Comer sen glute: é realmente máis san?

Pilar España, especialista en nutrición da USC, desmonta a crenza de que retirar esta proteína natural da dieta supón unha mellora na alimentación para quen non presenta intolerancia nin celiaquía

Cantas veces escoitaches a frase de que comer sen glute é mellor para a saúde? Esta e outras afirmacións semellantes repítense moito na actualidade, sobre todo en Internet e nas redes sociais. Porén, é realmente o glute ese ‘inimigo’ que debemos evitar a toda costa ou é unha vítima máis dun mito alimentario?

O glute, un produto natural

O glute é unha proteína natural presente no trigo, na cebada e no centeo. Para a maioría das persoas consumilo non supón ningún problema de saúde. Aínda así, cada vez hai máis xente que busca produtos ‘sen glute’ pensando que así mellora a súa alimentación, pero que di a ciencia sobre isto?

Publicidade

“Eliminar o glute dun alimento non implica que sexa máis saudable”, aclara a investigadora en nutrición da USC, Pilar España. “Esta crenza, aínda que moi estendida, carece de base científica sólida. O glute ten un alto valor tecnolóxico. É dicir, dálle ás masas elasticidade, viscosidade e resistencia, facendo posible que atrapen os gases durante a fermentación. Isto é o que lle dá a textura e o aspecto que tanto nos gusta no pan, por exemplo”.

O problema aparece cando se queren facer produtos sen glute mantendo o aspecto que confire esta proteína nos alimentos. Esta experta recalca que moitos produtos procesados sen glute están feitos con fariñas moi refinadas, con menos fibra e menos micronutrientes. Ademais, para mellorar o sabor e a textura adoitan engadirlles moitos azucres, graxas e aditivos, o que reduce a súa calidade nutricional. Por iso, di España, non ten sentido pensar que un pan de molde sen glute industrial é mellor ca un pan galego tradicional, feito con poucos ingredientes e fermentación lenta.

Publicidade

Un mito con marketing detrás

Mais, se desde o mundo da nutrición dise non existen datos que avalen que estes produtos son sempre mellores para a saúde, de onde vén esta idea? 

“Eu creo que este mito xorde da crenza estendida entre a poboación, e promovida en parte polo marketing, que asocia certas etiquetas —como o etiquetaxe ‘sen glute’— a algo máis saudable e mellor. Pero esta etiquetaxe é sobre todo informativa e está pensada para persoas con patoloxías como a celiaquía. Non significa que sexa beneficioso para o resto da poboación”, comenta Pilar España.

Esta moda aliméntase ademais das redes sociais e de certas dietas populares que relacionan non consumir glute cunha mellor saúde, perda de peso ou máis rendemento físico, características que, como insiste esta experta en nutrición, carecen de base científica sólida.

“Unha dieta saudable é a que nos achega todos os nutrientes que precisamos, nas cantidades axeitadas, e que é variada e equilibrada”, subliña a experta. “O ideal é baseala en alimentos frescos, sobre todo vexetais —verduras, froitas, legumes—, e reducir os ultraprocesados, que teñen baixo valor nutricional e están asociados a diversas patoloxías. Por exemplo, no caso dos cereais, é moito máis interesante para a poboación xeral escoller produtos integrais, que teñen máis fibra e micronutrientes, que produtos sen glute sen ter unha patoloxía que o requira. Ademais, comer sempre sen glute encarece a cesta da compra sen necesidade”.

En resumo, se non tes celiaquía nin intolerancia ao glute, este ingrediente non é o teu inimigo, senón outro produto que forma parte dunha dieta equilibrada. Porque a saúde non é cuestión de modas, senón de bos hábitos.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As dietas pobres en cereais, verduras e sementes elevan o risco de infarto

A alimentación deficiente foi a responsable de catro millóns de mortes por cardiopatía isquémica en 2023

Quefir ou iogur? Estes son os beneficios para a nosa saúde intestinal

Ambos os produtos son máis fáciles de dixerir que o leite, xa que parte da lactosa se consome durante a fermentación

Ciencia e cooperación para unha alimentación sostible: os resultados de Net4Food

A rede de colaboración entre Galicia e Norte de Portugal continuará a través do Iberian Food Lab
00:08:53

Net4Food, a alianza que conecta a innovación alimentaria de Galicia e Portugal

A I International FoodTec Conference é un paso máis para mellorar a transferencia de coñecemento entre grupos de investigación e entidades produtoras