Cinco anos do primeiro caso de covid en Galicia: o día que comezaron a cambiar as nosas vidas

O 4 de marzo de 2020 rexistrouse o 'paciente cero', un home que visitou A Coruña procedente de Madrid para facer unha entrevista de traballo

4 de marzo de 2020. Galicia rexistra o seu primeiro caso de SARS-CoV-2, un virus respiratorio descoñecido que aparecera por primeira vez na provincia chinesa de Wuhan e estaba a piques de provocar unha crise sanitaria sen precedentes. O “paciente cero” foi un home de 49 anos que viaxara á Coruña dende Madrid para facer unha entrevista de traballo. Tras acudir a urxencias, foi ingresado e decretado o seu illamento. Esa mesma tarde notificábase o primeiro positivo dun galego; un moañés que pasou directamente á UCI, onde estivo 19 días. Salvouse, pero ese 4 de marzo de 2020, hai exactamente cinco anos, Galicia afrontou o primeiro embate da pandemia.

A segunda data gravada a lume na memoria colectiva foi o 14 de marzo. Ese día decretouse o estado de alarma, iniciouse un confinamento que previsiblemente só ía durar quince días, mais acabou prorrogándose durante meses. Ninguén agardaba unha situación semellante. Pero esa data tamén agocha outras implicacións en Galicia, dado que se rexistrou a primeira morte causada polo coronavirus. Unha muller de 92 anos e con patoloxías previas falecía no Hospital Povisa, en Vigo.

Publicidade

As persoas maiores de 80 anos foron, precisamente, as que sufriron as peores consecuencias da covid. Segundo os datos do Sergas, o 42,5% dos falecementos rexistrados en Galicia durante estes cinco anos notificáronse en persoas de entre 80 e 89 anos. O segundo grupo etario máis afectado foron os maiores de 90, ao que pertencía a primeira falecida, que aglutinou o 28,8% dos decesos causados pola covid. Estas son as cifras que reflicten unha realidade vivida dolorosamente por miles de familias en Galicia. Algunhas delas que non puideron despedirse dos seus familiares.

Mortes en residencias

“A fin de semana que comezaron as restricións fun ver a miña nai á residencia. Estaba na DomusVi de San Lázaro, en Santiago. Foi a última vez que a vin”, relata Rodrigo Feijoo. A súa memoria xa dilúe algúns recordos, mais aínda lembra a angustia e a incerteza. Súa nai, Carmen Noia Expósito, tiña 83 anos cando enfermou de covid na segunda quincena de marzo. Tiña un alzhéimer avanzado. “Empezou a atoparse mal e mandárona á Rosaleda, pero eu xa non tiña maneira de establecer contacto con ela. Apenas me informaron. Tan só de que se contaxiou, de que a trasladaron e de que faleceu. Foi das primeiras”, lembra Feijoo.

Publicidade

Malia que Carmen Noia sufría un alzhéimer que impedía unha comunicación fluída co seu fillo, el lamenta non poder despedirse dela; non poder acudir ao centro de saúde nin vela por última vez. “Foi moi duro. Tiven que xestionar todo dende a casa. Incinerárona e entregáronme as cinzas a posteriori, pero nada máis. Non me deron nada dela”, asevera Feijoo. Continúa esperando unha chamada que non chega. Non sabe que fixeron coas pertenzas da súa nai, nunca foi informado ao respecto. A súa familia foi unha máis das afectadas. “Morreu unha porcentaxe altísima dos internos. Montouse unha plataforma, fomos a xuízo, pero non hai nada que facer”, lamenta.

Carmen Noia foi unha das primeiras falecidas en Galicia. Integra a cifra de 4.211 mortes causadas pola covid ata hoxe. Hai outros tantos números de esperanza, con 734.565 persoas curadas. Agora é moi difícil valorar a dimensión do SARS-CoV-2, dado que se deixaron de contabilizar os casos leves. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 67 persoas coa infección activa, 19 delas hospitalizadas pero ningunha en coidados intensivos. Tan só se rexistraron dous casos nas últimas 24 horas. Uns datos astronomicamente diferentes aos de hai cinco anos. Na memoria aínda resoa a voz de Fernando Simón, o epidemiólogo e director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) do Ministerio de Sanidade, anunciando as 900 mortes diarias en España.

Canto aprendimos da pandemia

Un lustro máis tarde cabe preguntarse canto se aprendeu da pandemia e cales son os efectos que se arrastran daquela experiencia colectiva. “Foi unha gran oportunidade de aprendizaxe pero non teño claro que a aproveitaramos”, admite a médica lucense Pilar Ledo, presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG). “Aprendéronse grandes leccións nun período de tempo moi curto, o que dificultou a súa consolidación e fixo que moitas delas caesen no esquecemento”, engade a neurocientífica galega Sonia Villapol, que traballa no Hospital Methodist de Texas, nos Estados Unidos.

O que se extrae de ambas é a dificultade de cuantificar canto se aprendeu daqueles meses de incerteza e confusión. Talvez moito a nivel investigación e ciencia, talvez menos dende o punto de vista social. Outro dos aspectos nos que coinciden é que cinco anos despois do estourido da pandemia, hai un colectivo esquecido que aínda arrastra as graves secuelas da infección. Son os pacientes de long covid que, segundo a Asociación Galega de Covid Persistente (ASGACOP), está a afectar ao 3,8% da poboación de Galicia. É dicir, máis de 70.000 persoas.

Os grandes esquecidos

Os pacientes de covid persistente son os grandes esquecidos. Segue sen haber un rexistro oficial e as cifras son estimacións realizadas a partir dalgúns estudos”, sostén Ledo, tamén presidenta da Rede Española de Investigación en Covid Persistente (REiCOP). A enfermidade presenta múltiples perfís e pode derivar en máis de 200 síntomas diferentes, tal e como están descritos pola ciencia internacional. Dende a astemia e o cansazo, ata a néboa mental, os problemas de memoria e as diferentes afectacións neurocognitivas. “Produce un descontrol, unha diminución da calidade de vida. Moitos dos afectados perderon o seu traballo”, lamenta Ledo, quen reclama un rexistro oficial de pacientes e un maior recoñecemento e investigación sobre a enfermidade.

Unha doenza que Noelia Fernández Nocelo, membro de ASGACOP, está a vivir nas súas propias carnes. Ten 43 anos e leva ano e medio de baixa. Os primeiros síntomas chegaron coas vacinas. “A medida que fun pondo cada unha das tres doses, foise incrementando a frecuencia da miña migraña. Tiven que encamar. Sufrín todas as reaccións posibles pero son bióloga, estou a favor da vacinación”, matiza Fernández Nocelo, remarcando a súa experiencia individual e alertando ante o movemento antivacinas. De feito, os seus síntomas agraváronse tras sufrir varias infeccións de covid. “Foi un inferno no que aínda sigo”, lamenta.

Contraeu o seu primeiro SARS-CoV-2 en 2022. Colleu unha primeira baixa laboral pola intensidade e frecuencia das súas migrañas, e polo esgotamento que lle producía. Logrou remontar e mellorar progresivamente grazas ao exercicio físico, mais volveu recaer tras unha nova infección. Pasou por cinco contaxios e por todos cantos síntomas poden derivarse deles: tos, fatiga, sen gusto nin olfacto “Este último ano fun a peor. Estou moi fatigada, non dou respirado cando subo unha costa, perdín audición e sufro de visión borrosa”, enumera Fernández Nocelo entre unha longa e case interminable lista de síntomas.

Máis investigación sobre covid persistente

A afectada recoñece que os médicos están desconcertados e que a información sobre covid persistente é escasa, incluso dende o punto de vista asistencial. Ela era hipotensa, mais agora súbelle a tensión de golpe, sobre todo cando se levanta. Antes de ter long covid xa fora diagnosticada con fibromialxia e a raíz das vacinas e das infeccións comezou a ter uns gromos aínda máis graves. “Estou con medicación, tamén para a tensión, para o colesterol e incluso me subiu a diabetes. Non dou feito as cousas da casa e ás veces non consigo nin levantarme. Maréome moito. Son profesora e sempre considerei que a miña memoria era o punto forte. Agora esquézome facilmente”, conta Fernández Nocelo.

A súa vida cambiou radicalmente. Recoñece que xa non dá seguido o ritmo do traballo, que a súa vida social desapareceu por completo e que se logra saír da casa para tomar un café, xa ten que descansar todo o día seguinte. “Unha das cousas máis duras é a invisibilidade da enfermidade. Saes un día á rúa porque te atopas cun pouco de forza e a xente xa che di que tes boa cara. A procesión vai por dentro. Non é unha enfermidade que te demacre pero sufrimos moita dor diaria e iso só o saben as persoas que viven connosco”, lamenta Fernández Nocelo, quen recoñece que a día de hoxe non hai ningún medicamento específico para esa doenza, tan só aqueles fármacos capaces de reducir a sintomatoloxía.

Novas liñas terapéuticas

A este respecto, Villapol asegura que a investigación en covid persistente está avanzando, pero talvez non ao ritmo que se precisaría. A neurocientífica aclara que se están explorando distintas liñas terapéuticas para abordar a enfermidade como, por exemplo, os enfoques baseados na persistencia viral, na regulación do sistema inmunitario mediante inmunomoduladores e tratamentos orientados á disfunción do sistema nervioso autónomo e do nervio vago. Tamén se están estudando intervencións sobre a microbiota intestinal para reducir a inflamación sistemática. “Estímase que no prazo dun ou dous anos podería dispoñerse de tratamentos sintomáticos máis efectivos”, recoñece. Con todo, é preciso avanzar moito máis na comprensión dos mecanismos subxacentes para personalizar os tratamentos segundo as prioridades de cada paciente.

Villapol, cuxa principal liña de investigación se centra no eixe intestino-cerebro, tamén está a estudar o uso da estimulación transcutánea do nervio vago. “É unha estratexia que está demostrando beneficios en pacientes con covid persistente que presentan síntomas neurolóxicos como fatiga e perda de memoria”, indica. Amais disto, a súa investigación sobre neuroinflamación e uso de nanopartículas para modular a resposta inflamatoria —sobre todo en modelos de alzhéimer e lesións traumáticas cerebrais— ten bastantes puntos en común coa covid persistente, o que podería permitir avanzar no coñemento desta enfermidade.

As mulleres, as máis afectadas

“O estigma aínda pesa sobre os pacientes de long covid. O máis habitual é que non pasaran a enfermidade grave nin estiveran en perigo vital, senón que viviron a infección na súa casa en necesidade de atención maior”, matiza Pilar Ledo, facendo fincapé na estendida crenza de que as persoas con covid persistente son aquelas que pasaron unha infección grave. Xunto á desinformación está a dificultade do diagnóstico e a falta de biomarcadores para detectar a enfermidade. Todo isto xunto á afectación en saúde mental. “A pandemia foi tan traumática que queremos pasar páxina como sexa a costa de esquecernos destas persoas”, lamenta Ledo.

Outro dos puntos nos que pon énfase a médica lucense é na diferenza de casos entre sexos: “O 70% das persoas afectadas por long covid son mulleres”. “É lóxico, dado que as enfermidades inmunolóxicas son máis frecuentes nelas. Ademais, viviron unha maior carga social da doenza”, indica Ledo. Pon o foco en que as mulleres, cando os fillos ou os pais enfermaban, eran tamén as principais coidadoras e, polo tanto, estiveron máis expostas ao virus. Amais diso, moitas profesións de primeira liña, como o persoal do supermercado, son maioritariamente femininas. Isto, xunto ás condicións inmunolóxicas, hormonais e xenéticas, fan que a porcentaxe de covid persistente en mulleres sexa tan elevada.

Cinco anos despois de que estalase a pandemia, o mundo volveu a recuperar a vella normalidade. Ou, polo menos, a meirande parte da poboación. Na memoria aínda queda o dó polos falecementos e as secuelas de quen aínda vive os efectos prolongados da enfermidade. A principal reclamación é non esquecerse do que se viviu, aprender e reforzar o sistema sanitario e continuar investigando para mellorar a calidade de vida de persoas como Noelia Fernández Nocelo, que está a vivir o que ela cualifica como inferno. “O que máis me custa é aceptar a enfermidade. Xa non son a mesma que era antes”, conclúe a súa voz cansa ao outro lado do teléfono.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. O artÍculo fixome recordar a cuarentena e acordarme das cousas divertidas que fixen, é un articulo moi bo e interesante, os datos estan moi ben organizados e explicados.
    Grazas por facer esta investigacion tan interesante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Como se detecta o hantavirus: así funcionan as probas de laboratorio mediante PCR

As autoridades estadounidenses notifican un “positivo leve” nun dos repatriados, aínda que Sanidade sostén que non presenta sintomatoloxía concluínte

O epidemiólogo Juan Gestal: “Non vai ser a próxima pandemia”

O experto explica que o perigo para a poboación global é baixo e que a resposta das autoridades debe centrarse na investigación da orixe do gromo