un aumento da probabilidade de chuvascos treboentos durante esta fin de semana, cunha diminución progresiva das temperaturas. De feito, espérase que se acaden “valores baixos para a época do ano”. Ourense, por exemplo, baixaría ata os 24 graos o sábado 26, cun descenso térmico de máis de 15 graos. En Santiago as temperaturas non superarán os 20 graos, nunha situación semellante á de Lugo, A Coruña e Ferrol. Vigo e Pontevedra roldarán os 22 graos. A AEMET tamén confirma un “descenso térmico máis acusado” durante a fin de semana, dando por finalizada a cuarta onda de calor do ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía