Xoves 28 Marzo 2024

A silenciosa sentenza a morte da osteoporose

Unha de cada catro persoas falece no ano seguinte á fractura de cadeira por esta doenza debido ás complicacións que xorden

No outono e no inverno, co frío, a choiva, a humidade e as xeadas, os ósos de quen padece deles perciben claramente o cambio de tempo. As enfermidades reumáticas e musculoesqueléticas causan dores e molestias a unha boa parte da poboación, sobre todo na idade anciá, pero tamén en adultos máis novos. E ás veces, van medrando en silencio; un desgaste que non avisa ata que, un día calquera, unha caída acaba fracturando os ósos (adoita ser na parte superior do fémur e na cadeira) e  con ela os problemas multiplícanse. Unha destas doenzas, a osteoporose, mantense agochada polas complicacións propias da vellez, pero as cifras son canto menos desacougantes. 

Esta enfermidade, que provoca a redución da densidade dos ósos, debilitándoos e aumentando a posibilidade de que se rompan, mata catro veces máis mulleres ca o cancro de mama. Elas sófrena máis, pero se falamos de idades avanzadas, a fractura osteoporótica e as súas complicacións son un dos peores prognósticos que pode recibir unha persoa, sexa home ou muller, superando as taxas de mortalidade dalgúns tipos de cancro. En Galicia, cunha poboación máis avellentada, convértese nun problema de saúde pública de importante magnitude, xa que se estima que a padecen máis de 200.000 persoas. 

Publicidade

As taxas de mortalidade despois dunha fractura de cadeira por osteoporose supera a dalgúns tipos de cancro

É complicado atopar nas estatísticas oficiais cifras concluíntes sobre a mortalidade desta doenza. O INE expón que arredor de 70 persoas falecen cada ano en Galicia por osteoporose e fractura patolóxica. Pero só se teñen en conta neste caso os falecementos como consecuencia inmediata. Porén, o verdadeiro problema, a pesar de sobrevivir en primeira instancia á fractura, chega despois. “En moitas ocasións, as enfermidades reumáticas ou musculoesqueléticas non son causa de mortalidade directa, pero si indirecta, e ese é o caso da osteoporose”, explica Rodolfo Gómez Bahamonde, líder do Grupo de Patoloxía Musculoesquelética do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela (IDIS). 

Así, un 5% das persoas ingresadas por fractura osteoporótica de fémur morre xa durante a hospitalización. Pero ao estender o período, a porcentaxe multiplícase. “Entre o 20 e o 25% morre no ano seguinte á fractura polas complicacións derivadas”, engade Gómez Bahamonde. Estariamos falando, por tanto, de centos de defuncións cada ano só en Galicia. A mortalidade é maior no caso da fractura osteoporótica de cadeira (FOC), segundo apunta o doutor. 

Por que esta alta mortalidade?

É a pregunta que non deixan de facerse reumatólogos e demais médicos e os científicos dedicados ao estudo da enfermidade. “As causas non se coñecen ben; e de feito as causas da morte destes pacientes non difiren moito doutros cun contexto semellante de idade e saúde”. Pero o que si se sabe é que unha vez acontece a fractura da osteoporose, a vida da persoa está en risco serio. “Algúns estudos suxiren que a FOC podería ser un factor de agravamento dunha mala situación clínica preexistente, pero tamén hai indicios de que a propia FOC, ou as súas consecuencias, son as principais causantes de que a saúde do paciente empeore”, explica Rodolfo Gómez.

A fractura de cadeira por osteoporose, a máis grave, multiplica por catro o risco de morte nos homes menores de 75 anos

Hai causas que, en principio, parecen descartarse: “Podería especularse que o estrés causado pola cirurxía é crítico á hora de aumentar a mortalidade destas persoas. Porén, os datos dos pacientes que se someten a outras cirurxías, como as de substitución de cadeira, en idades semellantes, é do 0,3 ao 0,6%, o que leva a descartar esta hipótese”, apunta o doutor.  

Con todo, hai outros factores que parecen estar implicados en que isto aconteza. Un deles é a idade: as porcentaxes de mortalidade por osteoporose están arredor do 10% en pacientes menores de 75 anos, pero unha vez se supera este punto, as probabilidades multiplícanse por tres. Porén, advirte Gómez Bahamonde, “este vínculo coa idade non debe desviar a atención do problema, xa que acontece tamén noutras doenzas como o cancro”.

A mortalidade por osteoporose en varóns

Como xa quedou dito, as mulleres teñen maior probabilidade de padecer osteoporose. Pero cando se produce a fractura, aos varóns redúceselle en maior medida a súa esperanza de vida. “Vemos que, mentres a taxa de mortalidade no ano seguinte á FOC oscila entre o 17 e o 29% nas mulleres, nos varóns a taxa vai do 32 ao 62%. E no caso dos homes menores de 75 anos, a fractura de cadeira pola osteoporose multiplica por catro o risco de morte ao comparalos con outros controis de idade e saúde semellantes”, detallan os datos que debulla o investigador do IDIS.

A conclusión sobre o problema é que “a visibilidade destas patoloxías segue sendo moi baixa, e isto é algo que hai que traballar e divulgar”. Non en tanto, apunta o doutor Gómez, “a mortalidade da FOC no ano seguinte é moito maior cá de moitos tipos de cancro diferentes a cinco anos, o que indica que o impacto das fracturas da osteoporose son moi relevantes e deben terse en conta”.  Do mesmo xeito, incide en que o “manexo multidisciplinar do paciente podería axudar a reducir a mortalidade, xa que arredor do 75% presenta patoloxías de base que poderían gardar relación coa causa última da morte”.

Tratamento e solucións

Grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS, dirixido por Rodolfo Gómez Bahamonde (no centro).
Grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS, dirixido por Rodolfo Gómez Bahamonde (no centro).

O descoñecemento dos factores clave que inflúen nesta excesiva mortalidade obrigan, máis se cabe, ao desenvolvemento de liñas de investigación centradas en buscar tratamentos preventivos e solucións unha vez aparecen as fracturas. Tal e como lembra Bahamonde, “existen tratamentos para a osteoporose, pero non todos funcionan plenamente, e non están exentos de riscos“. De feito, advirte o investigador, “algúns só se poden tomar durante dous anos da vida dun paciente polos seus efectos adversos, e outros, tras o seu uso prolongado, acaban xerando ósos fráxiles propensos á fractura, que é o que queremos evitar”. 

Alén disto, o carácter silencioso da doenza dificulta a súa prevención e diagnóstico precoz. Neste sentido, os hábitos de vida saudables (actividade física e evitar o tabaco, o alcol, a mala alimentación e o sedentarismo) axudan en boa medida a previr a aparición da doenza. 

Investigación

Desde Santiago de Compostela, o equipo de Gómez Bahamonde traballa na actualidade en tres liñas de investigación principais para actuar sobre a osteoporose. Por unha banda, “estamos determinando que factores son quen de modular o crecemento do óso para buscar posibles marcadores da enfermidade e dianas terapéuticas para o tratamento da perda de óso patolóxica”. A segunda das liñas é a do reposicionamento de fármacos: “Partindo das propiedades beneficiosas que determinados estímulos  biomecánicos posúen sobre o crecemento óseo, estamos a tratar de reproducilas artificialmente mediante o  uso de medicamentos para un fin diferente ao habitual. Neste sentido, estamos a dopar os materiais para os implantes óseos con estes fármacos para que posúan estas propiedades tan beneficiosas”. E por outra banda, o equipo do IDIS está “illando factores de orixe neuronal con propiedades para estimular o crecemento do óso en enfermidades nas que este medra de maneira descontrolada, co obxectivo de loitar contra a perda de densidade que causa a osteoporose e outras doenzas semellantes”. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

Prevén o leite a deterioración cognitiva? Isto é o que suxire un novo estudo

Un ensaio en maiores de 65 anos identifica un compoñente da graxa láctea que podería ralentizar a perda de memoria asociada á idade

Un programa piloto busca solucións contra a soidade non desexada

Un convenio entre a Universidade de Vigo, a Área Sanitaria e a Sociedade Galega de Xeriatría impulsa a prevención deste problema cun gran impacto na saúde