O estrés non sempre é malo: cando o corpo se activa para axudar

Reformular como interpretamos as situacións, establecer metas realistas e mellorar a asertividade pode contribuír a levar un estilo de vida máis saudable

E se o estrés fose, en realidade, un aliado? A palabra “estrés” adoita asociarse con algo negativo, con tensión, angustia, ansiedade ou incluso enfermidade. Porén, a ciencia explícanos que esta resposta do corpo humano non só é natural, senón tamén necesaria para a nosa supervivencia e adaptación.

Non todo estrés é igual

A Organización Mundial da Saúde sinalou o estrés como unha das grandes epidemias do século XXI, debido á súa presenza constante nas nosas vidas. Con todo, isto non significa que o estrés sexa sempre un problema. O estrés é unha resposta psico-fisiolóxica que se activa cando nos atopamos diante dunha situación que require un esforzo pola nosa parte.

Publicidade

“Orixínase de xeito natural no noso organismo, especialmente cando temos que expoñernos a situacións para as que sentimos que non temos recursos”, explica Fernando Lino Vázquez, catedrático de psicoloxía clínica na USC. “ É unha resposta funcional e tremendamente adaptativa, non poderiamos en realidade vivir sen el. O certo é que sempre se fai énfase no nocivo da resposta do estrés, mais isto é moi complexo porque hai varios tipos de estrés, e o impacto que ten cada un tamén é diferente”.

Entre os tipos de estrés máis habituais está o estrés puntual, que aparece en momentos concretos de presión —como pode ser un exame, unha entrevista de traballo ou un conflito puntual— pero que desaparece unha vez superada a situación. A continuación estaría o estrés agudo e episódico, que é máis común en persoas que levan estilos de vida moi intensos ou demandantes. Este tipo de estrés pode acabar pasando factura se non se xestiona correctamente.

Publicidade

Vázquez destaca, con todo, que o máis preocupante é o estrés crónico. Este é o estrés que se mantén no tempo —durante semanas ou meses— e acaba provocando efectos negativos tanto físicos como psicolóxicos. Entre os síntomas máis frecuentes do estrés crónico, atópanse a fatiga, dores de cabeza, problemas dixestivos, ansiedade, tristeza, irritabilidade e unha sensación persistente de impotencia. É importante entender ademais que, de non tomarse medidas, o estrés crónico pode converterse nun factor de risco para enfermidades graves, como diabetes tipo 2, problemas cardiovasculares e incluso deterioro cognitivo.

“A maiores, tamén hai outras dúas clasificacións do estrés que son o estrés positivo, ou eustrés, e o estrés negativo, ou distrés”, comenta Vázquez. “O eustrés é o nivel de activación óptimo que necesitamos para conseguir obxectivos ou metas que percibimos como non ameazantes ou motivadoras. O distrés é o contrario, é cando pasamos o punto óptimo de activación e podemos caer no estrés episódico, agudo ou incluso crónico”.

O nivel óptimo do estrés

Á hora de entender por que un nivel de activación do estrés demasiado baixo ou demasiado alto pode paralizarnos, Vázquez recorre á Lei de Yerkes-Dodson, que describe a relación entre o rendemento e o nivel de activación.

“É como unha Campá de Gauss: Demasiado pouco estrés paraliza e demasiado estrés desgasta, pero un punto intermedio potencia o noso funcionamento físico e mental”, asegura este psicólogo. “Cando estamos demasiado relaxados, podemos non ter unha motivación para movernos e caemos no risco de non conseguir os obxectivos que queremos, pero cando temos demasiado estrés, isto pode paralizarnos aínda máis”.

E este nivel de estrés demasiado alto o que é unha verdadeira ameaza, porque o corpo e a mente non conseguen desconectar, quedando atrapados nun estado de alerta constante. É nese punto cando o estrés deixa de ser útil e se converte nun problema serio. As consecuencias máis frecuentes poden ir desde o absentismo laboral ou a procrastinación ata o consumo de tóxicos ou o illamento social.

“Arredor 70 % da poboación experimentou algún episodio de estrés intenso en contextos como o traballo, os estudos ou a vida familiar”, recalca Vázquez. “E é especialmente frecuente en mulleres, persoas novas adultas e quen vive con poucos recursos, que son colectivos máis vulnerables a este tipo de sobrecarga emocional”.

Con todo, aínda que non sempre podemos controlar por completo o estrés que experimentamos, existen medidas que nos axudan a levalo mellor e a previr que se converta en crónico, evitando así os seus danos físicos e psicolóxicos

Unha solución multifactorial

A solución non pasa por eliminar o estrés da nosa vida —porque iso é imposible—, senón por aprender a xestionalo. Reformular como interpretamos as situacións (ver os problemas como retos), establecer metas realistas, ter un estilo de vida estruturado, practicar técnicas de relaxación, mellorar a asertividade aprendendo a dicir que non ou desenvolver habilidades para afrontar dificultades son estratexias fundamentais para manter o estrés dentro dun nivel saudable. Porque, o estrés só fai dano cando non o podemos xestionar. Mentres tanto, é a forza que nos impulsa a facer cousas. Só temos que aprender a parar cando o corpo nolo pide.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego revela que a camuflaxe dos trazos autistas aumenta o estrés

A investigación do CiMUS da USC e do IDIS incorpora por primeira vez biomarcadores para avaliar o impacto fisiolóxico, utilizando a concentración de cortisol no cabelo como indicador obxectivo
00:05:28

Comer de noite engorda máis? O que di a ciencia sobre a hora da cea

A crononutrición evidencia que o momento das comidas pode influír no metabolismo, na resposta á insulina e na acumulación de graxa
00:03:47

Botar a cabeza cara a atrás cando sangra o nariz: que hai de certo neste costume?

Este fenómeno afecta arredor do 15% da poboación e prodúcese principalmente no terzo anterior do nariz, aínda que a inclinación non é a resposta para solucionalo
00:05:14

Mulleres e matemáticas: cando as orlas desminten un mito de xénero moi estendido

Unha mirada ás promocións históricas da USC revelan a presenza e influencia feminina nunha disciplina tradicionalmente considerada masculina