Unha tese galega explora o potencial inmunomodulador e neuroprotector do litio fronte á covid-19

A investigación identifica cambios en biomarcadores inflamatorios e recuperación de parámetros inmunolóxicos en pacientes tratados co fármaco

A xefa de Psiquiatría da Área Sanitaria de Vigo, Marta López, vén de doutorarse con sobresaínte cum laude pola Universidade de Vigo pola teses titulada “Eficacia e seguridade do tratamento con Litio en pacientes infectados por SARS-CoV-2”.  A investigación, dirixida polo psiquiatra José Manuel Olivares e a doutora Tania Rivera, centrouse no estudo do litio como posible axente inmunomodulador e neuroprotector en pacientes con covid-19. Esta liña xurdiu durante a primeira onda da pandemia, a partir da práctica clínica directa e da evidencia previa existente sobre as propiedades antivirais e inmunolóxicas do fármaco. 

O traballo aborda desde os primeiros casos clínicos tratados en pacientes hospitalizados graves ata o desenvolvemento posterior dun ensaio clínico, analizando parámetros inflamatorios, inmunolóxicos e evolución clínica. No estudo participaron distintos servizos e profesionais da Área Sanitaria de Vigo, especialmente os equipos de UCI, Medicina Interna, Pneumoloxía, Laboratorio e Psiquiatría, reflectindo o traballo transversal e multidisciplinar desenvolvido durante a pandemia.

Publicidade

Ademais, a tese reflexiona sobre a relación entre neuroinflamación, inmunomodulación e psiquiatría, integrando a experiencia clínica vivida durante a pandemia cunha visión máis transversal da medicina e da investigación clínica.

Principais conclusións

O carbonato de litio é un fármaco de uso exclusivo baixo prescrición médica que se emprega desde hai máis 70 anos en distintos cadros psiquiátricos, como o trastorno bipolar, depresión resistente ou determinados casos de irritabilidade e axitación. Con todo, dende hai un tempo coñécese tamén a súa capacidade de inhibir a replicación de varios tipos de virus, algúns deles similares ao do SARS-CoV-2. Outra das súas propiedades é a capacidade para aumentar a resposta inmunolóxica, incrementando os niveis de linfocitos; así como a de previr e diminuír a actividade inflamatoria, a problemática principal nos pacientes máis graves, levándoos mesmo á morte.

Publicidade

Segundo explica a doutora Marta López, “as principais conclusións do estudo apuntan a que o litio podería ter un posible papel inmunomodulador e neuroprotector, observándose cambios en distintos biomarcadores inflamatorios e inmunolóxicos nos pacientes tratados”. Desta forma, os resultados abren novas liñas de investigación neste campo, aínda que a investigadora sinala que serán necesarios estudos máis amplos para poder confirmar os achados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro

O 99% dos pacientes non desenvolve cancro colorrectal nos cinco anos posteriores á extirpación de pólipos

No ensaio clínico participaron 640 usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

Arranca un ensaio clínico para avaliar a vacina combinada fronte á gripe e a covid en maiores de 65

O proxecto chámase Combogal e agárdase que participen nel 110.000 persoas entre a campaña que xa está en marcha e a da tempada 2027 - 2028

Sanidade rexistra un aumento na incidencia da gripe e a covid

As taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos aumentaron un 24,5 % e un 88,9 %, respectivamente, en comparación coa semana anterior