A expectación arredor do 12 de agosto mantense polo achegamento da eclipse total de Sol, cuxa banda de totalidade atravesará Galicia. Con todo, este fenómeno presenta unha peculiaridade destacable: prevese que poderá observarse cando o Sol estea a apenas 5 graos sobre o horizonte oeste, unha posición moi baixa para unha eclipse. A isto súmase un factor negativo engadido: a nubosidade. O meteorólogo Benito Fuentes comparte a través do seu perfil en X unha serie de datos sobre a cobertura media de nubes nos últimos 30 anos ás 20:00 horas do 12 de agosto.
“Sorprendeume non ver máis cobertura nubosa na provincia da Coruña, Ourense e Pontevedra; o de Lugo non tanto”, sinala o experto. Segundo estes datos, a cobertura media de nubes baixas e medias durante esa data non foi excesiva nas últimas tres décadas, situándose por debaixo do 30% na maior parte do territorio español.
A partir deste promedio, Fuentes establece unha tendencia. Aínda que poida parecer unha porcentaxe baixa, unha cobertura nubosa do 35% xa incrementa a posibilidade de que a eclipse poida verse parcialmente afectado. Con valores entre o 80% e o 100%, a visibilidade do fenómeno sería practicamente imposible; mentres que cun 40-50%, o máis probable é que as nubes se despracen ao tempo que o Sol, podendo arruinar a observación en determinados momentos.
Nubes baixas, altas ou medias?
O principal problema radica nas nubes baixas e nas néboas, que teñen maior densidade ca as medias ou altas. “Son típicas dunha fronte, teñen un espesor considerable e poden tapar o Sol completamente”, explica Benito Fuentes. Pola súa banda, as nubes altas poden cubrir o ceo dándolle un aspecto velado: non ocultan totalmente a estrela, senón que permiten vela a través delas. Trátase de nubes máis finas e esfiañadas. “Non se pode mirar ao Sol a través delas sen protección; é preciso empregar lentes específicas para eclipses”, aclara.
Ecuación da nubosidade
Un dos principais condicionantes da eclipse, xunto coa baixa posición do Sol, será esta nubosidade. Sen ter en conta as nubes, a néboa tamén podería influír, aínda que ás 20:00 horas dun 12 de agosto trátase dun escenario pouco probable. Neste contexto, podería darse o caso de que a cobertura nubosa se sitúe lonxe, sobre o mar: “Son poucas nubes, pero vense afastadas e poden tapar todo o horizonte”, explica o meteorólogo Benito Fuentes. Así, canto máis alta estea unha nube no ceo, maior será o seu alcance visual e a súa capacidade para interferir na observación.
Ademais, a percepción da nubosidade pode variar moito segundo o lugar. Mentres unha persoa pode ver as nubes afastadas, outra situada a 50 ou 60 quilómetros pode telas xusto enriba. Por iso, como sinala Fuentes, “todo depende do tipo de nube e do punto no que estean localizadas”. Neste sentido, propón unha especie de ecuación orientativa: “Para a hora da eclipse, unha nube situada a dous quilómetros de altura podería tapar o Sol aínda estando a uns 20 quilómetros do punto de observación”.
Outro factor a ter en conta no verán galego é o risco de incendios. A última vaga de lumes produciuse precisamente no mes de agosto, polo que Fuentes advirte: “Está a chover moito en maio, pode medrar moita vexetación e xerar un escenario complicado coa calor de xullo e agosto”. O fume dos incendios ten un efecto semellante ao das nubes altas; dependendo da súa intensidade e localización, pode converterse nun elemento adicional a considerar. “O Sol pódese ver a través do fume; desluciría un pouco, pero non impediría a observación”, engade.
Quebracabezas: o horizonte
Unha eclipse destas características tamén presenta dificultades engadidas. Imaxina que unha nube se achega ou se forma xusto sobre a túa cabeza, no mesmo punto do ceo onde se está a producir o fenómeno, preto do cénit. Se se trata dunha nube pequena e baixa, unha posible solución —segundo o meteorólogo Benito Fuentes— sería desprazarse uns cinco ou seis quilómetros para evitar que esa acumulación tape o Sol.
Porén, esta opción non funciona cando as nubes están no horizonte: “Non podes facer iso, porque están o suficientemente lonxe como para que, aínda que te movas, sigan aí”, subliña. A isto súmase outro inconveniente clave: o escaso tempo que dura a totalidade. “A eclipse vai durar apenas un minuto e non hai marxe de manobra para moverse; o único que queda é cruzar os dedos”, explica.
Os días antes
O meteorólogo Benito Fuentes asegura que, para coñecer con certa fiabilidade como será a climatoloxía do 12 de agosto, haberá que agardar ata tres ou catro días antes. “Pode pasar calquera cousa”, advirte. Por iso, a ferramenta clave será a previsión meteorolóxica e unha boa planificación previa, especialmente tendo en conta que moita xente se desprazará para observar a eclipse, o que fai prever importantes retencións de tráfico.
“Cómpre estar preparado para calquera escenario: se pinta ben, perfecto; pero se a previsión empeora uns días antes, habería que pensar nun plan B”, recomenda. Este podería ser o caso de situacións con tormentas illadas ou xornadas nas que a nubosidade se estenda de forma significativa. “Se o día presenta nubes en boa parte do territorio peninsular, teremos un problema”, sinala. Con todo, tamén apunta que hai diferenzas xeográficas: é máis probable que o fenómeno se vexa deslucido na Cordilleira Cantábrica ca en zonas do interior como Zaragoza. En definitiva, como resume Benito Fuentes: “Non podemos saber con exactitude que ocorrerá o 12 de agosto, pero si hai lugares con máis papeletas ca outros”.


















