Pense nas cinco primeiras persoas que lle veñan á cabeza. Pois ben, alomenos unha delas padecerá, segundo as estatísticas, unha doenza musculoesquelética ao longo da súa vida. Son, por tanto, botando contas rápidas, máis de 500.000 persoas só en Galicia. E 1.500 millóns en todo o mundo. Este tipo de enfermidades adoita vincularse á idade, aínda que non é un factor determinante, xa que hai xente que pouco despois dos 20 anos comeza a manifestar síntomas que se caracterizan, sobre todo, pola dor que chega para non marchar, e que ás veces acaba sendo incapacitante.
Para saber como aparecen estas enfermidades, como se desenvolven e como acaban causando danos nas persoas traballa o grupo de Patoloxía Musculoesquelética do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela (IDIS), liderado por Rodolfo Gómez Bahamonde. Neste equipo investigan problemas como a artrose ou a artrite reumatoide, que adoitan converterse nun martelo constante de dor que golpea no momento menos pensado, até incapacitar, e acaba afectando a moitos aspectos da vida cotiá.
No seu traballo diario de investigación, que aborda como frear estas doenzas desde diversos enfoques, os científicos de Santiago atoparon unha esperanza: hai varios fármacos que xa se aplican noutras doenzas neurolóxicas, ou para problemas de mareos, e que con algunhas modificacións previas á súa aplicación nos pacientes, poderían usarse na artrite ou a artrose. É o chamado reposicionamento de fármacos. “Isto implica que, de aceptarse a súa indicación para estas patoloxías, o proceso cun fármaco sería moito máis rápido que no caso de novas moléculas”, explican desde o grupo.
“Os datos que temos son moi esperanzadores”, conta Ana Alonso, farmacéutica e investigadora deste grupo do IDIS. Os fármacos cos que xa traballan “actúan a través dun receptor da inmunidade innata, o TLR4, e fano sobre a inflamación dunha zona específica antes de que se produza, e impide a súa formación”. É, por tanto, unha nova vía para parar o avance da dor. Os cultivos de tecidos articulares que realizaron para probar a efectividade destes fármacos amosan que estes son quen de bloquear a orixe da inflamación e a degradación ata nun 90%.
“Non é que paren temporalmente a enfermidade cando xa está avanzada, como acontece agora con analxésicos e outros ‘parches’, senón que reducen a inflamación que conleva a dor crónica”, explica a investigadora Alonso. Sería, dalgún xeito, cortar máis de raíz a causa do problema.
Normalmente, os estritos protocolos que deben cumprirse para garantir a seguridade dos medicamentos deben seguir varias fases que se estenden durante anos. Así, co reposicionamento, ademais de abaratar custes no desenvolvemento, é posible que os afectados poidan recibir un tratamento de xeito máis rápido.
Neste caso concreto, o equipo de investigadores galegos está, ademais disposto a divulgar os datos dos seus avances en canto estean listos para que os pacientes se beneficien o antes posible co uso clínico. Pero, ao mesmo tempo comprométense a non facer públicos os nomes destes fármacos antes do final do traballo, para evitar que algunha empresa ou grupo patente o seu uso. Todo o coñecemento que obteñan estará, en definitiva, a disposición de toda a cidadanía.
Pero precisan un empurrón. 25.000 euros máis serían a cantidade óptima para completar esta fase da investigación, e investigar a fondo os catro fármacos candidatos a ofrecer solucións á dor de tantas persoas. E estanos procurando a través dunha campaña de micromecenado, bautizada como “STOP Artrose”, na plataforma Precipita, sustentada polo Ministerio de Ciencia e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt).
Aforro e beneficio para a sanidade
Na actualidade, co envellecemento da poboación, maior en sociedades como a galega, ademais da obesidade, o sedentarismo e outras doenzas asociadas ao modo de vida actual provocan que os gastos sanitarios derivados das patoloxías musculoesqueléticas absorban unha notable parte dos orzamentos. “Hai moitas persoas que teñen que medicarse pola dor que sofren, e en casos moi avanzados hai que chegar á cirurxía, coas súas consecuencias.
Frear a doenza canto antes podería axudar a reducir moitos custos. E ademais, usando fármacos que xa existen, non faría falta un gran desembolso por parte da industria”, explica Alonso. Só en Europa, uns 150 millóns de persoas deben tomar antiinflamatorios, en moitos casos debido á dor destas patoloxías, e que moitas veces non son suficientes para facer desaparecer a dor. Estes novos fármacos permitirán aos médicos dispoñer de novas vías para mellorar os tratamentos.