O descarrilamento dun tren Iryo de alta velocidade e o posterior choque cun Alvia en Adamuz (Córdoba) deixa unha cifra provisional de 39 mortos e máis dun cento de feridos, dos que 48 están hospitalizados e 12 deles na UCI. Descoñécense as casas do suceso, que se produciu durante a tarde do domingo entre dous trens que transportaban un total de 484 pasaxeiros. De feito, o ministro de Transportes, Óscar Puente, cualificou o sinistro de “tremendamente estraño”, segundo traslada o xornal El País. Á espera da investigación sobre o accidente, o máis grave dende o Alvia sinistrado en Santiago en 2013, a atención ás vítimas e familiares é a máxima prioridade, tanto das feridas físicas como das psicolóxicas.
Varios niveis de impacto
“Unha catástrofe deste nivel sacode toda a sociedade”, asevera Antonio Puerta Torres, responsable do gabinete de Psicoloxía da Policía Municipal de Madrid e quen participou no dispositivo de emerxencias dos atentados do 11 de marzo de Atocha. Segundo explica para o Science Media Centre España (SMC), no accidente de Adamuz hai varios niveis de impacto. O primeiro serían as vítimas directas do sinistro; o segundo, os familiares de falecidos e feridos; e o terceiro, o persoal de emerxencias que asiste no accidente. Pero hai un cuarto nivel: o dunha sociedade consternada por un accidente tan grave.
Pero tamén hai un estrato especialmente relevante: o das vítimas e familiares que viviron sucesos semellantes, como o do Alvia de Santiago, acontecido o 24 de xullo de 2013 e no que faleceron 80 persoas: “Remóvense as emocións (…). Entéranse disto e empezan a recuperar memorias e recordos do que viviron eles mesmos”.
As consecuencias a longo prazo
O impacto emocional deste tipo de catástrofes pode ser “profundo e prolongarse no tempo”. Así o define o doutor en Medicina Rafael Castro Delgado, quen é asesor de grupos de traballo técnico da OMS relacionados con emerxencias e desastres. “No caso dos familiares das persoas falecidas, o dó adoita estar marcado pola brusquidade da perda, a incerteza das primeiras horas e, en ocasións, por unha exposición mediática difícil de manexar”, explica ao SMC. Enumera os principais sinais, como a ansiedade, os síntomas depresivos e un proceso complicado de dó que hai que vixiar e para o que, se é preciso, se ten que recibir intervención psicolóxica especializada e sostida no tempo.
Os superviventes da catástrofe, máis alá das lesións físicas derivadas do accidente, poden ter unha longa factura emocional: estrés agudo, recordos intrusivos, dificultades para durmir ou un medo persistente relacionado coa viaxe. “Se estes síntomas non se identifican e abordan de forma precoz, existe o risco de que evolucionen cara a un trastorno de estrés postraumático que requira dun tratamento específico e especializado”, sinala Castro Delgado. O cadro de estrés agudo e ansiedade tamén pode aparecer no persoal de emerxencias, pola presión da situación e “sensación de responsabilidade” fronte ás vítimas.
Os viaxeiros habituais
Hai outro grupo que sinala o tamén profesor de Medicina de Urxencias na Universidade de Oviedo: os viaxeiros habituais de trens de alta velocidade. “Tras un suceso destas características é comprensible que se produza unha perda temporal da sensación de seguridade e un aumento do temor a viaxar. Neste contexto, unha comunicación institucional clara, rigorosa e transparente resulta clave para reducir a alarma social e recuperar a confianza”, sinala nas declaracións recollidas polo SMC.














