O segredo dos supercentenarios: un equipo estuda a clave da lonxevidade dos galegos

Un proxecto nacional investiga os factores biolóxicos, clínicos e sociais que levan ás persoas a cumprir máis de 100 anos con boa calidade de vida

Galicia ten a maior proporción de persoas centenarias de España e está no terceiro posto en números absolutos. Cal é o segredo para ter unha lonxevidade extrema? Un proxecto promovido pola Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familias (SEMG) estuda os factores biolóxicos, sociais e clínicos que levan a poder celebrar máis de 100 anos cunha boa saúde. Liderado pola doutora galega Pilar Rodríguez, o Rexistro Nacional de Centenarios de España (Renace) analizará unha mostra deste grupo de “superviventes de verdade que, na súa maioría, chegan a estas cifras con poucas enfermidades crónicas“, en palabras de Rodríguez.

Segundo os últimos datos dispoñibles do Instituto Nacional de Estatística (INE) de 2022, en España existen 19.600 persoas con máis de 100 anos. Deste total, Galicia acada o terceiro posto en números absolutos —con 2.039 maiores, por detrás de Madrid e Barcelona— e o primeiro se se ten en conta a proporción de centenarios en relación coa poboación total galega, detalla a doutora, que tamén é presidenta da SEMG. Cales son os aspectos levan a esta situación?: “Iso é o que tratará de aclarar o proxecto Renace”.

Publicidade

De proba piloto a estudo multidisciplinar

A presidenta do SEMG e líder do proxecto Renace, Pilar Rodríguez. Foto: Cedida

O grupo de persoas de 100 anos ou máis medra cada ano en España “de xeito progresivo, imparable e cunha maior proporción que calquera outra franxa de idade”. Por iso é “tan importante analizar que factores contribúen a un envellecemento activo e sostible“. Baixo esta idea nace o primeiro proxecto piloto de Renace en 2011. “Daquel estudo sacamos información moi valiosa, pero non puidemos continuar. Como quedamos con ganas e máis, o pasado ano retomamos este traballo que se desenvolverá durante tres anos cun equipo multidisciplinar de clínicos, epidemiólogos e científicos“, indica. O proxecto ten como obxectivo a investigación epidemiolóxica, sociodemográfica, clínica, bioquímica e xenética sobre os aspectos determinantes da lonxevidade extrema.

Sobre a proba piloto de 2011 realizouse unha publicación que expón algúns resultados obtidos após estudar 73 centenarios de toda España. Segundo o traballo, a idade media era de 102 anos, o 79,5% mulleres. O seu “estado de saúde xeral, funcional e cognitivo era bastante bo, dentro da fraxilidade e complexidade pluripatolóxica deste grupo”, detalla o informe. Ademais, as enfermidades crónicas máis frecuentes entre estas persoas eran a artrose —cun 68,1%— e a hipertensión arterial —46,5%—.

Publicidade

Por outra banda, o estudo detalla que só o 30% do grupo tivera algún ingreso hospitalario no último ano. “Malia o que se poida pensar, os centenarios usan pouco os servizos sanitarios“, indica Rodríguez. “Son superviventes de verdade e a maioría deles con boa calidade de vida”, matiza. Acorde ao informe, o 62,7% consideraba a súa saúde como boa.

Que leva a un envellecemento activo

Aspectos como a alimentación, as redes de apoio socio-familiar ou o medio ambiente, entre outros moitos, son claves á hora de chegar a cumprir 100 anos ou máis con boa calidade de vida, segundo detalla a doutora. Ademais dos factores externos, neste novo traballo de Renace tamén se terán en conta os aspectos persoais de cada persoa. Por iso realizarase “unha colección de mostras que estudará biomarcadores de distinta índole: xenéticos, epixenéticos ou trasncriptómico, entre outros”.

O obxectivo é analizar o 10% da poboación centenaria de España, un total de 1.900 persoas. “Entendemos que hai moitos factores que poden marcar e desencadear distintos biomarcadores de oxidación ou dano celular, o que pode reducir a supervivencia a través da aparición de patoloxías”. Por este motivo o proxecto busca detectar aqueles biomarcadores que se asocien tanto a un envellecemento adecuado como inadecuado.

Os centenarios de 2011 non son igual que os de 2025

Durante tres anos, o equipo de Renace —do que tamén forman parte os doutores galegos Cristina Santomé e Lorenzo Armenteros— tentará contactar con todos os centenarios posibles para o seu estudo, pero a idea é manter este rexistro aberto no tempo. “Sen dúbida a sociedade vai cambiando e os centenarios de 2011 xa non son os de hoxe en día e dentro de 10 anos tampouco o serán”, matiza.

A doutora afonda neste aspecto resaltando que “os centenarios da actualidade naceron en 1925, unha época que pouco ten que ver coa nosa. Do mesmo xeito, o contexto social, os tóxicos, o cambio climático ou a comida rápida á que estamos expostos hoxe en día farán que nós non sexamos iguais se chegamos aos 100 anos”, detalla.

Así Rodríguez xustifica que este proxecto se trate dunha “aprendizaxe dinámica na que teremos que entender como afectan as circunstancias socio-culturais que nos rodean á saúde. O obxectivo tamén é facer entender que unha boa lonxevidade non é so cuestión de saúde, senón tamén doutros aspectos como a sociedade, a cultura, o contexto histórico, ambiental ou as decisións administrativas”, conclúe.


Referencia: El moderno gero boom: análisis de la fase piloto del Registro Nacional de Centenarios de España RENACE

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño