Un terzo da poboación galega terá máis de 65 anos en 2039

O IGE estima que dentro dunha década haberá 260 individuos que superen os 65 anos por cada 100 menores de 20

O envellecemento da poboación é un dos principais retos aos que se enfronta a sociedade galega. Os últimos datos e proxeccións do Instituto Galego de Estatística (IGE) a través do seu Sistema de Indicadores de Lonxevidade confirman unha tendencia crecente: un de cada tres galegos terá máis de 65 anos en 2039. Este indicador, que en 2025 estaba no 26,9%, prevé aumentar seis puntos dentro de 13 anos ata situarse no 33,1%. Estas cifras están moi por enriba da media española, que estaba no 20,7% en 2025 e acadará, segundo as previsións, o 26,5% dentro dunha década.

En canto aos datos por provincia, Ourense lidera o número de persoas maiores de 65 anos. En 2039 chegará ao 37%, fronte ao 32,1% que rexistrou en 2025. En segundo lugar está Lugo, que se aproximará á provincia ourensá ao acadar o 35,8% de poboación maior de 65 anos dentro de 13 anos, fronte ao 30,2% que rexistrou o ano anterior. As zonas menos envellecidas son A Coruña e Pontevedra, pero tamén experimentarán un aumento da poboación maior. Mentres que en 2025 acadaban o 26,3% e o 24,7% respectivamente, en 2039 chegarán ao 32,2% e o 32% da poboación.

Publicidade

Envellecemento e sobreenvellecemento

Outro dos indicadores analizados polo IGE é o Índice de envellecemento, que relaciona a poboación maior de 65 anos con respecto a cada 100 persoas menores de 20 anos. En 2025, o indicador situábase en 176,5, moi por enriba do total para España (110). Estas cifras prevén dispararse de cara ao 2039, cando o IGE estima que podería haber 260 persoas maiores de 65 anos por cada 100 menores de 20.

O Índice de sobreenvellecemento calculado polo IGE tamén ofrece unha radiografía detallada da poboación maior de 65 anos. En concreto, daquela que supera o 85 ou máis dentro deste grupo etario. En 2025, representaba en Galicia o 18,3%, e en España o 15,4%. Aínda que se prevé un decremento destas cifras nos vindeiros anos, a partir de 2028 agárdase un novo aumento. Espérase que en 2039 Galicia acade o 19,3% de maiores de 85 anos —en relación ao total do grupo de 65 anos ou máis— e España chegue aos 16,5%.

Publicidade

Esperanza de vida

A esperanza de vida na franxa de 65 anos ou máis tamén está a aumentar. É dicir, o promedio de anos que lle quedan por vivir a unha persoa desa idade situouse en 2024 —últimos datos dipoñibles— en 22 anos, o que supón un aumento de 2,2 respecto ao 2001. De todos modos, este indicador requiriría que as condicións de motalidade se mantivesen constantes ou semellantes respecto do ano de referencia. Segundo o Instituto Español de Estatística (INE), as principais causas de falecemento en Galicia nos maiores de 65 anos foron as enfermidades do sistema circulatorio (28,5%), seguida dos tumores (23%) e das enfermidades do sistema respiratorio (12,8%).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sete anos de ciencia e innovación: estes foron os gañadores nas últimas edicións dos Premios Zendal

A convocatoria de 2026 permanece aberta ata o vindeiro 20 de setembro e repartirá 65.000 euros entre proxectos de saúde humana e animal

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista