Recapitulemos. Para ver a eclipse total de Sol do 12 de agosto fai falta coñecer os niveis históricos de nubosidade, por onde pasa a banda de totalidade, a altura do Sol e a situación do releve, dada a sombra que poden proxectar os accidentes xeográficos. O Real Observatorio Astronómico de Madrid, dependente do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), comparte a través do seu perfil na rede social X unha novidade no seu visualizador de eclipses online: unha nova capa nos mapas, denominada “Visibilidade”, amosa as sombras preditas cun modelo dixital do terreo.
O mapa está elaborado mediante un cálculo específico feito para as condicións do fenómeno, polo que o usuario debe asegurarse punto por punto do terreo de que non hai obstáculos orográficos na dirección do Sol. Nel, os cadros negros marcan as zonas do mapa en sombra por culpa do revele, onde non se poderá ver en dirección ao Sol. Esta será unha das consecuencias da posición da estrela moi baixa no oeste, entre os 11-12o, polo que só será visible na súa totalidade en enclaves con este horizonte despexado, como xa adiantaba o investigador Dominic Royé. Pero que onde afectarán os accidentes xeográficos en Galicia?
Serras preto da costa
A costa de Pontevedra e A Coruña é a menos afectada polos sistemas montañosos para poder ver a eclipse. Aínda así, hai obstáculos que poden provocar unha dificultade na observación. É o caso da Serra do Barbanza, que proxecta unha das sombras máis amplas de todo oeste de Galicia. Verase fundamentalmente afectado San Paio, Boiro de Arriba, Pumar do Río, A Igrexa, Cadarnoxo e unha lista de emprazamentos ata chegar a Noia.
Con todo, o mapa do IGN non recolle a sombra dos edificios, só das montañas. Por tanto, na cidade de Vigo non se observa ningunha sombra, pero si a que proxecta a serra do Galiñeiro nas súas proximidades, pertencente ao Parque Natural do Monte Aloia. Será difícil ver o fenómeno dende Mourentán, Paredes, Canadelo ou Mosende. A principal solución —sen ter que desprazarse longas distancias— será ir desprazarse á costa.
No norte tamén se atopan sistemas montañosos que xeran un ensombrecemento considerable preto de Cedeira, como ocorre coa Serra da Capelada. Esta proxectará a súa figura sobre Figaredo, Cervetelo, A Corredoira e Corveiro, diferentes puntos que conducen a Punta Balteira. O concello de Cariño tamén estará sumido na sombra, preto de Cabo Ortegal, enclave costeiro onde si se poderá ver a eclipse.
Sistemas montañosos de interior
As localizacións máis afectadas pola sombra serán as situadas no interior de Galicia, onde se sitúan os sistemas montañosos máis altos. É o caso da Serra do Courel e o Parque Natural do Invernadeiro, formado polas serras de San Mamede, Queixa, Manzaneda e o Fial das Corzas. Seguindo a mesma liña, Pena Trevinca, o punto máis alto de Galicia con máis de 2.000 metros de altitude, tamén xera sombra en Cabuerco Vedado, La Tallista ou Vivac Majada Trevinca, ao proxectarse o Sol dende o oeste.
Na Mariña lucense sitúase a Serra do Xistral. Non ten moita altitude, pero iso non impide que as áreas colindantes estean afectadas no momento de ver a eclipse. A sombra afecta a Barreiras da Lagoa, Veiga de Murás, O Porto do Río e o parque eólico de Soán.
Unha proba o 30 de abril
O 30 de abril poderase comprobar onde e como se verá a eclipse. Así o confirma o Real Observatorio Astronómico de Madrid, quen explica en X que tanto o último día de abril como o 12 de agosto son días simétricos respecto ao equinoccio. Así, a pesar de que exista unha diferenza de aproximadamente oito minutos entre os momentos nos que o Sol estará na mesma posición debido á ecuación do tempo, as circunstancias solares son iguais, o que permitirá facer unha proba previa ao gran día.
Podes consultar os mapas sobre a eclipse total de Sol na seguinte ligazón.




















