A chegada do mosquito tigre a Galicia, unha visita que a comunidade científica esperaba

O aumento das temperaturas favorece a proliferación deste tipo de especies que pode criar nas contornas das casas

O Sergas comunicou na pasada xornada do mércores a presenza de mosquitos tigre en Galicia. É a primeira vez que se rexistran e foi grazas a un veciño de Moaña que atopou varios exemplares. En España detectáronse por primeira vez en 2004 e ata agora identificáronse en máis de 40 provincias españolas. De aí que a comunidade científica agardase que o mosquito tigre visitara a comunidade nalgún momento e quizais, viñera para quedarse. Que non se vira antes non significa que non estivese xa aquí. O máis importante, dende o eido científico, é traballar no control da especie. Coa confirmación do primeiro aedes albopictus, Galicia deixa de estar en risco 0 ante estas especies do xénero Aedes consideradas invasoras, e pasa ao escenario 1.

O mosquito é un potencial transmisor de enfermidades do virus do dengue, chikungunya ou Zika. Aínda non se puido confirmar a presenza dalgún destes patóxenos nos exemplares lozalizados en Moaña. Non sería a primeira vez que se identifican casos deste tipo: en 2018 e 2019 a Xunta comunicou dous casos aislados de dengue. En España, a transmisión destas enfermidades foi mínima e de maneira xeral relacionáronse con persoas que contraeron o virus no estranxeiro. As provincias deben seguir un protocolo conforme ao Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das enfermidades transmitidas por vectores.

Publicidade

“Nalgún momento tiñan que chegar. Temos o mosquito instaurado en moitas zonas de España, a nosa situación era moi privilexiada”, apunta Elvira Íñiguez, técnica do Servizo de Sanidade Ambiental da Xunta de Galicia. O aumento da temperatura global muda os hábitos dos insectos. O cambio climático favorece a expansión destas especies, xa que os ambientes máis cálidos permiten que se reproduzan durante máis tempo e favorece que sobrevivan. “Están atopando hábitats onde antes non. E os que se atoparon en Galicia puideron vir con calquer persoa”, continúa a técnica.

O importante papel da poboación para o control da especie

Chegan os mosquitos tigre para quedarse? Non se sabe. É unha pregunta difícil de responder. A Xunta traballa con Mosquito Alert, unha aplicación de ciencia cidadá que depende do Ministerio de Sanidade. “Temos que seguir traballando coa rede de vixilancia. Colocando trampas, facendo unha vixilancia activa e con medidas de prevención”, explica Íñiguez. O obxectivo dos científicos é evitar a proliferación de hábitats. “Aquí a poboación ten moito que aportar”, engade a técnica. Esta especie cría en recipientes con auga, como macetas, piscinas ou bebedeiros dos animais. A femia deposita aquí os seus ovos e é crucial que os habitantes vixíen a contorna da súa casa.

Publicidade

“As persoas deben revisar cada catro ou cinco días a súa vivenda. Evitar acumulacións de auga como pratos, floreiros ou caleiros de hórreos”, comentan dende a Xunta. No caso de que o mosquito tigre se asente en Galicia, “haberá que convivir con el, como se conviven con outros vectores de España e do resto de territorios”. Dende Sanidade apuntan que esta non é unha alerta sanitaria e que é algo normal tendo en conta o patrón climático que está afectando a toda a biodiversidade de especies. Sobre a posibilidade de reducir a poboación do mosquito Íñiguez aclara que se atopamos os lugares de cría se poden controlar. Os mosquitos son comúns de zonas urbanas e suburbanas, por iso os concellos poden aplicar medidas de control vectorial.

Como identificar o mosquito

O mosquito tigre é de cor escura e mide arredor de 3,10 milímetros de lonxitude, é de tamaño mediano en comparación con outros mosquitos. É fácil de identificar grazas ás raias brancas que lle cubren o corpo. Tamén teñen estas marcas nas patas. Dende a Universidade de Murcia apuntan que esta especie é difícil de ver no aire, porque voa precisamente polo baixo e pica nas extremidades inferiores. Os nenos deberán ter especial coidado, xa que poden ser picados en calquera parte do corpo. Cando pica é moi agresivo e é aí cando permanece quieto. Esta especie é máis activa de día a diferenza doutro tipo de mosquitos. A dor da picadura pode ser moi molesta, co cal, o idóneo é tomar medidas de prevención para evitalas. Por exemplo, usando repelente ou vestindo pantalóns longos, ademais de viaxar a vivenda. No caso de identificar un mosquito deste tipo, dende a Xunta apuntan que é importante empregar a aplicación Mosquito Alert e compartir unha foto do exemplar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos