En xuño de 2019, o grupo de Patoloxía Musculoesquelética do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) puxo en marcha unha campaña de micromecenado para financiar as investigacións na procura de novos medicamentos contra a artrose, un problema que afectará a unha de cada cinco persoas nalgún momento da vida. Era unha estratexia xa coñecida, a do reposicionamento de fármacos: produtos que xa están aprobados para o tratamento dalgunha doenza e, por mor do seu mecanismo de acción, poderían ser útiles noutras patoloxías.
Daquela campaña de micromecenado, e de posteriores liñas de financiamento, obtivéronse recursos suficientes para continuar co traballo, que dou os seus froitos. O equipo compostelán acaba de publicar no British Journal of Pharmacology, unha das publicacións de referencia en farmacoloxía no mundo, os resultados dunha investigación que constatan que un dos medicamentos sobre o que se estudou o posible efecto protector contra artrose, o antidepresivo amitriptilina, pode bloquear un mecanismo que contribúe a inflamación da cartilaxe e o desgaste articular, tanto na artrose como na gota, outra enfermidade que provoca unha importante perda de calidade de vida polo dano causado nas articulacións. E mesmo é posible que, por mor da vinculación dalgúns destes mecanismos coas inflamacións observadas na Covid-19, sexa un potencial tratamento contra a “treboada de citoquinas” do coronavirus, ao frear esta resposta inflamatoria esaxerada do organismo que ás veces agrava esta infección.
“A gota e a artrose son patoloxías aparentemente inconexas, pero que a nivel molecular teñen algúns puntos en común”, explica o Dr. Rodolfo Gómez Bahamonde, líder do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS. As dúas caracterízanse, ademais, pola limitación de tratamentos dispoñibles para inhibir a acción do receptor TLR4, un elemento que contribúe á resposta inmune innata que pode xerar procesos inflamatorios nas articulacións: “É un tipo de inflamación moi primitiva desde o punto de vista evolutivo, e os antiinflamatorios e analxésicos dispoñibles non son capaces de freala de forma efectiva”, engade Gómez Bahamonde.
Correlación en tratamentos antidepresivos
Ante esta carencia, o grupo do IDIS leva anos traballando en como se producen estas respostas inflamatorias que incapacitan a actividade cotiá de millóns de persoas e, ao tempo, buscarlle solución. Un dos traballos realizados neste tempo foi a análise de grandes bases de datos de máis de 100.000 pacientes. E, despois dun proceso que incluíu técnicas de química computacional, análises masivos de proteómica e probas in vitro e de tecidos humanos, observouse un efecto sorprendente.
“Vimos unha correlación na que a poboación que consumía este antidepresivo, a amitriptilina, amosaba efectos positivos fronte á gota. De feito, chegamos a ver máis dun 30% de redución no número de doentes con episodios inflamatorios”, contan os autores do traballo. Tal era o efecto que “a partir dunha determinada dose de antidepresivo, observábase que xa non era preciso usar outro fármaco para tratar a gota”, engade Rodolfo Gómez.
Este achado é relevante porque medicamentos como a colchicina, usados para esta enfermidade, producida pola acumulación de ácido úrico, teñen efectos adversos que poderían decantar a balanza á hora de indicar un ou outro fármaco. “A gota ten un curso inflamatorio moi característico que nos axudou a comprobar se a amitriptilina era efectiva, e así o comprobamos”, engade o investigador principal do IDIS.
Deste xeito, no caso de que se produza unha concomitancia de procesos depresivos con artrose ou gota, a amitripilina podería ser unha boa solución. Así, apuntan, poñeríase freo a outras patoloxías asociadas. “É un círculo do que moitas veces é difícil saír. A artrose e a gota causan malestar e dor que empeoran o estado de ánimo, contribúen ao sedentarismo e, por tanto, a outros problemas de saúde asociados”, expoñen Eloi Franco Trepat e Ana Alonso Pérez, dous dos autores principais do artigo.
Autorización de uso
Os resultados do estudo supoñen un importante fito para o equipo, que continuará agora coa súa investigación de cara a que os pacientes poidan beneficiarse dos seus achados. “Está a opción de facer un ensaio clínico. Ou, no caso de atoparse unha evidencia moi sólida, podería solicitarse o seu uso fóra de indicación”, conta Gómez Bahamonde. No caso da amitriptilina, os pasos están xa dados en canto á súa seguridade, pois é un fármaco comercializado desde hai moito tempo, que se tolera ben e pode usarse de forma continua.
Referencia: Amitriptyline blocks innate immune responses mediated by TLR4 & IL1R: preclinical and clinical evidence in OA and gout (Publicado en British Journal of Pharmacology).