Comer de noite engorda máis? O que di a ciencia sobre a hora da cea

A crononutrición evidencia que o momento das comidas pode influír no metabolismo, na resposta á insulina e na acumulación de graxa

Cando se trata de cear, moitas veces escoitamos que comer de noite engorda máis. De feito, unha busca rápida en Internet sobre o tema, devolve recomendacións que insisten en cear moi pouco —e cedo—  se queremos adelgazar ou, polo menos, evitar gañar peso. Agora ben, é isto certo ou trátase só dun mito máis?

A resposta non é tan doada. Se ben non é certo que cear tarde faga engordar por arte de maxia, a ciencia comeza a descubrir que, si, o reloxo inflúe cando se trata de comer

Publicidade

“É algo que parece un mito, ou que todos escoitamos que é un mito, pero realmente non o é, ou agora estamos vendo que ten unha parte de verdade”, conta Maruxa Zapata, profesora de saúde pública na USC. “Isto non quere dicir que se como pola noite vou engordar ou ter sobrepeso, pero si que o favorece. Iso é o que nos din os estudos”.

Zapata recalca que, en nutrición hai tres puntos importantes: O que comemos —é dicir, a calidade dos alimentos que escollemos para alimentarnos—; canto comemos —a cantidade de comida que inxerimos— e, agora está entrando en xogo e gañando máis relevancia o ‘cando’ comemos. Porque o corpo non reacciona igual se as calorías se inxiren pola mañá ou pola noite. Aquí entraría unha área recente da nutrición: a crononutrición, que investiga precisamente como inflúe a hora das comidas no metabolismo e na saúde.

Publicidade

Por que a hora de comer importa?

“Parece que o que din os estudos é que se ti tomas, por exemplo, un bocadillo pola mañá, o teu corpo gasta máis enerxía en dixerir todo ese bocadillo que se o consumes pola noite”, comenta Zapata. “O bocadillo ten as mesmas calorías, pero os que cambiamos somos nós. O noso corpo entende que nós imos facer vida pola mañá —somos seres diúrnos e o noso reloxo interno vai coa luz do sol— polo que o noso corpo queima máis enerxía durante o día”.

Estamos deseñados para estar activos co día e descansar cando se pon o sol. O reloxo biolóxico, guiado pola luz, sincroniza os procesos internos: a dixestión, o almacenamento de graxa… Todo está adaptado ao ciclo luz-escuridade. Un ciclo que tamén regula a nosa resposta a como xestionamos os azucres.

“Toleramos mellor as inxestas de carbohidratos durante as horas centrais do día”, explica Zapata. “Pola noite, esa resposta empeora: prodúcense máis picos de glicosa, unha maior resistencia á insulina e, como consecuencia, un almacenamento máis elevado de graxa”.

Comer tarde non engorda por si só, pero complica as cousas

Non se trata de que cear tarde vaia facer que engordes 5 quilos de golpe. Pero si que favorece o sobrepeso se é un hábito frecuente, sobre todo se vai acompañado doutros factores como o sedentarismo, o picoteo ou unha dieta pouco equilibrada.

“Hai estudos que seguen a grupos de persoas durante meses e mostran que os que consumen máis calorías pola mañá tenden a pesar menos, incluso aínda que coman máis”, comenta a experta. “E tamén en intervencións con xente á que se pon a dieta, aquelas persoas que concentran a inxesta alimenticia nas primeiras horas do día perden máis peso que as que comen o mesmo, pero máis tarde.

Implica isto que temos que deixar de cear? Zapata ten claro que non. Para ela a cuestión non é deixar de consumir alimentos pola noite ou mesmo rechazar invitacións a ceas en compañía por isto, senón facelo con equilibrio e sentido común.

“Cear con amigos, comer con amigos, cociñar con amigos… Todo isto ten uns beneficios moito máis grandes, probablemente que o prexudicial que poida ter a cea a nivel, por exemplo, desa metabolización da glucosa”, destaca Zapata. “Por iso hai que ter sentidiño”. 

O que si se recomenda esta experta é adiantar a cea sempre que se poida —intentar cear antes das nove da noite— sobre todo se despois toca ir para a cama. Comer lixeiro, respectar os signos de saciedade, deixar unhas dúas ou tres horas antes de deitarse e escoitar o corpo. Porque aínda que comer tarde non sempre engorda, si que complica as cousas para a nosa saúde: contribúe ao sobrepeso, ao aumento de colesterol e incluso se relaciona con elevados niveis de ansiedade e estrés.

Comer de noite non é o demo. Pero se o facemos todos os días, moi tarde e en gran cantidade, pode empezar a pasarnos factura. Porque, ao final, non se trata só do que comemos, senón de cando, como e por que o facemos.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente