Seguro que no último ano coñeciches a alguén ao que diagnosticaron con SIBO. Acto seguido, probablemente preguntaches que era, e os demais tampouco o tiñan moi claro. Pois ben, aquí imos falar sobre o SIBO, siglas en inglés de Small Intestinal Bacterial Overgrowth, que se traduce como sobrecrecemento bacteriano no intestino delgado.
A súa presenza constante nas redes sociais avivou un debate: é o SIBO un mito ou unha realidade? A investigadora do grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e nutricionista en Atención Primaria do SERGAS, Paula Mariño Lorenzo, explica que o SIBO si existe e que hai probas para o seu diagnóstico. “Aínda persiste a idea de que pode ser un mito, pero existir, existe”, matiza.
Tras realizar unha busca entre as principais publicacións científicas, Mariño Lorenzo sinala que cada vez hai máis estudos dedicados ao SIBO, especialmente entre os anos 2024 e 2025. “Algúns son mesmo revisións doutras publicacións anteriores“, comenta, o que demostra o crecente interese científico sobre este tema.
Agora ben, se existe… que é exactamente? O SIBO é un tipo de disbiose intestinal, é dicir, un desequilibrio no que as bacterias prexudiciais medran por enriba das beneficiosas. “O SIBO sería algo similar, pero céntrase no intestino delgado“, explica Mariño Lorenzo, e engade que esa é a súa peculiaridade, xa que o máis habitual é que este tipo de alteracións se produzan no intestino groso.
Que ocorre no noso corpo cando temos SIBO?
Segundo a investigadora Paula Mariño, cando existe SIBO pode producirse unha postfermentación de certos azucres que se acumulan no intestino delgado e que normalmente se fermentarían no intestino groso. Como resultado, as bacterias medran no intestino delgado e xeran os síntomas característicos do SIBO: dor abdominal, flatulencias, distensión abdominal, dixestións pesadas ou diarrea.
Con todo, “a causa do SIBO é o que está menos avalado cientificamente a día de hoxe”, aclara. En ocasións, pode estar relacionado co estrés, e unha das medidas que propoñen os profesionais é tratar de reducir os niveis de estrés. Aínda así, non existe unha causa concreta que explique por que se produce o SIBO no corpo, e tampouco hai estudos que identifiquen de forma precisa que tipo de bacterias están implicadas nesta condición.
Tipos de SIBO e diagnóstico
A investigadora do IDIS explica que existen principalmente tres tipos de SIBO, dependendo das bacterias responsables da patoloxía:
—SIBO por hidróxeno: caracterízase por un sobrecremento excesivo de bacterias que xeran hidróxeno e que se alimentan principalmente de hidratos de carbono. É o máis común.
—SIBO por metano (tamén coñecido como IMO): prodúcese cando crecen bacterias que xeran metano.
—SIBO por sulfuro de hidróxeno: segundo Mariño Lorenzo, é a variedade menos coñecida. As bacterias medran no intestino delgado e producen sulfuro de hidróxeno, un gas cun cheiro característico a ovo podre.
Tamén existe un SIBO mixto, “bastante común”, que se dá cando hai un crecemento de bacterias de varios tipos.
A relevancia actual do SIBO reside no seu diagnóstico. “Hoxe en día parece que todo o mundo ten SIBO, e de aí xorde o debate de se é realidade ou mito”, comenta Paula Mariño. Con todo, un profesional da saúde non pode determinar a presenza de SIBO só polos síntomas, pois estes son comúns a outras moitas alteracións gastrointestinais. Por iso, son necesarias probas específicas.
Neste caso, o método máis avalado é o test de alento. “O paciente sopla nun tubo e, a continuación, toma glucosa ou lactulosa“, explica. Despois, volve soplar en diferentes tubos cada 25 minutos durante unhas tres horas, aínda que os tempos poden variar segundo o fabricante.
Antibióticos e dieta baixa en FODMAPs
“Con estas probas podemos detectar se hai unha produción excesiva de hidróxeno ou metano“, aclara Mariño, xa que son os casos que indican a presenza de SIBO. Pero, cal sería o seguinte paso? A investigadora do IDIS explica que, a nivel médico, a primeira opción adoita ser o uso de antibióticos.
Con todo, esta medida normalmente acompáñase dunha dieta baixa en FODMAPs, un plan de alimentación temporal que restrinxe alimentos ricos en carbohidratos fermentables que poden provocar os síntomas do SIBO. “Non é un paso que haxa que dar obrigatoriamente, pero en consulta vemos que moitas veces axuda“, sinala Mariño. Esta dieta adoita ser personalizada, cunha fase de restrición seguida dunha fase de reintrodución: “O obxectivo é identificar que alimentos causan molestias á persoa”.
Os probióticos tamén poden axudar ao introducir bacterias beneficiosas no organismo para restaurar o equilibrio intestinal. “Non funciona en todos os casos”, aclara Mariño, algo similar ao que sucede cos antibióticos. Por iso, non calquera probiótico é adecuado, senón que debe ser un profesional quen determine cales poden ser útiles para cada paciente en particular.
Dieta adecuada e hábitos de vida saudables
Paula Mariño explica que a falta de coñecemento sobre as causas do SIBO fai que moitas veces se enfoque máis no tratamento que na prevención. Con todo, sinala que reducir o estrés, manter unha alimentación saudable e realizar exercicio físico son factores que probablemente axuden no tratamento.
Deste xeito, o SIBO engádese á lista de patoloxías sobrediagnosticadas pola influencia das redes sociais e Internet, como a intolerancia á lactosa ou a enfermidade celíaca. Con todo, a investigadora admite que hoxe en día hai un aumento dos problemas dixestivos, nos que o tipo de alimentación actual podería ter un papel importante.
Aínda que efectivamente haxa máis casos de SIBO que anteriormente, Paula Mariño tamén fai unha aclaración: “Como en todo, moitas veces seguramente non sexa SIBO”. Os síntomas poden deberse a intestino irritable, outras enfermidades dixestivas, estrés, nervios ou hábitos alimentarios pouco saudables.
Por iso, o máis recomendable é acudir ao médico. O SIBO existe e pódese diagnosticar, pero a última palabra sempre a teñen os profesionais da saúde.














