Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

O rato colilongo (Oligoryzomys longicaudatu) é un roedor pequeno cuxo nome científico fai referencia ao gran tamaño da súa cola, que acada por si mesma os 15 centímetros de lonxitude, mentres que o seu corpo pode medir entre seis e oito centímetros. Con todo, representa o principal reservorio da cepa Andes do hantavirus, sendo unha especie que habita na Patagonia, unha das paradas relevantes no traxecto do cruceiro MV Hondius.

Esta especie busca bosques frondosos con arbustos onde poder agocharse e aniñar, ademais de lugares onde pode atopar sementes de leguminosas. “Cando pasan este tipo de sucesos sempre se adoita falar mal do animal, pero o seu papel ecolóxico é xigante”, apunta José Ángel Hernández Malagón, profesor do Departamento de Patoloxía Animal da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Durante anos traballou no Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), considerado o principal centro de traballo con roedores da universidade. Así, o rato colilongo é vital na cadea trófica, xa que alimenta a aves rapaces, reptís e mesmo mamíferos; favorecen a distribución de sementes e a aireación da terra. Con todo, tamén existe un factor: poden transmitir enfermidades como o hantavirus.

Publicidade

Roedores como hospedadores

Como norma xeral, pénsase que os virus sempre van ser mortais e letais. “A maioria dos hospedadores que se converten en reservorios non producen que a infección remate co animal; se remata con eles, non ten con quen distribuírse”, explica Hernández Malagón. Deste xeito, mediante a tolerancia inmunolóxica das citoquinas dos ratos, cunha resposta inflamatoria menor, o rato colilongo non padece unha enfermidade tan grave, difumina o virus e actúa como reservorio. “Prodúcese unha coevolución entre o hospedador e o virus”, apunta. A pesar de que podan afectar a outras especies, que experimentan reaccións fortes contra o virus e producen a destrucción celular que remata en problemas pulmonares, os ratos non son hospedadores que a curto o medio prazo diseminen a enfermidade de forma negativa.

Diversos estudos levados a cabo nos Andes, onde este roedor é común, realizaron capturas da especie para coñecer a prevalencia de contacto co virus. Os resultados oscilan entre o 5-10% de seroprevalencia, con variabilidade de presenza dentro da propia especie segundo xénero e idade. “A transmisión lévase a cabo en fases agudas da infección; seguramente a porcentaxe de colilongos capaces de transmitir a enfermidade sexa menor”, explica o profesor da USC.

Publicidade

Por que os machos adultos?

Os machos adultos son os que reportan maior prevalencia de hantavirus no seu organismo. Lembremos que as vías de transmisión principais desta enfermidade son os ouriños, as feces e a saliva. Con todo, José Ángel Hernández explica que os roedores son moi limpos e non adoitan estar en contacto directo con estes refugallos.

O motivo polo que o hantavirus aparece en maior medida en ratos colilongos machos e adultos é pola súa territorialidade e agresividade cando hai unha femia preto durante o período de reprodución —adoita repetirse cada 21 días—: “As pelexas entre machos favorece que teñan feridas e a saliva da mordedura aumenta o contacto co virus”, explica. Así, os individuos máis novos aínda non experimentan un carácter asociado ao sexo, polo que normalmente non teñen esas feridas, e non se contaxian salvo que a nai estea infectada, pero é menos probable. “Un maior contacto, sociabilidade e as pelexas favorecen a unha prevalencia moito máis elevada”, explica o experto.

O clima, outro factor

O clima súmase á lista de factores que inflúen na expansión do virus entre os ratos colilongos. Por exemplo, o aumento das chuvias e unha temperatura temperada pode favorecer ao crecemento de vexetación, como ocorre en Galicia. Ese aumento da biomasa aumenta o acceso a comida dos roedores, e unha maior dispoñibilidade de recursos produce que se reproduzan dunha forma máis eficiente. “Aumenta o número de colilongos e, ao mesmo tempo, o número de hospedadores; é máis probable que se infecten”, sinala Hernández Malagón.

Con todo, unha seca tamén pode ser negativa: diminúe a comida, polo que o número de roedores non vai aumentar. O problema chega cando os ratos non permanecen no seu hábitat, os bosques, por ese mesmo motivo, a falta de alimento. “Buscan zonas con auga e comida, áreas perirubanas con pastos e lixo; adoitan achegares ao ser humano”, sinala.

Unha orixe chea de incógnitas

Unha das hipóteses baralladas sobre a orixe do gromo de hantavirus a bordo do MV Hondius foi a visita a un vertedoiro para visualizar paxaros. Estas contornas son zonas cunha bioseguridade moi mala ou nula na que, segundo José Ángel Hernández, “este tipo de roedores medran con moita facilidade porque hai moito alimento“. Pero o problema é non levar as medidas necesarias, dende máscaras a luvas. Así, o cruceiro, unha contorna pechada que non favorece a ventilación pode ter consecuencias como o gromo de hantavirus: “Para eles son condicións positivas, pero para os humanos é malo”, engade.

Vixilancia en cadea

En casos como o gromo de hantavirus, o foco debe estar posto na estratexia One Health, xa que este tipo de gromos non son problema dun só profesional, como veterinarios, médicos ou biólogos. Así, como toda estratexia, supón un proceso.

En primeiro lugar, hai que levar a cabo unha vixilancia dos reservorios, é dicir, do Oligoryzomys longicaudatu, para coñecer os índices de poboación. Segundo os estudos de seroprevalencia e PCR, o epidemiólogo pode localizar zonas de especial interese pola probabilidade de afloramento de gromos. Así, avísase aos servizos sanitarios da contorna, para poder identificar facilmente os síntomas, tomar as medidas sanitarias adecuadas, levar a cabo as análises e ser quen de controlar rapidamente o gromo. “Estamos nunha contorna globalizada na que a aparición dunha enfermidade a 8.000 quilómetros pode chegar a afectar a toda a poboación”, conclúe José Ángel Hernández Malagón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE