Un equipo de Coruña aposta por células nai para reducir síntomas en endometriose e artrose

O proxecto de María Arufe e Juan Fafián busca novas terapias para tratar enfermidades crónicas inflamatorias, con técnicas que poderían mellorar a vida de milleiros de pacientes

A artrose é unha doenza que afecta o 8,8% da poboación galega de máis de 15 anos, segundo datos do Ministerio de Sanidade. Pola súa banda, a asociación QuerEndo Mulleres con Endometriose estima que en Galicia hai arredor de 60.000 mulleres afectadas. Con este punto de partida, María Arufe Gonda e Juan Fafián Labora, da Universidade da Coruña (UDC), dan visibilidade á súa investigación básica centrada no uso terapéutico en enfermidades inflamatorias asociadas ao envellecemento, como son precisamente a artrose e a endometriose, na iniciativa “Divulgando o noso”. Unha iconografía sobre o proxecto estará durante dúas semanas en diferentes marquesiñas das paradas do bus urbano da Coruña.

Os dous investigadores forman parte do grupo de investigación en Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR), que traballa con células nai adultas. A súa liña de traballo non busca curar estas patoloxías, senón reducir os síntomas e frear a súa progresión, algo clave porque tanto a artrose como a endometriose son enfermidades crónicas cunha forte compoñente inflamatoria. “Non se busca curar, porque estamos tratando unha parte concreta destas doenzas”, explica a investigadora da UDC.

Publicidade

Segundo explica Arufe Gonda, a aplicación práctica desta investigación aínda tardará en chegar á clínica, xa que se calcula un mínimo de 10 anos antes de que poida converterse nun tratamento dispoñible. O obxectivo final é desenvolver unha terapia de administración oral que mellore a calidade de vida das persoas afectadas.

De momento, estas terapias están en fase de laboratorio, e só algunhas delas acadaron a fase de ensaio clínico. A nivel europeo existen agora 60 estudos sobre a artrose, mentres que só se contabilizan 10 estudos específicos para a endometriose, o que amosa tamén a necesidade de impulsar a investigación nese último ámbito.

Publicidade

Traballo con células nai adultas

Os investigadores María Arufe e Juan Fafián iniciaron a súa traxectoria científica estudando a síndrome de Hutchinson-Gilford, máis coñecida como proxeria, unha enfermidade rara que provoca un envellecemento prematuro en nenos. Nese contexto desenvolveron un modelo en peixe cebra, pero polo de agora decidiron centrarse en enfermidades máis frecuentes.

No seu labor actual, empregan células nai adultas, un tipo de célula que, segundo explica a doutora María Arufe, leva máis de 20 de anos investigando: “Son células que se poden modificar facilmente no laboratorio”. Teñen un carácter moi versátil: pódense modificar para que expresen uns xenes fronte a outros.

Infografia do proxecto 'Trataremos a artrose e a endometriose con células nai' para a iniciativa "Divulgando o noso".
Infografia do proxecto ‘Trataremos a artrose e a endometriose con células nai’ para a iniciativa “Divulgando o noso”. Foto: María Arufe Gonda

As células nai adultas non son tan plásticas como as embrionarias, pero teñen dúas vantaxes fundamentais. Por unha banda, son máis seguras, xa que evitan moitos problemas relacionados co seu crecemento incontrolado e éticos asociados ás embrionarias. Por outra, permiten a manipulación dirixida, para conseguir respostas terapéuticas concretas.

Graxa e vesículas extracelulares

Nos últimos anos, gran parte da investigación en novas terapias consiste en aproveitar as células nai procedentes da graxa que se extrae en intervencións cirúrxicas. Esa graxa, que normalmente se desbota, pode servir como fonte accesible de células nai para traballos terapéuticos. Segundo explica Arufe, tamén se utilizan diferentes reactivos para inducir que as células produzan certos compoñentes, como proteínas, en función da modificación que se realice.

Os investigadores da UDC empregan tamén vesículas extracelulares procedentes das propias células nai. Trátase de pequenas estruturas que as células liberan naturalmente e en condicións habituais, pero que ata non fai moito se consideraban “residuos”. Con todo, o equipo está a aproveitalas como vehículos terapéuticos para tratar a inflamación, xa que conteñen moléculas capaces de modular respostas biolóxicas.

Fase: a investigación básica

Nesta fase inicial de investigación básica, o obxectivo é comprender os mecanismos moleculares que diferencian ás persoas con endometriose das que non padecen esta doenza. Pra iso, o equipo analiza, entre outros parámetros, as proteínas presentes nas diferentes mostras procedentes de mulleres sas e doentes.

Como explica María Arufe: “Se sabemos que hai unha proteína que está sobreexpresada, esa proteína pode identificarse como marcador da enfermidade“. Unha vez identificado o marcador, os investigadores seleccionan unha célula e modifican o seu ADN co fin de reducir a expresión desa proteína. Este paso permite comprobar se ao regular esa proteína se consegue diminuír a resposta inflamatoria ou os síntomas asociados á doenza.

O seguinte nivel do estudo consiste en probar os resultados en modelos experimentais, tanto in vitro como in vivo. Neste último caso, adoitan empregar ratos de idade avanzada, porque permiten simular mellor o proceso de envellecemento e as súas conexións coa inflamación crónica.

Unha alternativa aos tratamentos actuais

Na actualidade, tanto a artrose como a endometriose trátanse fundamentalmente con medicacións antiinflamatorias, que axudan a controlar a dor. Porén, estes fármacos non atacan directamente a orixe da inflamación, polo que non logran deter a progresión das enfermidades.

O que buscan María Arufe Gonda e Juan Fafián Labora é dar un paso máis aló: desenvolver unha estratexia que permita intervir no proceso inflamatorio, reducindo a súa intensidade e conseguindo así unha resposta máis eficaz e duradeira para os pacientes.

A innovación do seu proxecto baséase no uso de células nai adultas: “Teñen a particularidade de que non xeran tumores, algo que si ocorre coas células nai embrionarias”. Deste xeito, a investigación abre a porta a unha alternativa real aos tratamentos convencionais.

Como actuar sobre os procesos inflamatorios?

Os procesos inflamatorios están regulados por diferentes mecanismos biolóxicos, e un dos máis relevantes é a acción das citoquinas, unhas proteínas que funcionan como mensaxeiras do sistema inmunitario. O obxectivo de investigación é reducir a produción excesiva destas citoquinas, así como limitar o seu efecto no microambiente dos tecidos afectados, é dicir, no conxunto de sinais químicos e celulares que manteñen a inflamación activa.

A localización da inflamación varía segundo a doenza. Na artrose, a inflamación concéntrase na membrana sinovial, que recobre e protexe a articulación. Na endometriose, afecta ao tecido endometrial ectópico, formado por fragmentos de tecido semellante ao endometrio que medran fóra do útero.

Tal e como explica María Arufe, “as doenzas relacionadas co envellecemento teñen un compoñente inflamatorio crónico”. Concretamente, co paso do tempo, a inflamación tende a aumentar, non necesariamente limitada a unha zona concreta do corpo. Trátase dunha inflamación sistémica, na que os marcadores inflamatorios permanecen de maneira constante en niveis máis altos do normal.

Unha mellora da calidade de vida

O proxecto que se está a desenvolver dende a Universidade da Coruña ten como meta mellorar a calidade de vida dos pacientes que padecen enfermidades inflamatorias crónicas.

No caso da endometriose, que afecta entre o 10% e o 15% das mulleres en idade fértil en España, o impacto podería ser especialmente relevante. Segundo sinala María Arufe, “un efecto importante sería aumentar a fertilidade e diminuír os gastos que producen no Sistema Nacional de Saúde”. Trátase, polo tanto, dun avance que non só beneficiaría ás pacientes, senón tamén ao conxunto do sistema sanitario.

Algo semellante ocorre coa artrose, unha doenza prevalente en persoas maiores de 65 anos. Neste grupo de idade, que xa non se atopa en idade laboral, a enfermidade provoca unha elevada dependencia de tratamentos farmacolóxicos, xerando así un gasto continuado en sanidade.

As terapias celulares que se están a investigar ofrecen unha alternativa innovadora. Tal e como subliña Arufe, “teñen un papel clave no tratamento das enfermidades asociadas ao envellecemento”. Canto máis avance a investigación, máis doado será desenvolver tratamentos seguros, eficaces e de fácil aplicación, chamados a transformar o abordaxe destas patoloxías.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afrontar a posmenopausa: “O exercicio é a chave de ouro para protexernos”

O proxecto CARE da Universidade da Coruña emprega o adestramento de forza para mellorar a saúde cardiovascular nesta etapa vital

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

A verdadeira identidade do lobo cerval das lendas galegas: a UDC identifica restos do extinto lince boreal

Unha investigación arqueolóxica atopa nunha sima dos Picos de Europa un esqueleto case completo da especie, datado en 210 anos de antigüidade

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático