Na actualidade non existen terapias eficaces para o tratamento de enfermidades dexenerativas que afectan á articulación móbil, como son a artrose ou a artrite reumatoide. Unha das maiores limitacións na procura e proba de novas terapias, especialmente en ensaios clínicos, é a falta de ferramentas para diagnosticar estas enfermidades nos seus estadios iniciais, o que sería crucial para previr o seu avance e fomentar unha contorna rexenerativa que evite a dor e a incapacidade asociadas a este tipo de patoloxías.
O desenvolvemento de estratexias innovadoras para identificar biomarcadores que permitan deseñar novas tecnoloxías para o diagnóstico temperán destas enfermidades é o principal obxectivo co que se puxo en marcha Twinflag (Twinning for Promoting Excellence, Ability and Knowledge to develop novel approaches for targeting inflammatory and degenerative age-related joint diseases), unha iniciativa financiada ao 100% pola Unión Europea a través do programa Horizon 4.1 e coordinado cientificamente polo Centro de Medicina Innovadora de Lituania, completando o consorcio a University College de Dublín (Irlanda) e o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo.
O proxecto, que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros, chegou ao CINBIO da man da investigadora María Dolores Mayán Santos, de recente incorporación ao centro, onde dirixe o grupo Cellcom, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade, no que se aplica a ampla experiencia desta investigadora e do seu equipo no ámbito da biomediciña para investigar vías de sinalización e mecanismos de comunicación celular dirixidos a identificar novas dianas terapéuticas para combater o cancro e outras patoloxías relacionadas co envellecemento, como a artrose.
Obxectivos principais do proxecto e papel do CINBIO
Twinflag, cuxa parte viguesa conta cun orzamento de 400.000 euros, botou a andar en xaneiro de 2023 e prolongarase ata finais de 2025. O obxectivo principal baséase na identificación de biomarcadores que favorezan o deseño de novas tecnoloxías para o diagnóstico de enfermidades inflamatorias articulares, como a artrose ou a artrite reumatoide, nos seus estadios iniciais; ademais de empregalos como marcadores de prognóstico cando se realicen ensaios clínicos ou se administre un tratamento a un paciente. “Desta maneira, poderíase avaliar se o fármaco ou a estratexia terapéutica están sendo efectivos no paciente”, afirma Mayán Santos.
Así mesmo, o desenvolvemento dunha estratexia terapéutica baseada no uso de péptidos senoterapéuticos, previamente investigados e protexidos mediante patente polo grupo de investigación CELLCOM para o tratamento da artrose, está tamén entre os obxectivos deste proxecto europeo.
“No noso grupo identificamos unha proteína de membrana implicada na inflamación e dexeneración tisular nas articulacións afectadas con artrose”, sinala a coordinadora en España do proxecto. Este achado, recoñecido a nivel nacional e internacional, conduciu ao deseño de novas moléculas peptídicas para interferir con certas actividades desta proteína. Trátase de favorecer unha contorna rexenerativa ao diminuír a senescencia, inflamación e a degradación do tecido que ocorre en pacientes con artrose.
O proxecto está dividido en varios paquetes de traballo, sendo a procura de novos biomarcadores en líquido sinovial e en modelos in vitro a tarefa asignada ao persoal investigado do grupo Cellcom, ademais do desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas baseadas no uso de péptidos para o tratamento da artrose. “Twinflag representa unha oportunidade para colaborar con grupos de investigación con acceso a tecnoloxías innovadoras e permítenos compartir ideas e proxectos comúns con eles”, explican desde o grupo, onde tamén fan fincapé en que este proxecto promove as sinerxías entre os países do norte de Europa co resto de países europeos.
María D. Mayán Santos, novo talento para a UVigo
A chegada ao CINBIO de María D. Mayán é un exemplo do labor que se está a levar a cabo desde a Universidade de Vigo en captación de talento. Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, doutora en Bioloxía pola Complutense de Madrid (CIB Margarita Salas). Tras este período, realizou estadías de posdoutoramento en Londres, no Imperial College London e no MRC London Institute of Medical Sciences. No ano 2010, incorporouse como investigadora principal e, posteriormente, en 2014, como xefa de grupo ao Instituto de Investigación Biomédica na Coruña, INIBIC.
Nestes anos Mayán publicou máis de 30 artigos en revistas de alto impacto e rexistrou sete patentes. Ademais, foi investigadora principal (IP) de diferentes proxectos de investigación a nivel nacional e internacional, e coordina o grupo Muller e Ciencia na SEBBM, Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular.
O vindeiro xoves 22 de febreiro, Mayán impartirá unha masterclass dentro do ciclo de seminarios “Coñece ao #teamCINBIO”, na que terá a oportunidade de explicar o seu traballo no CINBIO. Será na sala de seminarios da Torre CACTI a partir das 11.30 horas.
Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.