Endometriose: a dor que martiriza 60.000 galegas

Para un home é complicado albiscar a dor que supón padecer a endometriose. Pero os relatos das afectadas – estímase que son arredor dun 10% das mulleres en idade fértil; é dicir, máis de 60.000 só en Galicia e centos de millóns en todo o mundo – e dos profesionais sanitarios provocan calafríos. Algunhas pacientes din que a dor do parto é menor que os peores momentos da endometriose. Tan forte que, ás veces, é preciso recorrer á morfina e outros opiáceos, o mesmo que se lle administra aos enfermos terminais. “Á miña consulta chegaban mulleres que pedían, directamente, que lles quitase o que fixese falta para que parase a dor”, conta Francisco Estévez, xefe de Xinecoloxía do hospital Povisa de Vigo e un dos doutores que máis traballa con esta doenza en Galicia.

Mostra de tecido endometrial no peritoneo.
Mostra de tecido endometrial no peritoneo.

Enténdese por endometriose a presenza de tecido endometrial fóra do lugar que adoita ocupar: as paredes do útero. Unha doenza benigna, pero que ás veces se comporta como un tumor, estendéndose e reproducíndose en diferentes zonas. Así, este tecido adhírese ao peritoneo (a membrana que cobre a cavidade abdominal), aos ovarios e a outros puntos do baixo ventre, como a pelve.

Publicidade

Os síntomas son, sobre todo, a dor. É crónica, e aparece durante a menstruación, durante as relacións sexuais, cando se defeca ou se ouriña. E moitas veces, incapacitante para levar unha vida normal. Adoita localizarse na rexión pelviana, aínda que tamén se pode estender a outras zonas próximas. “Non hai analxésico suficiente”, lamenta Andrea González, unha moza coruñesa de 24 anos diagnosticada de endometriose e delegada en Galicia de Adaec (Asociación de Afectadas de Endometriose Estatal). Tivo que recorrer xa a opiáceos e, nalgunha ocasión, mesmo a morfina por vía intravenosa. “E coñezo casos de mozas que xa viven con parches de morfina habitualmente”, conta Andrea.

A agresividade da medicación é outro dos problemas aos que se enfrontan as pacientes. A intensidade da dor é tal que chega a causar problemas psicolóxicos. “Polo que teño falado con outras afectadas, é habitual que haxa que tomar ansiolíticos e antidepresivos“, di Andrea González.

Publicidade

Infertilidade

E ademais da dor, as afectadas teñen que afrontar o perigo da infertilidade. A endometriose é unha das principais causas dos problemas para que as mulleres queden embarazadas. Estímase que unha de cada catro pacientes desta doenza sofre, ademais, infertilidade.

O principal inconveniente no tratamento na endometriose é que, simplemente, non existe. “O tratamento baséase nos síntomas, pero non na enfermidade en si”, explica o doutor Francisco Estévez. Así, o que se pode facer é proporcionar medicación para frear a dor, incluso a nivel hormonal, cos efectos secundarios que este tipo de tratamentos pode ter.

“A cirurxía non deixa de ser un fracaso do tratamento médico”, sinala o xinecólogo Estévez

A alternativa ao tratamento médico é a cirurxía. Non en tanto, a súa efectividade é limitada e “non deixa de ser un fracaso do tratamento médico”, sinala o xinecólogo Francisco Estévez. “Hai que intentar resolver a dor con medicación, sen operar; en principio non habería que recorrer á cirurxía”.

O principal problema é que se ao realizar a operación queda algunha pequena lesión sen extirpar, a doenza volve xurdir. “Hai xente que xa leva cinco operacións e segue con dor”, di Andrea González. “Entre un 25% e un 50% das persoas que son operadas teñen recidivas nun prazo de catro anos”, explica o doutor Estévez. E ademais, ao tratarse dunha zona sensible a nivel reprodutivo, é posible que a cirurxía tamén acabe afectando á fertilidade.

E segue sendo difícil avanzar no tratamento porque, ata o de agora, a súa orixe sigue sendo unha incógnita. “É unha das enfermidades máis enigmáticas que hai”, explica Estévez. Hai varias teorías ao respecto, aínda que a máis aceptada na actualidade alude a un fallo inmunolóxico.

As afectadas reclaman unha maior atención especializada na sanidade pública

Este descoñecemento provoca, en moitos casos, un retraso no diagnóstico que adoita chegar entre os 8 e 10 anos despois de que comecen os síntomas. Así, unha porcentaxe importante de afectadas non é diagnosticada ata chegar ás fases máis avanzadas, con endometriomas (implantes de tecido endometrial) en moitas zonas, e incluso adherencias entre órganos, o que aumenta a dor que provocan.

Non en tanto, a pesar da gran prevalencia da enfermidade e do gasto anual que supón – calcúlase que 70.000 millóns de dólares– a investigación para indagar na súa orixe é case anecdótica. En Galicia, hai equipos de xinecólogos no Álvaro Cunqueiro de Vigo, o Chuac da Coruña e o Chuo de Ourense que atenden de forma específica ás afectadas, pero colectivos de pacientes de endometriose, como QuerEndo, reivindican unha maior atención. Unha das peticións é a creación dunha unidade multidisciplinar de atención, que reúna a especialistas en xinecoloxía, pero tamén en uroloxía, gastroenteroloxía, psicoloxía ou psiquiatría, co fin de abordar dun xeito máis efectivo esta doenza.

No mesmo senso, Andrea González iniciou a través da plataforma Change.org unha recollida de sinaturas para reclamar a creación da unidade multidisciplinar en Galicia que xa está preto de conseguir o obxectivo dos 10.000 apoios.

En abril de 2015, a Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición de lei destinada á Consellería de Sanidade, co obxectivo de mellorar a situación das afectadas. Non en tanto, durante este tempo, os grupos da oposición reclamaron en varias ocasións a falta de avances neste sentido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto