Diagnóstico exprés da endometriose con biosensores: un proxecto con pegada galega

O grupo NanoSelf da UDC participa nun proxecto internacional para identificar a patoloxía mediante mostras de fluxo menstrual

Historicamente  a medicina exerceu a violencia contra as mulleres. Non sempre dun xeito evidente e directo, pero si igualmente efectivo. A día de hoxe unha muller ten un maior risco de morrer por un infarto que un home, e as causas non son só biolóxicas, senón tamén sociais: moitas veces os síntomas son confundidos con ansiedade. Segundo un estudo publicado na revisa JAMA Surgery no 2021, unha paciente muller ten un 15% máis de probabilidade de sufrir un mal resultado despois de pasar polo quirófano se a opera un home. A razón? Que os cirurxiáns varóns non se toman en serio as queixas postoperatorias. Os exemplos son moitos mais, se cadra, hai un que é clave e transversal: a normalización da dor que incapacita na menstruación, un mito que ademais dificulta o diagnóstico de enfermidades como a endometriose, unha patoloxía completamente esquecida.

De media, unha paciente de endometriose ten que agardar ata sete anos para poñerlle nome ao que lle ocorre. Moitas veces, para cando chega o diagnóstico xa hai danos irreversibles, como a infertilidade. Agora, un consorcio formado por ata 12 institucións e que conta coa participación de investigadores da Universidade da Coruña quere reducir ese tempo a uns poucos días. O proxecto, que recibe o nome de Sensopad, ten o obxectivo de poder chegar a un diagnóstico empregando técnicas non invasivas. Dende logo, ambicioso. Porén, o máis sorprendente de todo é o modo no que o queren facer: o equipo implantará nunha compresa biosensores capaces de identificar unha serie de proteínas no sangue da persoa baixo sospeita de padecer a enfermidade.

Publicidade

Medrar fóra do útero

A endometriose afecta a 190 millóns de mulleres no mundo e que, en moitas ocasións, vai acompañada dunha dor moi intensa antes, durante e días despois de cada período.

O endometrio é un tecido, unha capa que cobre o útero por dentro e cumpre certas funcións vitais na implantación dun embrión e no embarazo. Cando isto non ocorre, o endometrio é expulsado causando os sangrados característicos da regra.

Publicidade

No caso dunha persoa que padece endometriose, o que ocorre é que ese tecido non abandona o corpo e instálase noutros lugares como as trompas de Falopio ou no interior da pelve, xerando parches e quistes. Nalgúns casos ata pode chegar ao intestino. Así, o endometrio comeza a medrar dun xeito errático por enriba doutros tecidos, causando a inflamación destes, así como cambras musculares nos órganos que recobre durante a menstruación.

Unha enfermidade pouco diagnosticada

A súa causa non se coñece por completo, e as pacientes que a sofren levan dúas décadas agardando por novos tratamentos. Violencia pura nun contexto no cal a tendencia é menosprezar o testemuño das mulleres que mes a mes sofren regras dolorosísimas.

Por todo isto, segundo os expertos, falar da endometriose é falar dunha enfermidade infradiganosticada. Estímase que unha de cada 10 mulleres a padecen, mais non todas constan como pacientes e, moito menos, reciben tratamento nin asistencia sanitaria.

Identificar a patoloxía nunha fase temperá é complexo e moitas veces os métodos empregados son agresivos para a paciente: precisamente é aquí onde Sensopad podería achegar o seu gran de area. Segundo explica Alejandro Criado, investigador do grupo NanoSelf no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA, Universidade da Coruña) e membro do consorcio, “a idea orixinal é analizar moléculas que ofrezan información sobre o estado de saúde da persoa dun xeito non invasivo, e empregalas nun futuro próximo como método para obter un diagnóstico acertado”.

Dende unha compresa ata o laboratorio: o corazón do proxecto

O equipo, formado por persoal investigador, empresas e centros hospitalarios de ata sete países diferentes, traballará na creación de dous tipos de biosensores á vez: un deles será portátil, e estará impregnado na compresa. Ao entrar en contacto co fluxo menstrual, o sensor identificará certas proteínas vencelladas á enfermidade e reaccionará dun xeito semellante aos coñecidos test de antíxenos cando sufrimos unha infección como a gripe ou a covid: “O funcionamento é similar, xa que nós tamén traballamos con anticorpos e cuns aparatos formados por unha parte química e por outra electrónica”. O biosensor procesará a información en algo máis de cinco minutos, o cal sería, al e como subliña o científico do CICA, un avance moi significativo en canto a unha primeira aproximación na identificación da enfermidade, unha especie de sinal de alarma temperá.

O outro sensor, baseado en transistores de grafeno, terá unha maior precisión e permitirá tamén identificar certas mutacións nas células presentes no fluxo sanguíneo e centrarse no estudo de material xenético. A principal diferencia é que o instrumento atoparase nun laboratorio, e será o experto ou o persoal sanitario o que analice o sangue a partir dunha mostra da paciente. A participación do grupo NanoSelf no desenvolvemento deste biosensor será clave, grazas ao seu coñecemento e experiencia no emprego do grafeno como material condutor e altamente sensible.

Nestes intres o proxecto acaba de iniciarse, e hai certos aspectos sobre os cales aínda non hai unha decisión tomada: é o caso do modo no que a usuaria podería consultar a información acadada polo biosensor. Porén, tal e como explica Criado, “a día de hoxe contamos coa tecnoloxía suficiente para que os resultados poidan visualizarse directamente dende unha aplicación no móbil”.

O factor social, un aspecto de vital importancia

Para acadar os seus obxectivos Sensopad conta cunha marxe de catro anos e cun financiamento de case sete millóns de euros. O proxecto atópase dentro do marco do programa Horizonte Europa e, segundo o científico da Universidade da Coruña, “é unha desas ideas que implica grandes riscos, pero que pode ter grandísimos resultados ao mesmo tempo”.

Empregar un biosensor para analizar unha mostra do fluxo menstrual, explica Criado, non é algo novo. Tampouco o é analizar mutacións xenéticas nas células presentes no tecido menstrual. O verdadeiro reto que terá que enfrontar o consorcio é a aplicación directa de todo o coñecemento básico acadado nestes anos a dous biosensores que terán que funcionar con mostras reais de pacientes de endometriose.

Neste sentido, reflexiona, o aspecto máis importante do proxecto reflíctese no feito de empregar tecnoloxía punteira e aínda en desenvolvemento para tratar de axudar no diagnóstico dunha enfermidade abandonada: “Para nós, que traballamos nunha universidade facendo ciencia base, é unha motivación moi grande poder levar todo o noso coñecemento a algo aplicado e que pode mellorar a calidade de vida das persoas”.

1 comentario

  1. Dicir que se che un home opera a unha Muller as posibilidades de que a Muller teña máis risco de que vaia mal é unha auténtica burrada. Outra cousa é que culturalmente a dor das mulleres soe ser pouco recoñecida ou infravalorada, tanto por homes como por outras mulleres.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia