Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,
O 11 de marzo de 2020 estaba en clase cando o director da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, declarou a pandemia da covid-19. Eu estaba en 1º de Bacharelato, a piques de comezar os exames do segundo trimestre. Ese mesmo día pola tarde xa non volvín a clase. Así comezou a pandemia para min. Agora, regresan os recordos de “Vietnam”: o gromo de hantavirus, con palabras como pandemia, contaxio e confinamento, volve poñer en movemento a memoria de hai seis anos. E iso que agora, como xornalista científica, teño toda a información máis organizada, tendo claro que, aínda que a cepa Andes é máis letal, a súa transmisión tamén é moito máis difícil.
A miña compañeira Noelia explícao moi ben nesta peza sobre por que este virus detectado no cruceiro MV Hondius esperta os medos da pandemia. Todo isto ten que ver cun concepto: a memoria emocional. Tras falar cos psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro, elaborou unha peza que, ao meu ver, é moi necesaria e á que se pode volver cada vez que escoitemos as palabras “virus” e “illamento” na mesma frase. A memoria emocional é a aprendizaxe e o recordo de eventos asociados a unha resposta física ou anímica. Así, con casos como este, non só lembramos o que pasou, senón tamén como o vivimos. Eu lembro a incerteza dos datos e a impaciencia por non saber cando acabaría a corentena nin cando podería volver á miña vida normal.
O noso cerebro, ao asociar un fenómeno cun feito traumático como foi a pandemia, activa mecanismos de estrés como forma de autoprotección. Deste xeito, en base a patróns coñecidos, tenta predicir os acontecementos futuros para reducir a incerteza. Un exemplo disto foi a cantidade de memes que xurdiron arredor das palabras do epidemiólogo Fernando Simón sobre o hantavirus [“Non vai supoñer un risco para España”], lembrando frases de 2020 como: “En España vai haber, como moito, algúns casos diagnosticados”. Aquí tes un deles; persoalmente, fixéronme bastante graza.

Pero, como xornalista, aínda que considero imprescindible unha información veraz, contrastada e actualizada, tamén podo entender o desbordamento informativo. Eu mesma, navegando entre distintos medios de comunicación e notas de prensa de organismos oficiais, perdíame entre milleiros de datos, moitas veces contraditorios. Trátase dun problema de infoxicación que xa se manifestou durante a covid.
Con todo, non hai de que preocuparse. As autoridades sanitarias aseguraron que poden aparecer máis positivos por hantavirus, pero os contaxios adoitan limitarse ao terceiro nivel de contacto, xa que o virus tende a debilitarse. Explícoo neste reel sobre as boas e malas noticias que coñecemos ao respecto. Agora, coa situación máis controlada, parece que o hantavirus desapareceu case dun día para outro. O luns era o tema do momento, pero o martes a atención xa estaba posta na rolda de prensa do presidente do Real Madrid, Florentino Pérez. Así de rápido cambia a actualidade.
Pasemos aos temas da semana!
⚫️ Mapa de praias non aptas de Galicia ❌ A última actualización do Rexistro de Augas de Baño de Galicia recolle 42 praias catalogadas como non aptas para mergullarse. A Coruña é a provincia que rexistra o maior número, seguido de Lugo. En cinco delas o problema está na calidade das augas. Entre os enclaves está o río Bubal-Vilaza, en Monterrei, ou o río Madalena, en Vilalba. Podes consultar o mapa nesta peza.

⚫️ O causante do hantavirus 🐀 Xa sabíamos que o hantavirus se transmitía por saliva, feces e ouriños de roedores. Con todo, o máximo reservorio da cepa Andes é o rato colilongo (Oligoryzomys longicaudatu), un roedor pequeno que habita na Patagonia. Estudos revelan taxas de infección entre o 5-10%, cunha maior prevalencia en machos adultos. Por que? As pelexas entre machos durante o período de reprodución favorece que teñan feridas e a saliva da mordedura aumenta o contacto co virus. Así nolo explica o profesor da USC José Ángel Hernández Malagón.
⚫️ Achados que reconstrúen a historia 🥺 A miña compañeira Laura abriu o luns cunha entrevista moi interesante co arqueólogo Alfredo González Ruibal, onde falou do seu novo libro, ‘País en ruinas’. Nel, reconstrúe a historia da Guerra Civil e do franquismo a través de obxectos cotiás. Cando Laura me comentou o tema na oficina, encantoume, sobre todo polas imaxes que o acompañan.

⚫️ Máquina do tempo ☔️ Encántanme as ferramentas interactivas que inclúen mapas. Recentemente, o programa europeo Copernicus lanzou unha nova aplicación web que permite viaxar no tempo para coñecer a meteoroloxía dun día concreto dende o ano 1940, en calquera parte do mundo. Podes empregala para saber que día facía cando naciches ou, como fixemos en GCiencia, analizar os temporais máis extremos de Galicia.
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.














