Un equipo da UVigo ensaia unha terapia para frear a artrose e rexenerar o tecido

A estratexia baseada en péptidos terapéuticos e deseñada dende o CINBIO amosou eficacia noutras enfermidades asociadas ao envellecemento

A artrose é unha enfermidade asociada ao envellecemento, é moi frecuente e incapacitante. Dende o grupo de investigación Cellcom do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo (UVigo) levan anos traballando na procura e proba de novas terapias para o tratamento desta doenza. De feito, acaban de arrincar un proxecto para desenvolver unha nova aproximación terapéutica contra a artrose que vaia máis alá do alivio temporal da dor.

“A innovación baséase no uso de péptidos terapéuticos deseñados para frear activamente a progresión da enfermidade e favorecer a rexeneración do tecido articular”, explica responsable do proxecto, María Mayán. A iniciativa, que se prolongará ao longo de 24 meses, conta cunha axuda de 381.500 euros do programa Ignicia, da Xunta de Galicia, para acelerar a chegada ao mercado da I+D que realizan as universidades a centros tecnolóxicos galegos.

Publicidade

Mínimos efectos secundarios

A estratexia céntrase na modulación da conexina 43 (Cx43), unha diana molecular identificada polo propio grupo de investigación e directamente implicada nos procesos de senescencia celular e inflamación que conducen á degradación da cartilaxe e á deterioración da articulación. Os resultados preclínicos obtidos demostran que a administración local mediante inxección intraarticular é eficaz para deter o avance da enfermidade e estimular a rexeneración do tecido, mellorando a función articular e a mobilidade sen dor.

Esta tecnoloxía, xa protexida mediante unha patente internacional, ofrece unha intervención farmacolóxica altamente específica, segura e potencialmente personalizada. “Os fármacos baseados en péptidos caracterízanse por unha boa tolerancia, baixa toxicidade e mínimos efectos secundarios, ademais de permitir un deseño adaptado a tratamentos localizados e de liberación controlada”, explican desde o grupo. Aínda que o foco principal é a artrose, a tecnoloxía tamén amosou eficacia noutras enfermidades asociadas ao envellecemento, nas que a inflamación e a senescencia celular xogan un papel clave, o que a converte nunha plataforma terapéutica versátil con múltiples aplicacións potenciais.

Publicidade

Resultados moi prometedores en modelos animais

“A axuda estratéxica da GAIN permitiranos dar un paso moi importante para avanzar na transferencia dunha terapia dirixida, con resultados moi prometedores en modelos animais para frear a progresión da artrose e con capacidade rexenerativa, así como con potencial aplicación noutras enfermidades dexenerativas asociadas ao envellecemento”, explica Mayán.

Engade que se trata dunha aproximación única, xa que este tipo de terapia nunca se utilizou previamente para o tratamento da artrose, unha enfermidade para a que, na práctica clínica, as opcións dispoñibles baséanse maioritariamente no uso de fármacos destinados a aliviar a dor ou a inflamación, pero que non abordan a causa da enfermidade nin deteñen a súa progresión. 

“Este proxecto reflicte a aposta da Xunta de Galicia por converter o coñecemento xerado en centros de excelencia como o CINBIO en solucións con impacto real para os pacientes e para a sociedade”, subliña a investigadora. 

Seguinte paso: creación dunha spin-off

O obxectivo do grupo é impulsar a creación dunha spin-off que lles permita avanzar de forma máis áxil no desenvolvemento regulatorio, facer o proxecto máis atractivo para a industria farmacéutica e facilitar o acceso a investimento privado que axude a acelerar o seu desenvolvemento.

“Afrontamos este reto con moita ilusión e compromiso, contando co apoio do CINBIO, da UVigo e da propia GAIN”, apunta a investigadora, quen explica que o proxecto se realizará en colaboración con outros centros como o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC). Tamén con José Ramón Caeiro do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e do Servizo de Traumatoloxía do Hospital Universitario de Santiago de Compostela. Ademais, están tamén xa en contacto con empresas interesadas que poderían desempeñar un papel relevante nas seguintes fases deste proceso de transferencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

CellCOM, Centum e TraffikGene gañan os X Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Os galardóns, creados en 2015 para recoñecer a investigación universitaria e a transferencia, serán entregados o 4 de decembro no Pazo de San Roque de Santiago