Drástico descenso da covid: “Pode que nun par de anos xa non teñamos que vacinarnos”

A inmunóloga África González asegura que hai poucos ingresos e leves, polo que o virus pode converterse co tempo nun arrefriado común

Hai cinco anos o mundo estaba a piques de vivir unha crise sanitaria sen precedentes. Un virus descoñecido apareceu por primeira vez na provincia chinesa de Wuhan e estendeuse rapidamente por todo o globo. Un lustro máis tarde, o balance da Organización Mundial da Saúde (OMS) cifra en 6,9 millóns os falecementos por SARS-CoV-2 e en 760 millóns o número de casos. Galicia está preto de acadar o pico da onda epidémica de gripe, mais a situación da covid é diametralmente oposta. “Hai moi poucos ingresos e os que hai son moi leves. Se esta tendencia se mantén, pode que nun ano ou nun par de anos xa non teñamos que vacinarnos”, prognostica África González, catedrática de Inmunoloxía pola Universidade de Vigo (UVigo).

Os datos do Informe de actividade das infeccións respiratorias agudas en Galicia demostran que as hospitalizacións por SARS-CoV-2 diminuíron lixeiramente nos últimos sete días. O grupo etario con maior porcentaxe de ingresos son os maiores de 80 anos. En canto á taxa de consultas, é de tan só un 9,3 por cada 100.000 habitantes nas seis semanas anteriores; unha cifra moi baixa comparada coa da gripe, que se sitúa no 35,5 para o conxunto de Galicia no último mes e medio. Semella, por tanto, que conforme aumentan os casos de influenza, diminúen os de covid.

A clave foron as vacinas

“Se o SARS-CoV-2 non muta máis e circula menos, é probable que se acabe convertendo nun arrefriado común, como tantos outros coronavirus”, sinala González. De ser así, non será preciso vacinar a poboación, como se está a facer aínda agora en grandes recintos. Ou, en todo caso, administrar as doses axeitadas a grupos moi seleccionados, como poden ser os maiores de 80 anos. En todo caso, a inmunóloga atribúe esta rápida situación de normalidade ao “éxito absoluto das vacinas”. “Salváronnos. Foron un antes e un despois. Se vemos que o virus non circula e as persoas manteñen a memoria inmunitaria, esa sería a manisfestación última do éxito”, asevera a científica da UVigo.

Con todo, González lembra que o coronavirus non é un patóxeno estacional, como a gripe, que é propia do inverno. O SARS-CoV-2 circula durante todo o ano e pode haber épocas cun maior número de contaxios, normalmente asociadas ao movemento masivo de persoas, como pode acontecer durante as vacacións, “pero nada comparable coas primeiras ondas”. Amais disto, a inmunóloga ve un claro desprazamento da covid en favor do virus respiratorio sincitial (VRS) e da gripe, que estas semanas están liderando o maior número de contaxios, especialmente a última. Unha situación contraria á da época máis dura da pandemia, cando apenas había influenza ou outros patóxenos respiratorios, dado que o espazo estaba copado polo SARS-CoV-2.

Un virus que muta pouco

En marzo de 2020 ninguén era quen de prognosticar como evolucionaría o virus e cal sería a situación case cinco anos despois. González cre que o proceso de volta á normalidade foi rápido para os tempos cos que conta a ciencia. “Temos que ter en conta que é un virus que non muta tanto como a gripe, para a que é preciso facer vacinas todos os anos porque as cepas A e B, as que circulan, mutan bastante”, detalla a investigadora. Con todo, isto non implica que o coronavirus non mute, senón que cando o fai os cambios non son o suficientemente significativos. En realidade só houbo dous tipos de vacinas: unha contra a primeira variante e outra fronte a outras dúas. “Polo que se está vendo, puido ser moi efectivo para inmunizar a poboación”, incide.

África González. Foto: Duvi.
A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González. Foto: DUVI

Este drástico descendo da covid, e a posibilidade de que dentro dun par de anos xa non sexa preciso vacinar a gran escala, lembra ao acontecido coa cepa Yamagata do virus da gripe. Leva catro anos sen detectarse en ningún país do mundo, polo que a OMS recomendou non incluíla na vacina actual contra a influenza. É dicir, fronte a un tratamento tetravalente de anos anteriores, este ano é trivalente, con dúas cepas da gripe A e unha de B. Aínda que o exemplo é moi diferente ao que se está a vivir a covid, a posibilidade de que os patóxenos deixen de circular, ou non sexan o suficientemente virulentos como para causar enfermidade grave, pode levar á OMS a evitar a vacinación. Talvez esta sexa o destino dun SARS-CoV-2 que se volva arrefriado común; incluso indistinguible doutros que circularon sempre.

Hai un novo virus chinés?

Mesturar as palabras virus e China xera certa inquedanza dada a memoria recente da covid: os hospitais saturados, os falecementos, o confinamento, a enfermidade persistente e unha longa lista de consecuencias, como o impacto económico e na saúde mental. Nos últimos días estase a falar do metapneumovirus humano (HMPV) que está a provocar un considerable aumento de infeccións respiratorias en China. Mais a alarma é infundada: “Coñécese dende hai tempo. Non parece que poida ser problemático. Hai moitísimos tipos de virus que provocan infeccións respiratorias, como os rinovirus e os adenovirus. O HMPV é un máis deles”. González decríbeo como unha mestura entre a gripe e o VRS.

Ante a alarma que desatan as dúas palabras, incluída a mediática, a inmunóloga cre que se debe a que agora todo o mundo, incluída a comunidade científica, está máis pendente. “Antes tiñas unha infección respiratoria, nada máis. Agora ti, na túa propia casa, igual que nos hospitais, podes saber se tes covid ou gripe A ou B”, di a catedrática da UVigo, indicando unha maior democratización deste coñecemento científico. Toda a tecnoloxía que se desenvolveu durante a pandemia marcou un punto de inflexión para inmunólogos, microbiólogos e virólogos e supuxo unha explosión de información en moi pouco tempo. “As tecnoloxías desenvolvidas, o persoal adestrado para facer PCR, as secuenciacións… Dotouse os hospitais e creouse un ecosistema máis favorable para a detección e o estudo de novos patóxenos“, sostén.

Un visión ao futuro

Con todo, o metapenumovirus humano non é grave. Precisa ser entendido no seu contexto e hai que fuxir das alarmas infundadas que ás veces collen forza polos recordos. Cinco anos despois, a covid está a quedar como un virus que provoca síntomas máis propios dun arrefriado e, xeralmente, de menor gravidade que a gripe. A propia África González, nunha peza publicada en 2021 en GCiencia, asumía que o SARS-CoV-2 chegaba para quedar con nós. Os seus prognósticos fixéronse realidade. Só queda esperar que esta vez volva acertar. Que a covid quede como un recordo, e como unha sintomatoloxía leve, moi semellante a calquera catarreira que colleras en calquera outro momento da túa vida.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ingresos por gripe en Galicia aumentaron un 55% na última semana

O virus provocou 107 novas hospitalizacións e suman 313 no que vai de tempada

Os casos de gripe ascenden en Galicia: “O pico chegará na semana do 20 de xaneiro”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegura que o aumento da incidencia xa se nota nas urxencias e nos centros de saúde

Radiografía da atención sanitaria telefónica: “Os máis novos parecen ter máis dificultades”

Investigadores da UVigo analizan a medida implantada masivamente durante a primeira onda da pandemia de covid-19

Que enfermidade infecciosa será a maior ameaza para a saúde humana en 2025?

A malaria, o VIH e a tuberculose causan dous millóns de mortes ao ano en todo o mundo, pero é a gripe aviaria a que está no punto de mira