O triángulo galego da ultralonxevidade: un estudo revela unha área de 34 concellos con taxas récord

O investigador José María Faílde atribúe o fenómeno ao baixo estrés, á actividade física e a altitude nunha zona de montaña que conflúe entre Pontevedra, Ourense e Lugo

Cada quen ten unha historia ás súas costas, uns camiños percorridos, vivencias atesouradas e lembranzas de incalculable valor. E cando esa persoa celebra un centenario de vida, ese cúmulo de experiencias e costumes que constitúen a existencia de cada un vólvense un emblema, un faro ao que mirar. Ao soprar 100 candeas, hai unha pregunta que flota no aire: Como se chega a esa idade? Un estudo apunta a que a resposta podería estar no sur de Galicia.

A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría e o Grupo de Investigación de Envellecemento e Lonxevidade (Long Aging) da Universidade de Vigo van publicar un estudo liderado polo profesor José María Faílde —e no que tamén participan a Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto Galego de Estatística— que confirma a existencia de áreas xeográficas galegas entre Pontevedra, Lugo e Ourense nas que prevalecen elevadas taxas de centenarios.

Publicidade

As zonas de Galicia nas que os habitantes superan os 100 anos

O grupo de investigación xa apuntaba nesta dirección coa publicación, en 2025, do estudo É Galicia unha posible zona azul? As ‘zonas azuis’ son rexións nas que as persoas teñen vidas longas e saudables e hai unha alta concentración de habitantes por enriba dos 100 anos. Esta investigación explorou a pertinencia de sinalar a comunidade galega como unha destas áreas destacadas. Os autores concluíron que esta posibilidade resulta viable, pois Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior taxa de centenarios no país. O centro deste fenómeno atópase nas zonas rurais que conflúen entre Pontevedra, Lugo e Ourense, e é maior a cantidade de mulleres centenarias, que triplican o número de homes que acadan dita idade.

José María Faílde indica que a investigación na que se atopan inmersos agora, e cuxa publicación está prevista nos próximos meses, puido delimitar o espazo galego no que este fenómeno é máis habitual: bautizárono como ZEL-G Sur e é un territorio composto por 34 concellos (28 de Ourense, cinco de Pontevedra e un de Lugo). “Este territorio de alta lonxevidade está pola zona limítrofe entre Ourense e Pontevedra, avanza pola área de Celanova e sube de novo cara a Lugo”, explica o investigador. Esta área, que chega ata as zonas de Allariz e Castro Caldelas, conforma o espazo resultante do estudo da lonxevidade levado a cabo polo grupo de investigación.

Publicidade

Factores biolóxicos e xeográficos que estenden a vida

A lonxevidade extrema é un fenómeno multicausal” apunta Faílde, e engade: “Ten un componente xenético, pero tamén xogan un papel moi importante os hábitos e a alimentación. Sobre todo, ten moito impacto o estrés; a lonxevidade relaciónase con niveis baixos do mesmo”.

Os centenarios destas rexións presentan, ademais, perfís epixenéticos máis novos dos agardados para a súa idade; é dicir, as características dos seus xenes amosan a actividade de persoas con menos anos.

Outro factor determinante é un historial de traballo físico e actividade constante tipicamente asociado ao rural. A rutina destas persoas inclúe unha sociabilidade activa e unha alimentación frugal baseada en produtos de proximidade, habitualmente obtidos a través de hortas locais. En paralelo, Faílde sinala que xa están abertas liñas de investigación que indagan nos factores xenéticos que poderían condicionar a esperanza de vida nestas comunidades.

Ademais dos compoñentes condutuais, a xeografía do terreo tamén xoga unha parte nesta ecuación. A zona ZEL-G Sur esténdese por unha contorna de media montaña e, como explica o investigador, nestas altitudes comprendidas entre os 400 e os 900 metros sobre o nivel do mar actúa unha hipoxia moderada que se relaciona coa maior lonxevidade. Pola contra, debaixo dos 200 metros de altitude hai unha maior prevalencia da síndrome metabólica.

O segredo de Ourense: a dieta atlántica

Un estudo publicado en 2025 na revista Nutrients vincula directamente a concentración de centenarios de Ourense este fito coa adherencia á dieta atlántica do sur de Europa (SEAD). Esta alimentación está caracterizada polo consumo masivo de hortalizas do xénero Brassica (verzas e grelos) con alto poder antioxidante, patacas, pan, lácteos caseiros e carnes coma o porco. É un menú cun uso moi reducido de sal, azucres e alcol.

O impacto directo deste patrón nutricional vese reflectido nunha baixa incidencia de enfermidades crónicas entre os centenarios ourensáns. Á relevancia da alimentación súmasenlle os factores psicosociais: o estudo sinalou as redes familiares e sociais e a actividade física asociada ao coidado da horta e o xardín como factores igual de importantes na chegada á extrema vellez da provincia.

Unha mirada á evolución da esperanza de vida

A evolución recente dos indicadores demográficos en Galicia reflicte esta tendencia ao incremento da supervivencia, malia a paréntese que supuxo a crise sanitaria da covid. Segundo os datos históricos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) entre os anos 2020 e 2024, a esperanza de vida dos homes galegos pasou de 80,5 a 81,2 anos. No caso das mulleres, o avance foi aínda máis notable, partindo de 86,3 anos en 2020 a 86,8 en 2024. Deste xeito, a lonxevidade media de Galicia traduciuse nun dato histórico: por primeira vez, superouse a barreira dos 84 anos. Así, o 2024 recolleu a cifra de 84,09 anos medios de esperanza de vida, moi por enriba dos 72,85 anos correspondentes ao ano 1975, o máis antigo da serie histórica do INE.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un terzo da poboación galega terá máis de 65 anos en 2039

O IGE estima que dentro dunha década haberá 260 individuos que superen os 65 anos por cada 100 menores de 20

Cinco árbores senlleiras que gardan séculos de historia en Galicia

O Catálogo autonómico protexe 177 exemplares destacados pola súa lonxevidade, dimensión, rareza e valor cultural

Moito iogur, unha vida activa e boa xenética: as claves da catalá que viviu 117 anos

Un grupo de investigadores estuda o perfil molecular da que foi a persoa máis lonxeva do mundo ata o seu falecemento en xullo de 2024

Que comen os centenarios de Ourense? Un estudo analiza a dieta atlántica para entender a lonxevidade

Un equipo galego valora os hábitos nutricionais de 156 maiores da provincia cuxo modelo de consumo coincide co patrón nutricional propio do sur de Europa, baseado nos produtos frescos e a escaseza de ultraprocesados