Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) acaba de publicar un estudo sobre a colchicina, un fármaco empregado para previr e tratar gromos agudos de gota. O artigo analiza o impacto deste tratamento en trastornos óseos como a osteoporose, nos que non existen terapias que se dirixan directamente á adiposidade ósea. A investigación, liderada por Rodolfo Gómez dende o grupo de Patoloxía Muscoesquelética, acaba de ser publicada na revista Pharmaceutics.
“A colchicina xa se usa diariamente en miles de pacientes con gota e o seu perfil de seguridade, a doses baixas, é bo. Os nosos resultados suxiren que podería converterse nunha ferramenta sinxela e barata para combater a adiposidade medular e mellorar a saúde ósea en poboacións de risco”, explica Gómez, investigador principal e un dos coordinadores do estudo.
Favorece a xeración de tecido óseo novo
O traballo demostra que a colchicina altera o metabolismo dos microtúbulos e a diferenciación das células nai mesenquimales (osteoblastos e adipocitos). “As concentracións terapéuticas clínicas de colchicina inhibiron significativamente a adipoxénese, mesmo despois dunha estimulación única e transitoria”, sinala o estudo. O efecto antiadipoxénico “implica unha alteración da homeostase microtubular, o que suxire que o control da ensamblaxe de microtúbulos podería ser unha ferramenta para regular o equilibrio osteoblasto-adipocito”, explica Gómez.
O traballo revela, por primeira vez, que a colchicina, a concentracións terapéuticas reais, bloquea a diferenciación adipoxénica (formación de células graxas) das células nai mesenquimales e promove o seu compromiso cara á liñaxe osteoblástica (formación de óso). É dicir, é capaz de suprimir a formación de graxa no interior do óso e favorecer a xeración de tecido óseo novo.
Aínda que estas observacións derivan dun modelo in vitro e requiren confirmación en sistemas preclínicos relevantes, apoian a investigación de estratexias baseadas na colchicina para contrarrestar o exceso de adiposidade ósea en trastornos como a osteoporose.
Referencia: Colchicine Suppresses Adipogenic Differentiation of Mesenchymal Stem Cells: Implications for Bone Adiposity Control (Publicado en Pharmaceutics)














