Comeza en Barcelona BioSpain, punto de encontro da biotecnoloxía nacional e referente europeo

Galicia participa na feira a través de GAIN e coa presenza das investigadoras Mabel Loza e María de la Fuente

O Encontro Internacional de Biotecnoloxía BioSpain reúne desde este martes e ata o día 9 en Barcelona a empresas e institucións do sector biotecnolóxico, axencias reguladoras e aos principais investidores nacionais e internacionais; co fin de reforzar o papel da industria biotech como motor do novo modelo sanitario, e aliada clave na construción dunha autonomía estratéxica para España e Europa en economía, saúde, alimentación sostible e transición industrial verde.

Así, ao longo dos tres días que dura o encontro, prevese igualar, e mesmo superar, cifras récord rexistradas na última edición celebrada en 2023, tamén en Barcelona, cando se deron cita máis de 2.200 asistentes de preto 1.000 compañías e entidades procedentes de 34 países. A feira está organizada pola Asociación Española de Bioempresas (AseBio) e Biocat, en colaboración coa Generalitat de Catalunya e o Ajuntament de Barcelona. A feira conta cunha importante representación galega, coa participación de investigadoras como Mabel Loza e María de la Fuente nas mesas redondas e a presenza como exhibidores da Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) e de empresas como Zendal. GCiencia colabora como media partner do evento.

Publicidade

BioSpain conecta investimento, biotecnoloxía, solucións sostibles e talento

Baixo o lema “Global crossroads, local vibes”, o programa abordará os principais retos e oportunidades da biotecnoloxía en saúde, investimento e sustentabilidade. No ámbito sanitario, analizarase o papel de España no desenvolvemento de terapias avanzadas (ATMPs) e a súa contribución á autonomía estratéxica europea, así como o potencial da intelixencia artificial e os datos na medicina personalizada e a oncoloxía e a incorporación temperá da avaliación de tecnoloxías sanitarias (HTA) para acelerar a chegada da innovación ao paciente.

En materia de investimento, porase o foco no papel do capital risco nacional e internacional no impulso de start-ups, na evolución do perfil do investidor español, cada vez máis especializado e estratéxico, e nas oportunidades que ofrecen os mercados europeos e internacionais de capital para fortalecer o ecosistema biotech. Por último, en biotecnoloxía verde explorarase o impacto das proteínas alternativas e a carne cultivada como futuro da alimentación, os avances en sostibilidade e economía circular con proxectos que transforman CO₂ en produtos de valor, e o papel da bioloxía sintética como motor da nova bioeconomía europea.

Publicidade

A feira foi inaugurada pola presidenta de AseBio, Rocío Arroyo; o secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, Juan Cruz Cigudosa; o director xeral de Recerca i Innovació do Departament de Salut da Generalitat de Catalunya, Antoni Plasència i Taradach; e o tenente de alcaldía de Economía, Vivenda, Facenda e Turismo do Ajuntament de Barcelona, Jordi Valls Rise.

Unha nova etapa

En palabras de Rocío Arroyo, “BioSpain 2025 abre unha nova etapa para o sector, consolidándose como o gran punto de encontro da biotecnoloxía española e un dos referentes europeos.” “Queremos que este congreso actúe como unha ponte entre ecosistemas internacionais e, ao mesmo tempo, como motor de crecemento local, proxectando o papel clave da biotecnoloxía para reforzar a autonomía estratéxica de Europa en saúde, sostibilidade e economía. Nesta edición damos un paso máis, cun programa que combina innovación, investimento, e foros como o Green Innovation Forum ou o Talent Day, que poñen de relevo o enorme potencial da nosa industria para afrontar os grandes retos globais”, destacou.

Juan Cruz Cigudosa, secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades puxo de relevo o papel estratéxico do sector biotecnolóxico como motor de desenvolvemento económico e social, e como unha ferramenta esencial para responder aos grandes retos globais, desde a saúde e a alimentación ata a sostibilidade e a transición enerxética. Subliñou que España conta cun ecosistema biotecnolóxico dinámico, integrado por empresas innovadoras e centros de investigación de excelencia. Tamén reafirmou o compromiso do Goberno de España co fortalecemento deste ecosistema, impulsando unha axenda ambiciosa de apoio á investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento, mediante programas e instrumentos deseñados para acompañar o crecemento do sector e consolidar o seu papel como motor dun modelo produtivo máis competitivo e sostible.

Esta edición conta co espazo diferenciado, “Green Innovation Forum”, destinado ás empresas dos sectores relacionados coa biotecnoloxía agrícola, alimentaria e industrial (biotecnoloxía verde). Este foro, que celebrou a súa última edición en 2024 en Pamplona, intégrase este ano en BioSpain co obxectivo de reforzar sinerxías e aumentar o seu alcance internacional. Ademais, o 9 de outubro celebrarase o Talent Day, un espazo dedicado a conectar a mozos profesionais, investigadores e empresas, fomentando o talento que impulsará o crecemento do ecosistema biotecnolóxico español.

O sector biotecnolóxico representa un piar clave para construír unha Europa máis competitiva, sostible e autónoma. En España, a produción científica na área de coñecemento da biotecnoloxía representou en 2023 o 2,49% da produción global, segundo os resultados do informe AseBio 2024 “Cara a unha Europa máis competitiva”. Nese mesmo período, o sector biotecnolóxico investiu 1.282 millóns de euros en I+D, que supón un aumento do 5,2% respecto ao ano anterior. Así mesmo, destácase que estas cifras sitúan a España na novena posición global en número de documentos en biotecnoloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A microbiota intestinal abre unha nova vía para previr a deterioración cognitiva

Un equipo do CSIC identifica en persoas maiores de 55 anos sas unha relación entre o ecosistema microbiano e a actividade cerebral asociada á memoria, á linguaxe e ás emocións

BioSpain pecha con récord de asistentes e pasa o testemuño a Bilbao como sede para 2026

A edición reuniu a máis de 2.400 participantes de 1.065 entidades procedentes de 34 países ao longo de tres días de congreso

Medio centenar de biotecnolóxicas galegas revelan o seu potencial en BioSpain

As sesións abordan os últimos avances en xenómica, edición xenética (CRISPR), terapias oncolóxicas e inmunoterapias e bioloxía sintética, entre outros

Invertir en biotecnología: una apuesta por la excelencia y el impacto real en los pacientes

El ecosistema biotech español, pese a sus avances en inversión, creación de empresas y visibilidad, aún necesita fomentar colaboraciones público-privadas y aprovechar la financiación europea