Un novo estudo desvela que a fisiopatoloxía da obesidade é diferente en homes e mulleres

O achado ofrece unha nova perspectiva sobre os complexos mecanismos que regulan o equilibrio entre subministración e gasto enerxético

A homeostase enerxética define o punto de equilibrio entre enerxía inxerida e consumida no noso corpo e está regulada, do mesmo xeito que os demais ritmos circadianos, polo sistema nervioso central a través do hipotálamo. O seu comportamento é fundamental na fisiopatoloxía da obesidade e enfermidades relacionadas. Agora, os grupos do CiMUS da USC Gliatime e NeurObesity, dirixidos por Olga Barca e Miguel López, acaban de descubrir que o mantemento do equilibrio enerxético é diferente en ratos machos e femias; e que son os astrocitos, un tipo de células cerebrais, os responsables destas diferenzas. O achado foi publicado na prestixiosa revista científica Cell Reports.

Estratexias crono-terapéuticas

Esta investigación pon de manifesto que a redución do xene BMAL1, un dos xenes do reloxo molecular que desempeña un papel crucial na xeración dos ritmos circadianos, nos astrocitos femininos resulta nun balance enerxético negativo e altera os ciclos metabólicos básicos sen afectar a actividade locomotora circadiana. Estas células inflúen na taxa metabólica, a lipoxénese no tecido adiposo branco e hepático e na actividade do tecido adiposo pardo.

Publicidade

“É importante destacar que estas alteracións son específicas dos astrocitos no hipotálamo”, aclara a coordinadora do grupo Gliatime, Olga Barca, quen continúa explicando que “curiosamente, os ratos femia con redución de BMAL1 nestes astrocitos mostran un fenotipo metabólico “similar ao masculino” cando se alimentan cunha dieta alta en graxas”.

“Esperamos que este artigo sexa de gran interese para a comunidade científica e a sociedade en xeral, xa que lanza luz sobre os complexos mecanismos que regulan a homeostase enerxética e como estes poden variar segundo o sexo. Poder comprender as diferenzas sexuais nestes mecanismos circadianos é crucial para entender as distintas respostas á interrupción circadiana e outros dimorfismos asociados á diferenza de sexo”, conclúe a investigadora CiMUS.

Publicidade

Os resultados desta investigación proporcionan información valiosa sobre o desenvolvemento de novos tratamentos específicos de xénero para enfermidades relacionadas cos chamados reloxos celulares, a homeostase enerxética e o metabolismo periférico, brindando oportunidades para o deseño de estratexias crono-terapéuticas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro