Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Pandemia, contaxio, confinamento… O recente gromo do hantavirus devolveu ao foco público estas palabras que tan ben coñece xa a poboación. Ata o 2020, pertencían en exclusiva á xerga médica; agora, forman parte do imaxinario colectivo. Estas palabras teñen unha carga emocional, un significado máis alá do que se recolle nun dicionario. E, por asociación, dito peso emocional podería causar reaccións agravadas ante a información relativa ao hantavirus.

A preocupación é normal: trátase dunha resposta psicolóxica a unha situación na que se percibe un risco. Así e todo, as reaccións da poboación, moitas delas expresadas a través de redes sociais, apuntan a que o nivel de angustia xerada non se corresponde en todos os casos coa perigosidade real da infección. Os datos coñecidos sobre o hantavirus indican que a súa propagación é moito menor que a da covid: a súa transmisión é moito máis difícil. Trátase dun virus cunha alta letalidade, pero o contaxio é moito máis limitado.

Publicidade

Por que se produce unha reacción negativa ao falar dun virus?

O catedrático de Psicoloxía Clínica da USC Fernando Vázquez explica por que aparecen reaccións negativas cando as noticias xiran en torno a un virus: “A covid deixounos unha memoria emocional”. Trátase da aprendizaxe e recordo de eventos asociados a unha resposta física ou anímica. O catedrático apunta que, ao falar dun virus, moitas persoas non escoitan os datos, senón que reaccionan ao medo que lembran da pandemia.

A presidenta do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), Paula Marcos Carregal, concorda: “A xente pasouno mal pola incerteza, os falecementos, a alerta sanitaria… A nivel individual, estas memorias, que son case corporais, son moi difíciles de sacar, sobre todo cando hai algo que asociamos a unha situación vivida no pasado”. O resultado deste proceso mental é que sexa máis sinxelo rememorar un acontecemento se ten unha carga emocional forte asociada; é dicir, non só se recorda o que pasou, senón, especialmente, como se viviu. Por iso, a experiencia individual durante a crise do coronavirus pode condicionar a reacción á actualidade do hantavirus.

Publicidade

Un mecanismo de supervivencia

“O cerebro ten moita facilidade para aprender das experiencias sobre o que pode resultarnos perigoso. É unha cuestión de supervivencia”, conta Vázquez, que asegura que o vivido en anos anteriores ensinou ao cerebro que certos escenarios van ligados a algúns riscos.

Este mecanismo de anticipación ten por obxectivo protexernos de posibles danos, e funciona en tanto a que capta e procesa patróns e a súa ausencia. “Aos seres humanos encántannos as rutinas. A covid irrompeu a nosa normalidade; foi unha situación nova para todo o mundo. Por iso, cando perdimos o control sobre as nosas rutinas vímonos afectados con síntomas emocionais que aínda persisten”, apunta Marcos Carregal, quen engade: “Pero o ser humano ten unha capacidade impresionante de superar crises como a covid”.

O resultado desta serie de asociacións é o estrés. Os dous psicólogos fan notar que esta emoción, habitualmente asociada cunha sensación negativa, é, en realidade, un método de autoprotección. Actúa como unha ferramenta de anticipación: en base aos patróns coñecidos —que contarán, á súa vez, cunha serie de memorias emocionais ligadas—, o cerebro trata de predicir os acontecementos vindeiros e, deste xeito, loitar contra a incerteza. Así, a mente busca ir un paso por diante de determinados escenarios que poidan supoñer un risco, real ou percibido, para a saúde física ou mental.

O papel da información

Tanto Fernando Vázquez como Paula Marcos poñen en valor a relevancia da información en todo este asunto. “Despois dunha experiencia tan impactante como a da covid, é normal que certa información sanitaria nos remova”, recoñece Vázquez. A presidenta do COPG sostén que as fontes de información teñen unha gran responsabilidade social que asumir, tanto os medios de comunicación, como os profesionais sanitarios e do goberno.

A psicóloga clínica no Servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Pontevedra, Rosa Cerqueiro, tamén alude o impacto da información e da súa xestión: “Necesitamos ter datos precisos e veraces. Sempre que os haxa, a repercusión será positiva”.

No relativo á comunicación durante momentos e crise, debe recordarse acceder a fontes oficiais e veraces e consultar medios que eviten os enfoques alarmistas. Porén, a procura excesiva de información pode ter o efecto contrario ao desexado. “Hai que estar ben informado, pero tratar de seguir a evolución dos acontecementos de maneira constante sempre fai que a sensación de medo aumente”, advirte o catedrático da USC.

Un fenómeno colectivo

Fernando Vázquez indica que esta emoción non é estática. “O medo contáxiase. A través da empatía, o que a nivel biolóxico son as neuronas espello, non só xeramos as emocións en nós, senón que as proxectamos”, explica. Paula Marcos Carregal concorda que se trata dun fenómeno social, non só individual: “O uso de determinadas palabras están levándonos a un momento colectivo que temos moi fixado”.

Que facer para manter a calma?

Fernando Vázquez recalca a importancia da contextualización: “Debemos facer o esforzo de poñer o risco en contexto. Un novo gromo non significa automaticamente que esteamos nunha situación como a que xa vivimos. É fundamental distinguir a prudencia da alarma”. O psicólogo recomenda refuxiarse na rutina e manter hábitos saudables —alimentarse ben, durmir as horas necesarias, socializar, etc.— para axudar a mente a evitar o catastrofismo. “Tamén está ben falar do medo con outras persoas, pero sempre dende a calma. Se vemos que o negativo nos domina, e en especial no caso de persoas susceptibles a un maior impacto emocional, debemos buscar axuda profesional”, declara.

Paula Marcos subliña as rutinas como a clave para manter a tranquilidade: “Aferrémonos ao presente, ao que nos rodea, ao seguro. A inseguridade e a incerteza son do que peor levamos”. A psicóloga recomenda evitar, na medida do posible, a ansiedade anticipatoria, é dicir, tratar non preocuparse pola previsión daquilo que aínda non aconteceu. A presidenta do COPG conclúe cun recordatorio: “Hai cousas que escapan e iso dá medo, pero é importante naturalizar estas emocións e saber afrontalas sen temelas nin negalas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

Gómez Ulla, o cirurxián galego que dá nome ao hospital do illamento do hantavirus

O doutor exerceu a súa profesión en múltiples frontes bélicas, entre elas dúas guerras mundiais e a Guerra Civil española

Dos antigos lazaretos galegos ás modernas unidades de illamento: así evolucionaron as corentenas

San Simón, Tambo e o castelo de Oza funcionaron como centros sanitarios que illaban os pasaxeiros e a tripulación dos barcos para evitar a expansión de enfermidades infecciosas