Un informe do Departamento de Poboación do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía (IEGD-CSIC) revela que Galicia está entre as comunidades autónomas máis envellecidas do territorio nacional. O documento —titulado Un perfil das persoas maiores en España, 2026— amosa unha acusada dualidade entre o sur e o norte do territorio nacional: mentres que as rexións máis novas se concentran na metade meridional de España, o norte e o interior presentan os valores máis elevados de poboación avellentada. Dentro da comunidade galega, Ourense é a provincia con maior prevalencia do grupo de idade igual ou superior aos 65 anos.
A nivel nacional, Galicia ocupa o terceiro posto en canto a poboación envellecida, que representa un 26,88% do total galego. Queda tan só por detrás de Asturias, cun 28,36%, e Castela e León, cun 27,25%. O informe revela que a proporción de persoas maiores de 65 anos amosa un aumento xeneralizado en todas as provincias durante o 2025, pero indica que este incremento non é consistente entre territorios: as provincias do noroeste e o interior (en especial Castela e León e Galicia) amosan cifras moi superiores ás de zonas costeiras, illas e cidades autónomas.
Ourense, núcleo galego do envellecemento
O documento elaborado polo CSIC reúne datos sobre demografía, saúde, recursos económicos e condicións de vida da poboación maior. A información revela que Lugo e Ourense son as provincias con maior porcentaxe de persoas que teñen ou superan os 65 anos: representan un 30,25% dos lucenses e un 32,26% dos ourensáns. A Coruña e Pontevedra quedan debaixo da trintena, cun 26,28% e o 24,72% de poboación envellecida, respectivamente. O contraste entre Ourense e Pontevedra, as provincias galegas nos extremos dos valores, é de case oito puntos.

Focalizar a atención sobre os concellos tan só confirma a prevalencia da poboación maior en Ourense. Os municipios con valores máis elevados a nivel nacional están en Castela e León, na contorna de Madrid e no interior de Galicia, especialmente na franxa máis próxima á fronteira con Portugal. No mapa que achega o informe, tres municipios galegos atópanse no nivel vermello, e todos están en territorio ourensán. Son os únicos de Galicia con esa cor, que indica unha cifra de persoas de 65 anos ou máis por enriba do 52,58%. Trátase do Bolo, cun 53,32%; de Calvos de Randín, cun 55,33% e de Lobeira, que presenta a cifra máis elevada de toda a comunidade: un 55,53%.
Dende o documento do CSIC explican que “estas desigualdades territoriais responden, principalmente, aos movementos da poboación dentro do territorio e a súa vinculación coas oportunidades laborais“.
A esperanza de vida en Galicia
O informe declara que nun ano, dende a última publicación sobre o tema, o número de persoas centenarias en España aumentou nun 7,1%, chegando ás 17.038 persoas, cunha ampla maioría de mulleres. “A esperanza de vida é un dos principais indicadores do nivel de benestar dunha sociedade, xa que sintetiza as condicións sanitarias, sociais e económicas da poboación”, indica o informe.

En Galicia, as catro provincias presentan unha esperanza de vida ao nacemento superior aos 83 anos: en Ourense é de 83,88 anos; en Lugo, de 83,98; na Coruña acada os 84,1; e, lixeiramente por enriba, Pontevedra é a provincia galega cunha cifra máis alta, de 84,13 anos.
Podes consultar nesta ligazón o informe completo do CSIC.














